xoves, 25 de outubro de 2012

Ficción con sabor a historia


A loita ideolóxica que se produce no seo do galeguismo nos cincuenta e sesenta, coa presenza das estratexias do galeguismo do exilio, do grupo Galaxia e mais dos novos. É historia pero Xosé Ramón Pena ficciona unha época en 'Como en Alxeria' que lembra o que aconteceu en Galicia hai 50 anos e que rematou co nacemento da UPG e do PSG.
Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | Galicia Confidencial 17/10/2012
Non cabe ningunha dúbida de que o remate da década dos cincuenta e mais a dos sesenta do pasado século XX estiveron marcados polo atractivo que na xuventude progresista europea e estadounidense tiveron os chamados movementos de liberación nacional, frontes populares ou revolucións, como as que se desenvolveron en Alxeria, Cuba ou Vietnam.
Pena ficcionaliza a recepción en Galicia no seo dun grupo de mozos galeguistas das ideas e estratexias destas revolucións ou frontes populares, mesmo o recurso á loita armada, no ambiente do galeguismo e antifranquismo dos anos sesenta.
Mais os acertos da novela, desde o meu punto de vista, non van polo lado da fidelidade á historia, aínda que o lector poida identificar ou ata atopar citados no texto personaxes do galeguismo dos anos cincuenta e sesenta, así como as súas propostas ideolóxicas. O que me atrae máis é a estrutura da novela. O comezo, co diálogo entre o galeguista e o militar amigos a propósito dun feito extraordinariamente grave para o porvir do galeguismo, abre a voracidade do lector para decatarse do que pasou. Todo o resto da novela xirará arredor do descubrimento por parte do lector dese feito central.
Acerta así mesmo o novelista cando contrapón a seguir un relato en terceira persoa dos feitos con eses mesmos feitos lembrados por un dos protagonistas nunha entrevista para un libro de conversas cincuenta anos despois de acontecidos. Este xogo de dous tempos e mesmo de dúas perspectivas enriquece enormemente o relato. Tamén se suma a esta visión en profundidade un libro de memorias do devandito personaxe entrevistado para o libro de conversas, Breve memoria de meu.
O novelista consegue tamén manter o interese do lector pola intriga cunha certa escuridade sobre os feitos e personaxes, que mesmo nin no desenlace se esclarece por completo, especialmente no que se refire á principal personaxe feminino do relato, a mexicana Paloma. Tamén hai anacos, como a fuxida a Francia, en que nos movemos polos eidos da novela de acción e o relato acada unha plasticidade cinematográfica que engancha o lector.
Aínda que entre os personaxes destaquen Xosé Ánxel Viana, o entrevistado para o libro de conversas e mais autor do libro de memorias Breve memoria de meu, realmente estamos ante unha sorte de personaxe colectivo (o grupo dos mozos galeguistas ao que pertence Viana), que exemplifica a formación e mais as ansias dos novos galeguistas da segunda década dos cincuenta e mais dos sesenta, que superan o galeguismo histórico e mais o culturalista do grupo Galaxia e procuran novas vías para o galeguismo, que culminará na fundación da UPG e mais do PSG.
Estamos así mesmo perante unha novela intelectual, que analiza a deriva e a loita ideolóxica que se produce no seo do galeguismo na década dos cincuenta e dos sesenta, coa presenza das estratexias do galeguismo do exilio, do grupo Galaxia e mais dos novos, influídos polos exemplos da fronte popular alxeriana, da revolución cubana ou mesmo da guerra de Vietnam. Neste sentido a novela é o retrato xeracional dos mozos que nos cincuenta e sesenta superarán o galeguismo tradicional e mais o culturalismo de Galaxia para crearen formacións como a UPG ou o PSG.
Como é normal neste tipo de novelas, os personaxes de ficción conviven cos personaxes históricos e así aparecen claramente aludidos o grupo Galaxia, Ramón Piñeiro, o grupo Brais Pinto, Méndez Ferrín… ou incluso, cun certo nivel de desenvolvemento, as ideoloxías que propoñen. O lector, especialmente o lector con certa formación e que sexa seguidor das biografías, libros de cartas e conversas, que tanto proliferaron nestes últimos anos, gozará coas resonancias que o relato producirá nel. Mesmo o personaxe de Paloma lle lembrará algúns aspectos do célebre Regreso a Tagen Ata.
Xa que logo, estamos perante unha novela histórica e intelectual, que reconstrúe as polémicas e estratexias do galeguismo dos anos cincuenta e sesenta. Pero non debemos esquecer que é tamén a historia persoal dun grupo de mozos que proxectan as súas vidas na Galicia destes tempos e que, nalgún caso, ata descobren o amor dun xeito moi distinto ao que se consideraba único por aqueles anos (o matrimonio). Non falta tampouco a intriga ou mesmo a acción propia da mellor novela ou película de aventuras, como xa indicamos.
Podería dicir alguén que esta novela só ten interese para os galegos, especialmente para un lector informado sobre os avatares do galeguismo nos cincuenta e sesenta e, sobre todo, para o lector habitual de libros de memorias, cartas e conversas. Certo que é así. Pero o compoñente de novela de aventuras, amorosa ou mesmo de aprendizaxe faina asimilable para un lector de calquera latitude e formación. Por outra banda, formula un problema que vale para todos os lugares e tempos, sobre todo para as décadas dos cincuenta, sesenta e mais comezos dos setenta do pasado século. Todo o mundo viviu nestas décadas a irrupción dos movementos de liberación nacional de países como Alxeria ou Vietnam ou a revolución cubana de Fidel Castro. Moitos mozos de países democráticos de Europa ou mesmo dos Estados Unidos, que non estaban de acordo co sistema capitalista, sentíronse atraídos pola chamada acción directa ou a loita armada, pola suxestión de movementos como a Fronte de Liberación Alxeriana, Ben Bella, Fidel Castro, o Vietcong… Aí están, por exemplo, as Brigadas Vermellas italianas ou a Baader-Meinhof. O relato entra nese terreo da suxestión pola loita armada e a acción directa que se produciu nesas décadas con valentía e sen prexuízos.
Consideramos, polo tanto, que esta é unha das novelas do noso outono-inverno literario xa non só pola súa análise da historia recente de Galicia, senón para meditar sobre os que supuxeron os movementos de liberación nacional na loita contra o sistema capitalista nos anos cincuenta e sesenta, mesmo en Europa ou os Estados Unidos. É ademais unha novela que manexa ben a intriga e que non prescinde do individual. Aparecen personaxes históricos e mesmo algúns dos personaxes principais como o propio Xosé Ánxel Viana poden parecer  representar algunhas das figuras políticas e intelectuais da Galicia dos cincuenta e sesenta, mais iso non é así, aínda que teñan elementos deses personaxes reais e hoxe gozadores dunha certa celebridade. Os que eramos adolescentes-mociños nos anos sesenta e nos comezos dos setenta coñecemos moitos mozos, especialmente universitarios, semellantes a Xosé Ánxel Viana e os do seu grupo, que non só trouxeron a Galicia unhas formas novas de entender a política, senón tamén a literatura, o lecer, a música, o amor, en definitiva, a vida, nese proceso xeral de cambio en todo o mundo que supuxeron os anos sesenta e que terán a súa mellor expresión no maio do 68. O personaxe literario ben creado caracterízase por esa mestura entre realidade e fantasía, que precisamente os converte en verosímiles para o lector, que nada ten que ver con que existisen de verdade no mundo.
Para rematarmos e non saírmos do rego, recomendamos vivamente a lectura desta novela. Gozaremos con ela e coñecerémonos mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario