Ana Requena Aguilar. Praza Pública
As sucesivas marcas de paro que España bate
trimestre tras trimestre e practicamente mes a mes son noticia recorrente. Pero
ademais dos seis millóns de persoas en paro, o mercado laboral ten outros
problemas. Por exemplo, a discriminación salarial, isto é, que homes e mulleres
seguen cobrando diferente por facer o mesmo traballo: esa diferenza foi do
16,2% en 2010, ou dito doutra forma, as mulleres cobran un 16,2% menos que
os homes, segundo un informe de UGT que publica con motivo do día contra a
discriminación salarial.
A esta diferenza do 16,2% chégase se se toma como
referencia o salario hora, tal e como fai Eurostat, a oficina estatística
europea, segundo a cal España estaría na media europea en canto a brecha
salarial. Con todo, se se toma a Enquisa de Estrutura Salarial do INE, a
brecha chega ao 22,5%
O sindicato sinala que os complementos salariais, os
pagos por nocturnidade ou fin de semana, e o pago de horas extraordinarias son
elementos "decisivos" nas diferenzas salariais. Esta brecha chega ao
27,5% se se consideran as cantidades percibidas por pagos extraordinarios no
salario bruto anual, cinco puntos máis que a diferenza media.
"Consecuencia da suma destas diferenzas, son menores as cotizacións á
Seguridade Social das mulleres con incidencia directa nas prestacións sociais
contributivas", sinala o informe. A peor soldo, peores prestacións
futuras de paro e xubilación.
O tipo de xornada laboral e de contrato teñen tamén
unha influencia decisiva nas diferenzas salariais. O traballo a tempo
parcial, peor remunerado e con peor protección social, segue recaendo
maioritariamente nas mulleres: o 80% dos asalariados a tempo parcial son
mulleres. A Enquisa de Poboación Activa revela que a maioría de mulleres
con este tipo de xornada a desempeña porque son elas as que se encargan tamén
das tarefas domésticas e de coidado. UGT sinala que o emprego a tempo parcial
debe ter garantías suficientes, tamén en protección social, e debe estar
limitado a situacións concretas.
O informe desmonta algunhas das razóns que
tradicionalmente se ofreceron para tratar de explicar as diferenzas de soldos entre
homes e mulleres. Por exemplo, a formación: nun
momento no que as mulleres son maioría nos niveis educativos máis altos, a tese
de que a brecha se debe á súa menor formación xa non ten vigor. De feito, UGT
constata que as diferenzas se producen en todos os niveles educativos. É máis:
a máis formación, máis discriminación salarial.
"En España, para alcanzar as retribucións
dun home sen estudos (18.110,06), unha muller debe ter un grao de Formación
Profesional (17.013,92) ou ser diplomada universitaria (19.001,54). E para
percibir un salario equivalente ao dunha muller licenciada, un home accede a
similares retribucións cun grao de Formación Profesional, xa que as mulleres
licenciadas, enxeñeiras ou doutoras, están moi lonxe de alcanzar o salario dun
home diplomado. A pesar do aumento dos niveis de formación das mulleres, estes
non atoparon o seu traslado nas retribucións salariais, atopándonos en moitos
casos con mulleres cunha cualificación superior ou moi superior ás tarefas que
desempeñan nos seus postos de traballo", afirma o informe.
Tampouco serven xa para xustificar as diferenzas as
interrupcións na carreira laboral das mulleres para ter fillos: a pesar de
contar co mesmo número de anos de permanencia no emprego, a brecha salarial
perdura. UGT sinala que as diferenzas salariais temperás adoitan arrastrarse
xa ao longo da vida laboral.
Outro do argumentos frecuentes eran as diferenzas
entre sectores de actividade e a escasa presenza de mulleres nalgúns deles. Con
todo, en sectores fortemente masculinizados ou fortemente feminizados, como a
construción ou a educación, respectivamente, a brecha é menor que noutros
segmentos. Por exemplo, as actividades administrativas, as actividades
profesionais, técnicas e científicas, o sector inmobiliario, o comercio ou as
actividades sanitarias e servizos sociais teñen as brechas máis elevadas,
superiores mesmo ao 30%.
Ademais, en todas as categorías profesionais as
mulleres perciben salarios inferiores aos dos homes: "Constatamos que na
mesma categoría profesional, desempeñando traballos de igual valor, a brecha
salarial é moi elevada, lembrando que os datos deixan fóra as retribucións en
especie, que aumentarían as diferenzas. Pero a lexislación non é suficiente
como así nos demostran estes datos. Ás dificultades para acceder aos postos de
dirección, hai que engadir que unha vez alcanzados, as diferenzas entre
mulleres e homes persisten".
A ganancia anual media dos homes con contrato
indefinido é de 27.676 euros, moi superior á das mulleres, que se sitúa en
20.987.000 euros. Hai, ademais, máis homes con contratos indefinidos que
mulleres: o 54,1% do emprego indefinido está desempeñados por homes, mentres
que as mulleres con este tipo de contrato apenas alcanzaba o 46%. É unha
diferenza superior á que se produce nos contratos temporais, é dicir, ter un
contrato indefinido leva maiores diferenzas salariais.
Con todo, cando os sistemas de acceso aos postos de
traballo inclúen criterios máis obxectivos, a brecha redúcese: no sector
público é do 12,3%, a metade que no sector privado. Os sistemas de oposición
ou de concurso-oposición, nos que non se ten en conta a vida persoal ou
familiar das persoas que concorren, garanten máis igualdade nos postos de
traballo. A brecha tamén oscila entre comunidades: mentres que
Navarra, Aragón e Asturias presentan as diferenzas máis acusadas, en
Estremadura, Canarias e Baleares, a brecha é menor.
Alemaña, unha brecha salarial moi elevada
"A brecha salarial está a producir unha brecha
social importante. A magnitude desta discriminación é preocupante non só pola
súa persistencia, senón tamén polas súas repercusións nas condicións de vida
das mulleres", subliñan o informe do sindicato. En España, a becha
pasou de ser do 20,2% en 2002 ao 16,2% en 2010. A redución foi parella á
redución na Unión Europea: en 2006, era do 17,7% mentres que en 2010 era tamén
do 16,2%.
Un dos países que adoita ser referencia en canto a
mercado laboral, Alemaña, ten con todo unha das diferenzas salariais máis
amplas da UE: alí as mulleres cobran un 22,3% menos que os homes. Estonia
ou Polonia tamén presentan brechas altas, por encima do 25%. Pola contra,
Eslovenia apenas chega ao 1%, mentres que en Polonia e Italia a diferenza
salarial rolda o 5%.
En 2010, os salarios baixos
afectaron a unha de cada seis persoas asalariadas na Unión Europea, das cales o
21% eran mulleres e o 13,3%, homes. En todos os países a proporción de mulleres
con baixos salarios é maior que a de homes con soldos pequenos. Os salarios
baixos danse tamén moito máis entre os traballadores con contratos temporais e
con estudos primarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario