luns, 25 de novembro de 2013

N. Manimekalai: “Millóns de mozas viven escravizadas nas fábricas do téxtil”


N. Manimekalai é directora e xefa do Departamento de Estudos das Mulleres na Universidade de Bharathidasan, Tiruchirapalli (Tamil Nadu, India) desde o que desenvolveu unha investigación sobre as condicións de traballo das mulleres nas fábricas de téxtil. Manimekalai é tamén unha das protagonistas do documental “Cambia de papel” de Implicadas no Desenvolvemento. 
CARME VIDAL sermosgaliza.com

-En que condicións traballan as mulleres da India nas empresas do sector téxtil?
Son consideradas man de obra barata e sen organización para defenderen os seus dereitos. Maiormente son mulleres de zonas rurais que emigran atraídas por un traballo regular que non atopan no agro. En principio, no papel garántenlle oito horas de traballo por xornada mais a realidade é moi diferente. Carecen do máis básicos como acceso a baños. 
-No seu estudo explica que as mulleres viven nas propias fábricas. 
Na maior parte son adolescentes. O programa no que se inscriben recolle que se as rapazas quedan vivindo tres anos na fábrica páganlle 30.000 rupias (arredor de 300 euros). As empresas aprovéitanse da vulnerabilidade das adolescentes do mundo rural. As familias consideran que até que casan non poden estar seguras e mesmo poden estragar as súas perspectivas de matrimonio e, por esa razón, deciden que están mellor vivindo no propio lugar de traballo. Socialmente asúmese que teñen que contribuír á economía familiar. As empresas buscan man de obra barata que atopan nestas rapazas. Traballan xornadas inmensas, de máis de doce horas, en situación de escravitude e as empresas aproveitan a ida
de das adolescentes e a súa falta de coñecementos. Din que para elas tres comidas ao día e un espazo para vivir abonda. Moitas ONG´s están a traballar na sensibilización das familias. 
-Como son seleccionadas as rapazas para o téxtil?
Son millóns as que trabalan no sector. Existe a figura dos mediadores locais que van buscando ás rapazas e se unha consigue meter a outra danlle un incentivo de 1000 rupias. A maioría, polas condicións de traballo, non son quen de completar os tres anos e cando conseguen non reciben a recompensa porque lles piden unha grande cantidade de documentación. As 30.000 rupias serían para cubrir os gastos do matrimonio, así se recolle no programa. Para os rapaces non existe. 
-Non hai ningún tipo de control sobre a situación de escravitude das mulleres?
Existe unha rede de inspectores de traballo que dependen do goberno de Támil Nadu pero traballan en complicidade coas empresas. Unha vez que as rapazas entran na fábrica é como se desaparecesen. Ninguén comproba cal é a súa situación. 
-Vostede defende a tese que a globalización implica unha maior explotación. 
Foi a globalización a que produciu este sistema. As empresas que fabrican na India teñen que producir para un mercado global que busca un produto barato e só o atopan por medio de salarios baixos e programas ou convenios como o que expliquei. Son requisitos para colocar os produtos a un prezo competente. Diante desta situación hai que desenvolver alternativas, poñendo fincapé na responsabilidade social. As ONGs están a esixir ao goberno que garanta os dereitos e que a creación de emprego non sexa escusa para a explotación. Compre establecer normativas que poñan freo a esta situación. 
-A responsabilidade tamén está no consumo?
O mercado non ten conciencia da explotación no sector téxtil e falta información. É necesario desenvolver a responsabilidade cívica e mellorar a educación das persoas consumidoras. As empresas occidentais fan os pedidos ás subsidiarias e poderían esixir que se cumpran unhas condicións laborais. As empresas que compra tiñan que ter a obriga de observar o que acontece nas fábricas que subministran. 
-Tal e como vostede denuncia, a explotación do sector téxtil é claramente machista?
Existe unha clara interacción entre o patriarcado e o capitalismo. O Estado cala porque quere manter o fluxo da moeda e enténdese que a explotación ás mozas non ten contestación. A
s rapazas padecen unha situación de control nas fábricas, en oficios de pouca capacitación e mal pagos, nunhas condicións nas que carecen de voz. No traballo padecen unha grande represión, para cada vinte rapazas hai unha que se ocupa de inspeccionar. As que viven na fábrica non teñen privacidade, só poden falar por teléfono con altofalante e só poden saír unha vez por semana, sempre con unha persoa que as vixía para que non podan relatar o que pasa dentro. Se as familias veñen de visita tamén hai alguén que controla. Só van ao hospital en situación de gran gravidade e nin avisan ás familias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario