Montse Dopico | praza.com
A historiografía puido documentar, ata agora, 360 casos
de vítimas da represión franquista de orixe portuguesa, 68 delas asasinadas. O
seu compromiso social e político foi o motivo das represalias. Formaban parte
dunha emigración lusa en Galicia á que, durante demasiado tempo, non se prestou
unha atención especial na investigación. Seguramente, en parte, porque a súa
integración na sociedade galega facía que pasasen por galegos e galegas. En
calquera caso, Estados español e portugués tentaron borrar a súa memoria. E o
historiador Dionisio Pereira
non estaba disposto a consentilo. Por iso escribiu Emigrantes,
exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940),
publicado por Através Editora. Falamos con el desta obra.
O libro recupera unha parte da memoria histórica
negada tanto polo franquismo como polo salazarismo. Neste sentido, inscríbese
no traballo que levas realizando nos últimos anos. Cal foi, en concreto, o
punto de partida deste libro?
Pódese dicir que o libro ten uns alicerces de
carácter científico e historiográfico, pero paira tamén un pulo cívico e
fraternal cara á poboación humilde do país veciño, algo que, por raigame
familiar, forma parte da miña xeografía emocional. A idea xorde, non obstante,
ao constatar na base de dados do Proxecto Nomes e Voces o relativamente
elevado número de persoas con orixe portuguesa obxecto de represalias. Ao
tentar darlle unha explicación, non houbo outra que prestar atención á
emigración portuguesa na Galiza, un fenómeno que pasou desapercibido para a
nosa historiografía.
Mais tamén a miña implicación, que vén xa dos
comezos desta centuria, coas iniciativas cidadás que pretenden reivindicar a
epopea dos traballadores do camiño de ferro no surleste ourensán, moitos dos
cales eran de nacionalidade portuguesa, alentou a teima de remexer nesta
faciana descoñecida da represión franquista no territorio galaico. Por último,
outro incentivo importante para culminar a investigación foi a xeira que, na
primavera-verán de 2012, impulsou o devandito Proxecto para homenaxear os
perseguidos e perseguidas de nacionalidade portuguesa na Galiza, con diversos
actos levados a cabo en Ourense, Campobecerros (Castrelo do Val) e Monção. De
feito, a homenaxe levada a cabo nesta localidade miñota foi o primeiro, e ata
este intre o único, recoñecemento público en territorio portugués aos
compatriotas represaliados polos franquistas no conxunto do Estado español.
En canto á metodoloxía, escolle un enfoque
transnacional. Cales foron, nesta investigación, as vantaxes desta abordaxe?
Este enfoque permite contemplar o devalar social dos
emigrantes portugueses tendo en conta a súa orixe social e nacional, mais tamén
o seu grao de incorporación ao mercado de traballo na Galiza e os problemas que
aquela presentou no período considerado, contando asemade con que o país de
acollida era moi semellante canto á lingua e hábitos de sociabilidade. Deste
xeito, os traballadores portugueses radicados na Galiza poden ser considerados
a todos os efectos (mesmo no eido político ou societario) galegos coas súas
raigames alén Minho; isto non é só un enfoque académico, mais tamén unha
percepción popular. Por último, entendo que a visión transnacional focalizada
dende o estudo e o (re)coñecemento dunhas realidades locais separadas por
fronteiras decote arbitrarias, é unha vacina eficaz contra o chauvinismo e a
xenofobia.
Unha das hipóteses que manexas, precisamente, é que,
se cadra, a invisibilidade da emigración de cidadáns portugueses e da súa
represión tivo que ver coa súa integración social e cultural: pasaban por
galegos. Podes explicar isto?
A emigración portuguesa na Galiza, constatada xa nos
comezos da Idade Moderna, foi persistente e silandeira a través dos séculos;
ademais, estivo moi esparexida por toda a Galiza rural, debido a que ata
despois da Primeira Guerra Mundial aquí a penas houbo núcleos urbanos de
relevancia. Ao cabo, a identidade cultural coa poboación autóctona, a cativa
taxa de retorno e a serodia aparición de instancias asociativas propias da
emigración portuguesa, contribuíron a que tanto na Galiza como no seu propio
país, Portugal, aquela pasase desapercibida e fose case que invisíbel.
Mesmo, en paralelo ao proceso de españolización que
aturaba (e atura) a poboación galega, a maioría dos nomes castelanizáronse. Con
posterioridade e agás casos illados, os portugueses e portuguesas foron
represaliados polos franquistas non pola súa nacionalidade, senón polo seu
compromiso coas loitas sociais no noso país e pola súa defensa do réxime
republicano, sen distinción dos seus camaradas galegos. Por todo o devandito,
concluímos que os emigrantes procedentes da outra banda da raia poden ser
considerados naquela altura como galegos e galegas de orixe portuguesa.
En canto á emigración, pasa dun primeiro momento de
integración na economía das familias rurais da "raia" -xornaleiros,
criados...-, a participar da eclosión urbana de Galiza no cambio de século. A
patronal utilizou man de obra portuguesa para rebentar as loitas laborais do
nacente movemento obreiro. Como foi isto?
Daquela, a presenza dos emigrantes portugueses
estendeuse moito máis alá da contorna da raia, espallándose por toda a
xeografía rural do país; mesmo deixaron a “serra portuguesa” como agasallo para
a nosa etnografía!. Despois, a comezos do século XX, diante da falla de man de
obra provocada pola masiva emigración americana nun intre de importante medre
da urbanización na Galiza, a patronal desenvolveu unha estratexia consistente
en incorporar ao mercado laboral traballadores procedentes das zonas rurais do
Norte de Portugal, para moderar os xornais no ramo da edificación.
Naquel tempo, foi habitual na Galiza urbana o
crebafolgas de orixe portuguesa, habida conta a cativa organización operaria do
territorio miñoto e trasmontano. A partir dos anos vinte do século pasado, a
situación mudou coa consolidación de nichos laborais nas cidades ocupados de
xeito permanente por man de obra de orixe portuguesa, caso do ramo da
construción da cidade de Vigo. Como consecuencia, na etapa republicana a
integración dos emigrantes portugueses que traballaban nas cidades galegas nas
grandes centrais sindicais, CNT e UGT, non desmereceu á do proletariado
autóctono.
Na primeira fase, moitos portugueses emigraron
clandestinamente para zafar do servizo militar na Grande Guerra. Cales eran os
principais motivos para a emigración, nesta primeira etapa? Cales eran os
oficios que máis desempeñaban os portugueses entón, e como muda o perfil na
Segunda República?
Antes do século XX, predominaban os oficios de
carácter rural como os serradores, os cesteiros, os cabaqueiros (telleiros), os
canteiros ou os xornaleiros; as súas motivacións non eran outras que fuxir
dunha vida miserenta nos seus lugares de orixe. No tempo da Iª Guerra Mundial,
na que Portugal foi belixerante, moitos liscaron para non ter que participar na
contenda; dese tempo veñen non poucas familias galegas cuxo devanceiro foi
desertor do exército lusitano. Na etapa republicana, predominaban xa os oficios
urbanos relacionados coa construción (incluída a obra pública, como o camiño de
ferro), a madeira e a minaría, no caso dos homes; domésticas, criadas e
labregas, no caso das mulleres.
Na Segunda República, tras a crise do 29, limítase a
liberdade de movementos dos traballadores estranxeiros e mesmo aplícase a 'Lei
de Vagos e Maleantes' para deportar portugueses. Cal era, naquela altura, o
grao de participación dos portugueses no movemento obreiro galego?
Ese foi un aspecto moi negativo da Segunda República
española, á que compre non idealizar: a deportación de estranxeiros (neste caso
portugueses) ao abeiro da devandita lei, que aplicou de maneira arbitraria a
consideración de “indesexable”, unha terminoloxía pre-republicana xa que logo,
a certos activistas políticos ou sindicais denunciados pola patronal ou
distintos entes gobernativos. Daquela, os máis prexudicados foron os cadros
portugueses das organizacións anarcosindicalistas, moi implantadas nas
bisbarras lindantes co país veciño tal que o Baixo Miño, Entrimo ou Monterrei;
tamén os afiliados á UGT de orixe lusitana tras o fracaso da Revolución de Asturias
en 1934.
Así, no tempo republicano a presenza de
militantes de nacionalidade portuguesa non só nos sindicatos senón nos
distintos partidos políticos de esquerda, caso do PSOE, o PCE ou da propia FAI,
estaba á orde do día na Galiza. Mesmo crearon grupos anarquistas propios de
chamativa denominación como Os Conquistadores Modernos, integrado por mineiros
portugueses que traballaban nas explotacións de wolfram de San Finx, en
Lousame.
Non houbo só emigrantes económicos, senón tamén
exiliados políticos, segundo contas moi ben recibidos por republicanos e
galeguistas. Que importancia tivo a organización do exilio en Galicia, tanto na
ditadura salazarista como no período anterior?
O perfil do exiliado político portugués na Galiza
foi ben distinto do emigrante: na súa grande maioría eran persoas de boa
posición económica procedentes das capas medias, xeralmente altos cargos
políticos ou militares de rango. Por diferentes lugares do país estiveron entre
1926 e 1936 dende o deposto Presidente da República Bernardino Machado, até antigos
xefes de Goberno, caso de Francisco Cunha Leal ou Afonso Costa, pasando por
relevantes persoeiros da milicia como o Tenente Coronel Ribeiro de Carvalho.
A presenza do exilio portugués na Galiza durante a
República foi cualitativamente importante; arroupados por correlixionarios
galegos, levaron a cabo unha relevante campaña de axitación e descrédito da
Ditadura militar, primeiro, e do Estado Novo, máis adiante. Non obstante, fóra
dun pequeno fato de exiliados de orixe proletaria e ideoloxía marxista ou libertaria,
a maioría tiña un talante moderado, de carácter liberal-democrático. Eles, como
os anarquistas devanditos, contaron así mesmo con organismos de seu, caso da
União Geral dos Combatentes Republicanos, que contou con grupos en Vigo,
Baiona, Tui e Coruña.
Durante a Guerra Civil, a represión de cidadáns
portugueses tivo máis que ver, segundo explicas, coa súa participación ou
simpatía co movemento antifascista que cunha suposta xenofobia. Como chegaches
a esta conclusión?
Non atopamos trazos desta hipotética xenofobia na
documentación que xeran os actos represivos, tampouco nos testemuños orais aos
que tivemos acceso. Ademais, agás casos illados, a porcentaxe de persoas con
orixe portuguesa mortas nas localidades onde os asasinatos teñen lugar, é
pequena en relación ao total de mortos locais, proba de que non existiu un
“incentivo” de carácter nacional e xenófobo máis alá do que está presente na
grande maioría das represalias: o compromiso social e político das vítimas.
Isto é válido tamén para a cidadanía portuguesa
represaliada. Arestora temos documentadas en torno a 360 vítimas de orixe
lusitana, 68 delas asasinadas con diversa metodoloxía. A nivel relativo, o
índice de mortalidade sobre o total da colonia portuguesa na Galiza é
semellante ao das vítimas mortais galegas respecto da poboación do país.
Outra das conclusións que tiras é que a diplomacia
portuguesa -agás excepcións-, ou colaborou co franquismo, ou deixoulle facer,
ou só presentou discretas protestas por motivos "humanitarios" fronte
á represión. Canto tivo isto que ver coa estratexia conxunta de franquismo e
salazarismo de deter o antifascismo? Por que o Estado portugués agochou isto?
Empregando unha terminoloxía actual, a diplomacia
portuguesa practicou con habilidade algo no que os políticos do PP galaico son
mestres: o deporte de facer que se fai. No caso dos fusilamentos de cidadáns
portugueses, só nunha pequena porcentaxe tiveron éxito os seus tépedos chamados
a que se aplicase a legalidade portuguesa, na que non existía a pena de morte.
E levadas a cabo as execucións, non dixeron ren. Canto aos “paseos”, eses nunca
existiron para o lisboeta Ministerio dos Negócios Estrangeiros. O Estado Novo
salazarista viu, primeiro na IIª República española e despois na Guerra Civil
que desembocou nunha revolución proletaria nalgunhas zonas que non caeran en
poder dos golpistas, un perigo certo para a súa propia supervivencia.
