xoves, 29 de decembro de 2011

Piden a retirada das placas e rúas franquistas de Ferrol


"Ferrolterra Nosa Memoria" acaba de presentar no Rexistro Xeral do Arsenal militar de Ferrol un escrito para reclamar o cumprimento da Lei da Memoria Histórica.
Por Galicia Confidencial | Ferrol | 16/12/2011
Nun documento dirixido ao almirante xefe do Arxenal, Cortés Uría, Ferrolterra Nosa Memoria pide a supresión dos nomes das rúas do Arsenal.  Esta asociación denuncia  que o recinto militar está inzado de nomes de militares que no ano 1936  non dubidaron en sumarse á rebelión de Franco para alzarse contra un goberno legalmente establecido.

Esta asociación cre que manter o rueiro actual do Arsenal  é , "aparte de ilegal, vergoñento" tanto para a Armada como para a cidade de Ferrol."Estase ensalzando a militares golpistas e  lexitimando que as  Forzas Armadas, nun momento dado , poidan someter a vontade do pobo". Por todo elo insta ó almirante Cortés Uría a borrar das súas dependencias os nomes de "afectos ó réxime franquista e cooperadores do que acabou sendo un dos maiores xenocidios de Europa".

No escrito presentado lembra que no Arsenal Militar de Ferrol existen placas de rúas e outras mencións commemorativas da sublevación militar, da guerra civil e a represión. Unha situación, di, que acontece sen que Ministerio de Defensa resolvera a súa eliminación malia a mención aprobada no pleno do Concello de Ferrol a proposta de Esquerda Unida en setembro de 2009 na que se instaba a este departamento a eliminación en consonancia coa Lei da Memoria Histórica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario