30
Novembro 2012 18:10. Escrito por Carlos Santiago. Dioivo
Douscentos
trinta rapaces e rapazas de secundaria lembraron hoxe en Laxe a Cadea Humana de
Area Negra, recreando a palabra Vidas na praia de Soesto, dez anos despois
daquela mítica fotografía que se soprepuxera sobre a marea negra do Prestige.
Desta volta foi o fotógrafo Gabriel Tizón o encargado de retratar o momento
vital. A acción formou parte das iniciativas que esta fin de semana pon a andar
a Burla Negra dentro da súa campaña DesPRESTIGE, e que terá continuidade mañá no DesCONCERTO EXPANSIVO coa celebración
de case cincuenta actos culturais simultáneos en toda Galiza, na lembranza da
catástrofe do Prestige e tamén do movemento social ao que deu lugar. O proxecto
Dés-EDUCA-ACCION, no que se inclúea a
acción, arrincou hoxe venres no Auditorio de Laxe por volta das 10.30h. O proxecto
toma como pretexto a lembranza e homenaxe da Cadea Humana organizada en Xaneiro
de 2003 polo colectivo de mestres e mestras Area Negra, na que máis de 35.000
alumnos e alumnas uniron coas súas mans as vilas de Laxe e Muxía.
O acto
contou coa presenza de varios participantes daquela iniciativa como as mestras
e mestres de Area Negra Concha da Veiga, Puri Cabido, Montse Sánchez e Brais da
Cabuxa e os exalumnos Brais Fernández, Carlos Carracedo, Alberto Galego,
Beatriz Lema, Victor Mira e Sara Torreiro que relataron para as novas xeracións
o que foi aquela experiencia e actuaron como mestres de cerimonias xunto a
varios artistas como Miguel de Lira, Víctor Mosqueira, Carlos Blanco, Uxía
Senlle, Mónica García e Mini e Mero, apadriñando aos cinco institutos participantes,
o IES Cachada de Boiro, o IES Terra do Xallas de Santa Comba, o IES de Baio, o
IES Antón Fraguas de Santiago e o CPI de Laxe. Grupos de alumnos e alumnas de
cada instituto realizaron sobre o palco diversas montaxes teatrais e
performáticas a propósito da Catástrofe do Prestige, que permitiron a rapaces e
rapazas tomar conciencia do que foron aqueles días negros de hai dez anos e da
grave conmoción ambiental e social que provocaron. A cultura recuperou hoxe en
Laxe, grazas a eles e a elas, ese sentido do comunitario e do compromiso cívico
que naquela época foi cerna activa do movemento social.
Cada centro
recibiu dos seu padriños unha maleta da Cadea Humana con diverso material
textual e audiovisual sobre a catástrofe do Prestige. As maletas, que servirán
de arquivo para a elaboración de traballos e unidades didácticas circularán por
diversos institutos de ensino secundario do país durante todo o ano, recollendo
as contribucións e os proxectos elaborados polos alumnos e alumnas de todos os
centros.
Despois
do acto, os máis de douscentos alumnos dos cinco centros reuníronse na praia de
Soesto con Brais Fernández de Xandovela, onde os recibiu o sol e un fermoso
arco da vella entre o mar e a montaña, para recrear a célebre fotografía aérea
da palabra Vida realizada en 2003 polos participantes da Cadea Humana,
engadíndolle un S final que quere simbolizar a evolución vital de todos aqueles
alumnos e alumnas logo destes dez anos.
O xornalista e realizador Miguel Fernández
aproveitou a xornada para filmar a experiencia e integrala dentro do documental
que prepara xunto con Miguel de Lira sobre os dez anos da Cadea Humana. E pola
súa banda o fotógrafo Gabriel Tizón, quen cubriu todo o acto próximamente
dispoñible na web da Burla, realizou na praia de Soesto retratos de persoas que
participaron hai dez anos en labores de voluntariado e activismo social
relacionado coa catástrofe do Prestige.
Ningún comentario:
Publicar un comentario