O grupo
solidario estadounidense If Americans Knew botou a ollada aos datos
fornecidos por diversas fontes estatísticas e elaborou un recente estudo en que
debulla os efectos do conflito en Palestina. As consecuencias da colonización
israelí deixan desde o ano 2000 milleiros de persoas asasinadas, porén a
comparativa entre as vítimas dos dous actores en conflito reflicte importantes
desequilibrios.
OLALLA RODIL.
Sermos Galiza
"A
resposta israelí foi brutal: ataques aéreos sobre rúas cheas de xente,
indiscriminadamente...", quen así fala é Jamal Juma, activista palestino e
coordinador dun movemento social de resistencia non violenta á ocupación sobre
os territorios palestinos. Para Juma, o verdadeiro problema en Palestina
"é a ocupación, ese é o maior problema" materializado no "Muro
da vergoña" construído hai máis dunha década que lembra ao xenocidio
experimentado por moit@s xudeos e xudías durante o Holocausto nazi.
Vítima da
represión sionista Jamal Juma estivo preso nunha cadea de Tel Aviv --sen
acusación-- e narra con dureza a crúa realidade do día a día nos territorios
ocupados, "pagamos dúas veces o prezo da auga, que nos é racionada, dunha
auga que é nosa, do noso territorio, que foi usurpado", asegura,
entrementres un compañeiro seu que como Jamal toma parte no Fórum Social
Mundial que se desenvolve en Porto Alegre (Brasil) afirma con rotundidade
"isto é moito peor que o apartheid, non é acreditábel mais é
verdade".
Un
conflito en cifras
Neste
sentido, as cifras falan por si soas. Segundo os datos tirados polo grupo
solidario If Americans Knew,
desde setembro de 2000 foron asasinados máis de seis mil palestin@s adult@s
froito de ataques desenvolvidos polo exército sionista. Correspondéndose as
cifras máis elevadas coa Operación Chumbo fundido (2008-2009) e co 2002, ano en
que Israel levou a cabo a operación Escudo defensivo no campo de refuxiad@s
palestino de Yenin (Cisxordania). Moitas das persoas falecidas en Palestina
débense á falta dunha asistencia médica de urxencia, segundo apunta o informe
elaborado por If Americans Knew. Pola contra, neste mesmo período de
tempo, só faleceron 1.097 israelís --na súa maioría soldados. Así o recolle o B’Tselem,
oficina israelí do Centro para os dereitos humanos nos territorios
ocupados.
Porén, as
principais vítimas das ofensivas israelís sobre o territorio palestino son as
máis das veces crianzas. Desde o ano 2000 morreron perto de 1500 menores
palestin@s nos sucesivos ataques israelís, situándose máis unha vez o pico máis
alto no ano 2009. Catherine Cook asegura a este respecto que a maioría desas
crianzas foron asasinadas ou feridas entrementres desenvolvían actividades
diarias, como ir á escola, xogar, facer compras ou simplemente estar nas súas
casas". Aliás, o 64% d@s menores mort@s nos primeiros meses de 2003,
morreron a consecuencia de ataques terrestres do exército israelí ou mesmo de
fogo indiscriminado contra barrios residenciais.
Os
datos tirados do estudo deixan ver que o número de persoas asasinadas por
Israel é exponencialmente superior ao de cidadá(n)s israelís mort@s, en gran
medida froito da existencia dun exército profesional e de armamento de última
tecnoloxía que reduce as baixas hebreas e aumenta o número de vítimas
palestin@s. Neste sentido, John J. Mearsheimer e Stephen M. Walt aseguraban na
súa obra The Israel Lobby and U.S. Foreign Policy (O lobby de
Israel e a política exterior dos EUA) que "desde a guerra de outubro en
1973, Washington forneceu a Israel un nivel de apoio que supera o montante
previsto para calquera outro estado" até se converter a partir de 1976 no
maior receptor de axuda económica e militar dos EUA, desde a II Guerra Mundial.
En 2003 o financiamento estadounidense a Israel superaba 140 millóns de
dólares. No que levamos de ano e segundo informes do goberno estadounidense, os
EUA investiron máis de 3 millóns de dólares no seu aliado militar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario