12 Decembro 2012 08:54-Escrito por CGM- Dioivo
Hai 25 anos o pobo de Guitiriz viviu a súa particular revolución. Os veciños
decidiron unirse e opoñerse ao almacenamento no campamento militar de Santa Cuz
de Parga da carga tóxica do Casón, aquel buque de bandeira panameña que cinco
días antes sufrira un accidente durante un temporal na Costa da Morte que
provocara o movemento da súa carga e un letal incendio. Logo de que o Casón
fora remolcado ao sur da Praia do Rostro de Fisterra e que a Xunta de González
Laxe decidira evacuar a poboación de Fisterra, Cee e Corcubión cara A Coruña,
dada a suposta toxicidade da carga do barco, o Goberno do Estado decidiu levar
a carga cara o campamento militar de Santa Cruz de Parga.
Foi daquela cando correu a voz polo concello chairego e o pobo organizouse
para impedir que aqueles bidóns cuxo verdadeiro perigo se desoñecía, e se
descoñece aínda hoxe, se almacenasen no seu territorio. Co cura Alfonso Blanco
Torrado á fronte, o incansable cura que leva anos dinamizando o concello e é o
principal impulsor do mítico Festival de Pardiñas, os veciños montaron unha
barricada na N-VI con neumáticos ardendo para impedir o paso dos camións. O
convoi acabou dando volta pero logo voltou acompañado polos antidisturbios da
Garda Civil. A determinación dos guitiricenses non diminuiu e logo de duros
enfrontamentos conseguiuse por fin derrotar a vontade do Goberno Central, que
acabou enviando a carga cara o peirao de Alúmina-Aluminio de San Cibrao, onde
baterían con novas e afoutas resistencias.
25 anos despois, a Asociación Xermolos de Guitiriz quere
lembrar aquel episodio heroico cunha serie de actividades que comezan no día de
hoxe a partir das 19 horas na Casa Habanera coa presentación do libro
'Prestige, tal como foi, tal como fomos' do xornalista Xosé Manuel Pereiro e a
proxección do vídeo ´Casón 1987' producido por Antón Reixa en colaboración coa
TVG. O vindeiro martes 18, tamén ás 19 horas na Casa Habanera,
presentarase o vídeo do realizador local Paco Ja: 'Paso do Casón por estas
terras', ademais dunha reedición do número da revista Xermolos publicada no
aniversario daqueles acontecementos e maquetada por Xosé Antonio Arias. Ao
remate deste acto haberá unha actuación musical de Mini e Mero. O sábado 22 de
decembro terá lugar no Mesón da Cabra unha foliada-homenaxe a todos os veciños
que participaron naquela resistencia heroica. Entrementres, pódese asistir na
Casa das Palabras á exposición fotográfica 'Paso do Casón por estas terras', de
Pepe Álvez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario