martes, 8 de outubro de 2013

80 anos dende que Galicia é, oficialmente, nación


Redacción | @prazapublica
 “Calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”. Deste xeito Plácido Castro subliñou a importancia histórica da participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, que se celebrou do 16 ao 18 de setembro de 1933, e que supuxo o primeiro recoñecemento oficial do país como nación. O recoñecemento chegou nun momento no que a Sociedade de Nacións (o equivalente no perido de entreguerras á actual ONU) comezou a perder autoridade, en boa medida polas tensións que acabaron levando á Segunda Guerra Mundial. Porén, o feito histórico e legal ficou e o propio Castelao no Sempre en Galiza salienta que “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.
Celébranse esta semana os 80 anos deste recoñecemento, escasamente reivindicado na actualidade, mesmo dende boa parte do galeguismo.  En boa medida foron nos últimos anos o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e a propia Fundación Plácido Castro os que con máis forza chamaron a atención sobre a importancia do evento, sobre todo no 75 aniversario, coa organización dunha mesa de debate e coa colocación dunha placa na casa de Plácido Castro en Vigo. Daquela Xulio Ríos destacaba que "fóra do fin político de cada un, xa sexa a autodeterminación, a independencia, o autonomismo, o rexionalismo..., o sucedido en 1933 é un feito histórico" e laiábase que "é unha realidade da que hai un gran descoñecemento na sociedade e que os líderes políticos galegos non deberían obviar".
O Congreso de Nacionalidades Europeas naceu en 1925 para reivindicar o dereito á autonomía (administración nacional propia) e ao libre desenvolvemento cultural das nacións sen Estado e das minorías nacionais existentes en Europa. Rexeitaba a modificación das fronteiras políticas existentes e reclamaba sistemas electorais que permitisen ás minorías contar cunha representación proporcional á súa significación numérica. Para ingresar no Congreso "a parte solicitante debía achegar probas ou manifestacións que evidenciaran a súa existencia mediante signos exteriores demostrativos dunha vida colectiva con carácter duradeiro", como recolle o IGADI nun especial.
Xa nos anos trinta Galicia achegouse a este organismo da man de vascos e cataláns e despois de que unha delegación do CNE (liderada polo seu secretario xeral, o estonio E. Ammende) realizase unha visita ao noso país. O Partido Galeguista procuraba fundamentalmente, segundo o IGADI, "o establecemento dun marco de cooperación cos movementos afíns que permitisen a universalización de Galicia no dobre senso de facer que Europa nos coñeza e nós coñecer mellor Europa" e o "recoñecemento da condición de nación por parte dun organismo internacional de considerable prestixio e reputación".
Plácido Castro, formado no Reino Unido dende moi novo, foi o encargado de representar a Galicia no Congreso, e foi recibido polo presidente do Consello da Sociedade Nacións, Mowinckel, primeiro ministro noruegués, e polo presidente do parlamento suízo, M. Motta. Na declaración presentada ao congreso proclamábase que Galicia “é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta", ao tempo que reivindicaba “o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo” e reclanaba "a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrucción". A declaración engadía que "Galicia desexa vivir en boas relacións coas outras nacionalidades de España e quere colaborar con elas para a regulamentación de tódalas cuestións de interese común. É evidente que non opón ningún obstáculo á realización dun ideal federal, calquera que sexa a a súa amplitude".
Á súa volta a Galicia Plácido Castro deu conta da importancia do que viña de suceder en Berna en tres artigos que publicou en El Pueblo Gallego, o primeiro o 30 de setembro, no que destacaba que "por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional". O segundo o 5 de outubro, no que Castro destacaba que unha das resolucións do congreso fixera constar que "a autonomía territorial é o medio máis adecuado de resolve-los problemas minoritarios, cando se trata de minorías que ocupan, en masa compacta, un territorio definido", o que viña apoiar as reivindicacións de autogoberno do PG: "velaí algo que se relaciona directamente co problema de Galicia e vén a confirmar, coa máis alta autoridade, a posición do movemento galeguista".
O terceiro artigo, titulado Galicia, nacionalidade europea, facía fincapé na importancia histórica da participación de Galicia no Congreso. Plácido Castro salientaba "o recoñecemento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencentes a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación". Tamén constataba o pulo que supuxera para a "universalización de Galicia", o que constituía "outra constante aspiración do galeguismo". No texto, Castro desbotaba o "separatismo", apostaba por "formar parte dunha Federación, calquera que sexa a súa amplitude. Federación hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego". E concluía que "Galicia, porque é galega, polos seus propios méritos, conseguiu ocupar un posto que non estivera ó seu alcance se se conformase con ser un anaco da España grande. É dicir, que Galicia, sendo galega, é máis universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun estado español uniforme". Neste artigo Castro proclamou, ademais, que “calquera que sexa o réxime político en que Galiza viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario