Miguel Pardo
| @depunteirolo / praza.com
A exposición Galegos en Mauthausen chega a
Fene este xoves. A mostra, baseada no libro co mesmo nome, serve como homenaxe
aos cidadáns galegos que pasaron polos campos nazis de exterminio, e céntrase
nunha obra que serve tamén para "recuperar a dignidade" dos
veciños das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal que acabaron sufrindo as
barbaries dun réxime asasino.
Tanto esta exposición como o libro xorden dunha
iniciativa posta en marcha polas asociacións ferrolás Memoria Histórica
Democrática e Fuco Buxán. Enrique Barrera, historiador e autor da obra, pasou
dous anos contactando cos parentes das 21 persoas destas comarcas do norte de
Galicia que sufriron a cadea nos campos de exterminio. "Foi un traballo
moi laborioso", lembra sobre unha investigación que comezou cunha lista
elaborada por historiadores nas que se relataban os nomes dos 9.000 españois
que pasaron por Mauthausen, Buchenwald ou calquera outro daqueles tétricos
lugares. Perto de 200 deles procedían de Galicia e a maioría foron
capturados cando loitaban co exército francés na Segunda Guerra Mundial.
A raíz das súas pescudas, Enrique Barrera foi
descubrindo máis casos e descartando outros moitos para quedar cunha listaxe da
que logrou información a través dos seus parentes, a maioría deles asentados
fóra de Galicia logo do exilio sufrido polas súas familias tras a Guerra Civil
española. "A inmensa maioría da xente foi moi aberta, contou todo o que
sabía e alegrouse de que lembraramos os seus antepasados", di o
historiador, que destaca "a filosofía de vida común" que unía a case
todas estas persoas. "As súas familias transmitíranlles unha forma de vida
positiva e centrada en non odiar nunca a ninguén", asegura. "Impresiona
a serenidade (que non resignación) ante a traxedia e como os sobreviventes
foron capaces de transmitir un código de valores e de xustiza onde estaba
excluída a vinganza persoal”, engade.
Houbo excepcións tamén. Como a de algún familiar
"que non sabía nada da historia dos seus familiares" ou a de
"dous casos" nos que as persoas contactadas "seguían negando a
realidade". "Tiñan ideas franquistas e continuaban negando o que lle
ocorrera a membros da súa propia familia, aínda que só foron excepcións",
engade.
"A ditadura negoulles aos familiares o dereito
a chorar os seus mortos e agora nunha democracia teñen que escoitar voces que
cualifican de vinganza a recuperación da memoria histórica e a dignificación
das súas vítimas”, quéixase Enrique Barrera, que di
que "precisamente" o que hai que facer coa Historia é "removela
para pechar as feridas". "Non se pode falar de reabrir feridas cando
nin tan sequera se pecharon; para reabrir algo antes hai que cerralo de todo e
para pechar estas feridas hai que dar dignidade, homenaxe e recoñecemento a
esta xente", denuncia o historiador. "O outro é amnesia",
insiste.
Enrique Barrera fai unha comparación co caso das
vítimas de ETA. "Hai asociacións, son homenaxeadas e están presentes; eu
véxoo normal e é o que se debe facer, pero moitos dos que piden que se recorde
estes asasinados son os que piden que se esqueza as vítimas do franquismo ou do
nazismo; é unha diferenza puramente ideolóxica que fai xente que adoita
estar moi relacionada coa ditadura", reflexiona.
E o esquecemento, como di Barrera, provoca tamén
agravios que chegan de parte das administracións. Durante a súa investigación,
descubriu como moitas familias de deportados nunca recibiran axuda ningunha por
parte do Goberno alemán, como si recibiran outras vítimas. Ningún concello lles
trasladara a información da embaixada alemá, polo que moitos deles lograron
acceder ás indemnizacións logo das súas achegas para o libro.
O Goberno alemán e francés dan subvencións e
indemnizacións a campos nazis. Hai familias que nunca chegarona recibir esas
axudas porque os alcaldes non lles trasladaban a información da embaixada
alemá. A raíz desta investigación, algúns deles puxéronse en contacto e
cobraron axudas que estaban vixente.
Pero as vítimas do franquismo e do nazismo seguen
esquecidas e sen dignidade en España. Mentres,
sucédense homenaxes como esta mostra, que poderá visitarse na Casa da Cultura
de Fene (Avda de Conces, 20-22) dende o xoves 10 de xaneiro ata o vindeiro 24
de xaneiro en horario de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e
os sábados de 10 a 13 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario