martes, 20 de decembro de 2011

Os "soños" dos nenos xitanos


"Teño que sacar o graduado. Tamén me gustaría que a miña nai aprendera a ler", desexa unha nena de etnia xitana... Arquitectos Sen Fronteiras presenta o audiovisual 'Pedra Papel' no que conta a experiencia de once cativos no asentamento de Ponte Pasaxe. Completo vídeo de Tingalaranga para GC no interior.
Por Xurxo Salgado | A Coruña | 13/12/2011
"Quero unha casa quente con calefacción e unha habitación... Eu prefiro unha casiña porque un piso é moi pechado. Gústame saír para fora e ver xente", conta en galego unha das nenas de etnia xitana que participa no vídeo.
"Teño que sacar o graduado. Tamén me gustaría que a miña nai aprendera a ler", escribe outra. "Meu pai quere traballar pero está enfermo. Antes traballaba de mariscador pero agora xa non pode. Doelle a espalda e as pernas", asegura un terceiro. Son os protagonistas dun vídeo de Arquitectos sen Fronteiras.
O documental 'Pedra papel'  reúne a once cativos do asentamento  xitano da Ponte da Pasaxe (A Coruña) nun espazo alleo ao seu entorno. O proxecto consiste na elaboración dunha “mini reportaxe”, onde o guión saíu de xeito natural e comunitario, entre as conversas e xogos que se deseñaron para o desenvolvento das xornadas.
"A maxia da infancia, e as ilusións  por mellorar a vida, sempre están presentes nas conversas das nenas e nenos que viven no asentamento de chabolas de Ponte Pasaxe. Moitos xamais viron nin visitaron  unha vivenda diferente a unha chabola, nin sequera se fan a idea de cómo sería unha mellora na súa vida que os igualara en dereitos e condicións ao resto de nenos e nenas da cidade", apuntan desde esta ONG.

"Produto destes encontros logrouse coñecer as motivacións, os soños, as inquedanzas e as manifestacións que os máis pequenos de A pasaxe teñen ante a vida", engaden. Estas historias de vida foron gravadas en audio e video, xerando así o recurso que dou pe á elaboración do guión do Audiovisual “Pedra papel”.

O texto que se narra foi extraído dos parlamentos que se xeraron entre os nenos e nenas nas actividades, intentando conservar ao máximo posible as súas exposicións e que foi froito das dinámicas de convivencia  e traballo comunitario entre o equipo de Arquitectos Sen Fronteias  e os nenos e nenas de A pasaxe. "Con esta carta espero que agora xa nos coñezas", remata unha das nenas que participa no documenta.

A sedentarización do pobo xitano

Entre os anos 50 e 60 as familias xitanas que percorrían os camiños en carros e cabalerías deixaron de viaxar e sedentarizáronse, obedecendo ás transformacións producidas na estrutura social e económica da sociedade española. Esta sedentarización deuse na meirande parte nas zonas urbanas na busca de alternativas económicas e laborais. 

Os asentamentos supuxeron a posta en marcha de algúns mecanismos, escasos, de cara á integración social, como puido ser a escolarización, pero tamén un debilitamento  do colectivo e da súa cultura, isto provocou un desaxuste que aínda hoxe está sen resolver en moitos casos.

Nos anos 60 , no caso de A Coruña, comezaron a implantarse algunhas medidas municipais de realoxo en zonas periféricas que deron nacemento a asentamentos de infravivendas que aínda perduran hoxe, como é o caso do Campanario en O Portiño.  outras familias quedaron ao marxe deste planes e seguiron nos asentamentos de chabolas. Posteriormente, nos anos 80, co motivo da construción dunha grande superficie comercial,  desmantelouse o asentamento de chabolas que existía na zona de A Cubela, orixinando a creación de 3 novos asentamentos de chabolas.

Estes tres novos asentamentos son Penamoa, froito da intervención municipal de construción de barracóns provisionais, para aloxar ás familias de A Cubela; As Rañas, froito dunha iniciativa particular dunha familia xitana e mostra do seu desexo de normalización coa compra duns terreos no núcleo de Martinete-As Rañas; e A Pasaxe, onde se aloxaron xitanos convivindo con mercheros e portugueses nas naves abandonadas da “Conserveira Celta” e de “Jabones la Toja”. Todos estes casos perduran dende os anos 80 ata día de hoxe,  apartados da sociedade e envoltos nun alto grao de vulnerabilidade e exclusión social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario