O 10 de marzo
cúmprense 70 anos da publicación do Sempre en Galiza. A obra de
referencia de Alfoso Daniel R. Castelao saíu do prelo en 1944 para se converter
nun texto fundamental do nacionalismo galego. Arredor deste asunto conversamos
co historiador Uxío Breogán Diéguez-Cequiel. A vindeira quinta feira, Sermos
Galiza editará un AFondo monográfico sobre este aniversario.
O. RODIL
sermosgaliza.com
O Sempre
en Galiza publicábase por vez primeira en Bos Aires o 10 de marzo de 1944.
Desde o exilio, Castelao achegaba ao pensamento nacionalista o que estaba
chamado a ser un libro fundamental. Asentado no "debate" aberto entre
o nacionalismo desenvolvido no "exilio patriótico" --do que Castelao
foi o elemento central-- e o galeguismo da "relidade interior" de
Galiza encabezado por Ramón Piñeiro, explica o historiador Uxío-Breogán
Diéguez, a obra do de Rianxo "sintetiza por vez primeira o pensamento dun
nacionalista, un galego que pensa por e para Galiza". E é que inicialmente
mesmo "ía levar un outro título previo, Co pensamento en Galiza",
acrecenta.
Un
persoeiro poliédrico que sintetiza a historia e programa político do
nacionalismo
Así, Sempre
en Galiza constituiría "o elemento de unión entre o nacionalismo
previo a 1936 --que tivo como grande teórico a Vicente Risco-- e o que
xustamente foi o nacionalismo novo, mozo, que xa desde os anos 50 se foi
fraguando a partir de diversas experiencias como a constitución do grupo Brais
Pinto en Madrid ou, a partir do 63, do Consello da Mocidade", di
Diéguez-Cequiel.
Aquela obra,
de grande importancia pola súa capacidade de síntese entre "boa parte da
nosa historia" e, ao tempo, "boa parte do programa político
nacionalista desde o Rexurdimento até o propio Castelao", foi escrita por
"un persoaeiro poliédrico que se manifestou de maneira xenial en todos e
cada un dos campos en que se desenvolveu", subliña o historiador.
"Unha figura sen a que non poderiamos enternder a política e a realidade
socio-cultural galega do primeiro terzo do século XX".
A
vixencia do seu pensamento
Esta obra de
referencia para o nacionalismo galego --composta por tres libros "que
actúan a modo de realidades conexas dunha historia que é a historia política da
dependencia do noso país e do programa político para a súa independencia, para
a súa soberanía nacional", matiza Uxío Beogán Diéguez-- continúa a ter na
actualidade unha leitura que está de plena vixencia, remarca. "Todo o
referido a un desexo vibrante en favor dunha Galiza que soberanamente decida o
seu futuro é, desde o meu ponto de vista, o ten absoluta vixencia". Mais
tamén, acrecenta, "toda esa recreación histórica dun proceso de
dependencia secular ao que é sometido o noso país" no marco, salienta,
"dun Estado español que atende a salvagardar os intereses de España"
entendida "como unha realidade exclusivista con epicentro en
Madrid".
Esa
"dualidade", explica Uxío Breogán Diéguez, "é a que está
vixente". Se ben, a realidade política actual e os movementos no
nacionalismo galego puxeron de relevo, tamén, outros aspectos da obra e
traxectoria política do propio Castelao para o que o historiador é taxativo:
"hai que ler o Sempre en Galiza e ter presente que a visión de Castelao e
o Partido Galeguista desde o exilio a respeito da maridaxe cunha esquerda ou
pretensa esquerda española, non é unha leitura positiva", sinala.
Pois, o
acordo adoptado pola Asemblea nacional o PG na altura de 1935 en que decidiu
concorrer nas eleccións de outubro de 1936 na coligación Frente Popular
"hai que lembrar todo o proceso" e non só un "pacto
testemuñal" que, aliás, "duraría de febreiro do 36 a xullo daquel
ano".
Neste senso,
lembra o historiador a partir da propia obra, o acordo foi unha decisión
encamiñada a "conquerir ese "Estado galego libre" recollido de
maneira textual "no anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza
(1931)", unha defensa na que tempo despois "ficaría practicamente
só" sendo este "e non a esquerda española implantada na Galiza"
a que botou a andar a campaña a prol do Estatuto finalmente plebiscitado.
Un
AFondo para conmemorar o 70 aniversario
Con
motivo da publicación do Sempre en Galiza, Sermos publicará a vindeira
quinta feira un caderno monográfico arredor desta obra central do nacionalismo
galego. Coa colaboración de persoeiros como Manuel Rei, Pilar García Negro ou
Xoán Carlos Garrido repasaremos a figura e pensamento de Alfonso Daniel R. Un
AFondo coordenado por Marcos Loureiro que estreará o primeiro número do Sermos
após a ampliación do número de páxinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario