domingo, 30 de marzo de 2014

40 anos de Fouce



"Iste é o único remedio que nos queda: FOUCE. Ista revista quere ser a voz de tódolos labregos de Galicia, de tódolos sen voz. Os periódicos que se venden nos quioscos somentes poñen o que ao Goberno i empresas capitalistas lles interesa, leendoos parece como si o campo fora ben i os labregos estiveramos moi contentos. Xa vai sendo hora de que nós teñamos a palabra pra decir as verdades ao pobo". Deste xeito presentábase en novembro de 1973 unha nova publicación, dedicada ás loitas e problemas do mundo rural, e editada pola UPG e as Comisións Labregas, xermolo do Sindicato Labrego Galego.
Entre 1973 e 1977, momento en que as Comisións Labregas (CC.LL.) foron legalizadas, publicáronse 18 números, realizados ao comezo en vietnamitas e distribuídos de man en man en feiras, nos adros das igrexas ou aldea por aldea. Fouce comezaba daquela unha nova etapa, desta volta legal, e poñía o contador a cero, co primeiro dos 300 números impresos até hoxe. Para celebrar os 40 anos da publicación e os 300 números, o Sindicato Labrego Galego levou a cabo un redeseño da publicación, así coma un cambio n súa cabeceira, deixando atrás a imaxe creada polo deseñador Xosé María Torné en 1989.
"O nome de Fouce provén da conxunción de tres elementos que sintetizaban a ideoloxía que mantiñamos os que, na época, eramos responsábeis deste movemento labrego: o nacionalismo, o marxismo e o agrarismo", lembra Ramón Muñiz (hoxe presidente da Irmandade Moncho Valcarce), que foi o encargado de introducir en Galicia os clixés e deseños da cabeceira que foran creados en Suíza por Carlos Díaz Martínez. Estes primeiros 18 números acadan unha gran difusión por todo o país, destaca o propio Carlos Díaz, en boa medida pola práctica ausencia de publicacións que falasen dos problemas que lles afectaban aos labregos. Ademais, a pesar da precariedade de medios e da situación de ilegalizade da publicación e das CC.LL., Fouce acadou unha gran regularidade, editándose de forma bimestral. A partir de 1975 mesmo incorporou multicopistas eléctricas para a súa impresión e mesmo se aproxima a unha edición mensual.
A legalización do Sindicato Labrego Galego achega normalidade ao proceso de edición e distribución de Fouce, que despois de ser dirixida por Ramón Muñiz e Xosé Lois Ledo Andión, é responsabilidade, xa nos oitenta, de Bernardo Fernández Requeixo, Manuel García Mel ou Xoán Carlos Carreira. Son anos difíciles para o sindicato, que mesmo está a piques de desaparecer, até que no seu II Congreso colle novo pulo da man de Emilio López, o que tamén constitúe un revulsivo para o xornal. O mesmo que o III Congreso, no que é elixida secretaria xeral Lidia Senra, e no que se decide unha completa renovación de Fouce, co devandito deseño de Torné. Neses anos de crecemento e consolidación serán Miguel Méndez e Xoán Carlos Garrido os seus responsables, e a revista comeza a imprimirse en rotativa, para garantir unha publicación e distribución máis inmediata. A partir de 2002 será Xosé García o director, unha función que só abandonou por un curto período de tempo, no que foi substituído por Vera-Cruz Montoto.
A partir deste número 300, Fouce establece unha periodicidade fixa de carácter bimestral, cun maior número de páxinas en cada número (24 neste caso) e seis seccións fixas: Adro (opinión e editorial), Agra (sectores produtivos agrogandeiro e forestal), Galiza, Aldea Global (información intenacional), Mulleres e Eira (taboleiro de anuncios).
Nestes 40 anos de historia, Fouce foi e segue a ser testemuña e narrador da transformación do mundo rural galego, das súas loitas, problemas e reivindicacións, dende a cota empresarial da seguridade social á cota láctea, pasando pola recuperación dos montes comunais, os incendios forestais, o despoboamento e a perda de servizos no rural, até as máis contemporáneas cuestións ligadas aos transxénicos, a participación da muller ou a reforma da Política Agraria Común, que encabeza este último número. E, a pesar de teren pasado corenta anos, non lle acae mal o texto que a xeito de presentación publicara no seu primeiro número: "Os periódicos que se venden nos quioscos somentes poñen o que ao Goberno i empresas capitalistas lles interesa, leendoos parece como si o campo fora ben i os labregos estiveramos moi contentos. Xa vai sendo hora de que nós teñamos a palabra pra decir as verdades ao pobo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario