Marcos Pérez Pena | @zerovacas praza.com
Hai case cinco anos botou a andar o blog O Faiado da Memoria,
co obxectivo de dar a coñecer e difundir o traballo realizado pola asociación
homónima e polo Arquivo Social da Memoria, dependente da Concellería de Cultura
do Concello de Vilagarcía de Arousa. Nese momento o proxecto xa contaba con
máis de sete mil fotografías antigas da Illa, Catoira, Baiona, Gondomar, Oia,
Cangas e, sobre todo, Vilagarcía. O blog naceu para amosar ese tesouro, e
para animar á participación dos veciños e veciñas da comarca, tanto enviando
máis imaxes (dende entón publicáronse case tres mil máis) coma comentando e
incorporando información e lembranzas ás imaxes que periodicamente se van
publicando. "Este é un espazo aberto a participación, non só un
escaparate do traballo realizado. Tamén é unha porta para poder pasar, deixar o
comentario sobre as imaxes que vamos colocando, as impresións ou recordos que
lles traen, a identificación das mesmas, a correción dos datos que figuran
nelas".
Este material fotográfico, destacan os seus
responsables, "representa o noso pasado e tamén a nosa intrahistoria que,
tal como dicía Unamuno, é aquela historia que transcorre pero que non reflexan
os medios de comunicación. En suma: é a nosa vida". Así pois, atopamos paisaxes, actos oficiais, grandes
eventos, pero tamén vodas, bautizos e comunións, festas, imaxes familiares, da
escola ou do traballo. E non só fotografías, senón que o proxecto tamén recolle
algúns vídeos, vellas películas que amosan o pasado, sonoro e en movemento.
Cando os responsables da asociación contactan (ou son contactados) polos
propietarios das imaxes, diríxense ao seu domicilio cun ordenador e un escáner
para dixitalizar in situ as fotografías, evitando o risco de perda das mesmas.
En total o arquivo componse de 70.000 elementos
gráficos, máis de 50 horas de gravacións orais en vídeo, películas en distintos
formatos e datadas dende os anos 20 aos 60 (os anos setenta son o límite para a
admisión de material). Os seus responsables
levan realizadas seis exposicións temáticas, tres documentais e un festival de
música co obxectivo de recuperar o son dos anos sesenta. Se cadra, o traballo
máis interesantes dos realizados a partir dese arquivo é o documental Desde dentro do
corazón, que consta de cinco historias a través das que se pode
seguir a evolución de Vilagarcía ao longo do século XX, e que foi financiado a
través de crowdfunding. Neste filme amósase, a través de imaxes do
momento e de entrevistas realizadas na actualidade a algún dos seus
protagonistas, a Vilagarcía mariñeira de comezos de século, a presenza
británica até 1936, o afundimento do barco Cabo Razo ou a evolución do
marisqueo.
Hai uns días O Faiado da Memoria puxo en
marcha a súa nova web, que non só
inclúe melloras estéticas, senón que incorpora novas ferramentas, coma a
xeolocalización das imaxes a través de google maps, unha máis doada búsqueda
por etiquetas e anos, e unha moi interesante opción de vincular unha
fotografía antiga a Google Street View para advertir cunha soa ollada os
cambios experimentados polas paisaxes urbás, "ás veces é para chorar, pero
tamén para disfrutar", destacan. Polo de agora xa están incorporadas
unhas 600 imaxes á nova web, que se irá completando nos vindeiros meses.
Outros proxectos en Galicia
Este non é o único proxecto
existente en Galicia de construción dun arquivo fotográfico dixital, pero se
cadra si é dos máis ambiciosos e cun percorrido máis longo. De igual maneira, os concellos de
San Sadurniño, Rois ou Mesía son tres exemplos de municipios
que realizaron unha campaña de recuperación fotográfica da historia das súas
vilas e veciñanza. Na web do proxecto Fálame de San Sadurniño destácase
que é “un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido
colectivo as vivencias individuais que, só en apariencia, semellan
desconectadas”
Ningún comentario:
Publicar un comentario