Non pode sorprender, pois, a súa avinza cos
sublevados. Ese plantexamento “salvacionista”, levou a que os partidarios de
Oliveira Salazar consideraran aos compatriotas antifascistas radicados no
Estado español como “malos portugueses”, uns inimigos da nación que merecían o
castigo que os franquistas lles reservaban. En relación ao escurecemento dos
feitos, se acaso o Estado Novo desexaba evitar que o descontento da poboación
con estas prácticas homicidas dos franquistas para con os seus connacionais,
puidese derivar nun conflito diplomático co Goberno de Burgos.
Sinalas un feito interesante, que é o xeito no que,
fronte a unha relativa simpatía cos "vermelhos españois” fuxidos no monte,
a memoria colectiva portuguesa asumiu os seus propios guerrilleiros como
"bandidos", despolitizando as súas accións. Por que se produciu este
fenómeno? Que importancia tivo, para os guerrilleiros galegos, o apoio prestado
pola poboación portuguesa da "raia"?
Aínda falta moito por coñecer desta guerrilla
“promiscua” propia da raia fronteiriza: os seus compoñentes, as súas accións e motivacións….
A poboación portuguesa do territorio raioto onde moitos guerrilleiros
“españois” radicaron a súas bases de retagarda ata 1947 sen actuar,
sufriu moito polo apoio prestado ao “maquis” debido ás represalias quer dos
franquistas, quer dos salazaristas. Un padecemento descoñecido tanto en
Portugal como na Galiza, un padecemento que ninguén reivindicou e polo que
ninguén esixiu xustiza e reparación…Foi nestas mesmas zonas (Sernande, Os
Pinheiros, O Cambedo, Castro Laboreiro…), onde cidadáns portugueses se
incorporaron á guerrilla, conformando algún grupo onde a totalidade dos
compoñentes eran veciños destas contornas.
Pois ben, a reacción que describes pode ser debida
se acaso a que esta guerrilla si actuou e levou a cabo distintos golpes
económicos, que incrementaron aínda máis o padecemento da poboación. Tamén
podería explicarse, aludindo ao que o historiador Carlos Velasco denominou
“memórias envergonhadas”. Fillas do sufrimento e propias de sociedades onde
(como en Trás-os-Montes ou en boa parte da Galiza) a hexemonía das oligarquías
conservadoras e da Igrexa Católica é abafante, as memórias envergonhadas
rexeitan todo aquilo que poida lembrar o antagonismo e levar á confrontación
social. Despolitizando a memoria destes combatentes, elimínase o seu potencial
liberador. Pero todo o anterior se reduce a unhas hipóteses, que deberiamos
confirmar mediante un inaprazable traballo de campo.
Cal foi, en xeral, a presenza das mulleres como
emigrantes e despois exiliadas? Tivo, como no caso galego, a represión delas
algún compoñente adicional de xénero (rapadas, violadas...)?
O libro pretende ser tan só unha achega que focalice
o interese na comunidade portuguesa na Galiza, sen realizar unha análise
pormenorizada da mesma e moito menos tendo en conta a perspectiva de xénero.
Iso sería materia dun estudo de seu. Con todo, rexístrase a presenza feminina
nestas migracións, quer como xornaleiras e criadas no rural, quer como
domésticas ou prostitutas nas cidades como Ourense ou Vigo.
Exiliadas, poucas, a non ser as mulleres e as fillas
dos políticos expatriados como Elzira Dantas, esposa de Bernardino Machado que,
mesmo, escribiu un feixe de relatos na súa permanencia na Guarda. As mulleres
representan unha pequena pero significativa porcentaxe do conxunto das
represalias, arredor dun 7%, tres delas asasinadas. A maioría das mulleres
padeceron persecucións polo seu apoio aos fuxidos e tamén rexistramos algún
caso de agresión sexual. Debemos lembrar, así mesmo, ás mulleres que foron
presas no Norte de Portugal entre 1936 e 1947, debido á colaboración que
prestaron aos fuxidos e guerrilleiros galegos refuxiados en territorio luso.
Algo máis que queiras engadir?
Se procede…O libro está dedicado aos combatentes
antifascistas, tanto os de acá como os de acolá. Máis tamén toda homenaxe ás
vítimas do fascismo a un e outro lado da raia, entendo que debería ser, ao
tempo, un motivo de irmandade entre Galiza e Portugal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario