domingo, 14 de outubro de 2012

Todo atado e ben atado (ou como ensinar Historia Contemporánea de España a rapaces de 11 anos)


Eduardo Rodríguez Saiz, Sermos Galiza
Ao comezo de cada curso escolar teño por costume ver o libro de coñecemento do medio dos meus fillos: gústame ler os contidos, sobre todo na parte que se dedica á Historia (cuestión de deformación profesional, son arqueólogo). Agora veño de ollar o manual do meu fillo de 11 anos, que cursa 6º de primaria, e a verdade é que o que vin deixoume perplexo, sobre todo cando se narra a Historia máis recente do noso Estado.
Pero antes de centrarme en comentar a parte do temario que desenvolve a Historia Contemporánea, quero facer un par de breves anotacións ao respecto do resto dos temas.

Por unha banda, o seu manual (da editorial Obradoiro Santillana, dentro da colección A Casa do Saber) presenta un grave déficit en canto aos conceptos históricos. Por poñer un exemplo, se segue ensinando que “....hai uns 3000 anos, a Península estaba habitada por dous grandes grupos de pobos: os celtas e os íberos....”, cando esta formulación está máis que superada hai tempo grazas á investigación arqueolóxica. Ou cando se lle ensina ao alumnado que “....no século V, os visigodos invadiron Hispania e fundaron un reino con capital en Toledo....”, invisibilizando con esta proposta ao reino dos suevos establecido no noroeste peninsular durante a primeira metade do século V, moi na liña historiográfica que exalta a tradición visigótica como semente lexitimadora da España contemporánea.
Por outro lado, no devandito manual reflíctense dous grandes problemas endémicos na ensinanza da materia, como son a invisibilidade da muller na Historia e a ensinanza da Historia reducíndoa a unha historia política.
Sobre a primeira das formulacións, se ben a linguaxe usada é correcta, resulta tremendamente sexista e discriminatoria a imaxe que se lle proporciona ao alumnado sobre o papel da muller ao longo da Historia. Así, ao lado dun parágrafo sobre a Prehistoria no cal en todo momento se fala de “...seres humanos....”, “....grupos humanos....”, evitando o uso de home e muller, aparecen dúas láminas. Nunha se plasma unha escena de caza cun grupo de persoas tendendo unha trampa a un mamut, e noutra o interior dunha vivenda con dúas persoas facendo traballos téxtiles. E como non, nas actividades de caza (ligadas tradicionalmente á forza, ao prestixio grupal,....) aparecen só homes, mentres que na actividade doméstica só se grafían mulleres (na esfera familiar, de portas para dentro,...). De certo é que se descoñece por completo como sería o reparto de traballo segundo sexo, idades, etc. no Paleolítico e no Neolítico, e inconscientemente se está plasmando un anacronismo, trasladando un rol sexista actual ás sociedades prehistóricas.
Ao respecto da ensinanza da Historia reducíndoa a historia política, pois que dicir... Xa non hai que aprender a lista dos reis godos, agora en cambio hai que memorizar as listas dos Austrias e os Borbóns.... De verdade ten sentido que rapaces de 11 anos aprendan que antes de Fernando VII reinou Carlos IV, e antes Carlos III, e antes Fernando VI, e antes Felipe V, e antes....? De verdade se pretende que a Historia sexa unha disciplina atraínte con este desenvolvemento conceptual dirixido a un alumnado de primaria? Qué define un período histórico, quen goberna nesa época ou o que lle pasaba ás xentes, como eran as súas sociedades? Nesta liña é acertada a reflexión de Bermejo Barrera, cando di que "...a historia da humanidade non é máis que un paseo polo amor e a morte, dous principios contraditorios, pero estreitamente solidarios. Nós os historiadores somos os únicos profetas capaces de predicir o pasado e tentamos con grandes esforzos reconstruílo fragmentariamente, lembrar ás persoas desaparecidas que viviron nel e expresar nun marco sempre forzado o infinito desexo de vivir...”.
Pero focalicemos de novo a atención na Historia Contemporánea de España. É realmente sorprendente o tratamento que se fai de dous episodios da nosa historia recente: a benevolencia con que se fala da ditadura de Franco, e a imaxe que se presenta da Transición á democracia.
No parágrafo titulado A ditadura de Franco, dise que “....A partir de 1950, a economía mellorou, as relacións exteriores normalizáronse e o nivel de vida dos españois aumentou. Pero persistía a falta de democracia...”. Abraiante. Xa sei que para os nosos fillos, o alzamento fascista contra un goberno lexitimamente constituído, e os posteriores case corenta anos de represión, atraso e falta de liberdade son unha abstracción histórica (supoño que cando se lles fala de Franco terán a mesma sensación de proximidade que se a nós nos falaran de Primo de Rivera ou Espartero), pero é inadmisible resumir así os derradeiros 25 anos de ditadura. Non se pode obviar que continuou a brutal represión mentres o goberno republicano legal seguía co seu exilio parisiense, continuaron as execucións de militantes antifranquistas ata practicamente o momento da morte do pequeno ditador, etc. As relacións exteriores do réxime, salvo o acercamento a outros sistemas fascistas, limitábase á interesada cooperación dos EEUU (lembremos que estamos en plena Guerra Fría) e súas institucións afíns (ONU, FMI, Banco Mundial,...), e como no, a Santa Sé.
Sobre a Transición e os inicios da democracia, se lle narra ao alumnado que “...en 1977, o rei nomeou a Adolfo Suárez presidente do goberno.....Adolfo Suárez foi o primeiro presidente da democracia en España...”, maquillando unha realidade bastante menos benévola para Suárez. Trala morte de Franco e formando parte do novo goberno de Arias Navarro, Adolfo Suárez foi nomeado en decembro de 1975 Ministro Secretario General del Movimiento, para posteriormente ser elixido Presidente nas eleccións xerais de xuño de 1977, aínda en período preconstitucional. Máis adiante, ao falar da Constitución, sen ningún rubor se escribe que “....a Constitución foi aprobada.....por todos os españois...”, cando soamente votou a favor o 58,97 % do censo electoral na totalidade do Estado.
Asumo que estamos nun libro de texto, que non é o soporte ideal para facer crítica política e/ou historiográfica, xa que a finalidade é que os rapaces aprendan a materia. Pero non se pode falsear a Historia, plasmando nun manual – e converténdose case que en dogma de fe para o alumnado- unha realidade que non existiu. Estase a educar cidadáns do futuro, e a democracia debería ser aos seus ollos, non a suma de presidentes (de novo a voltas coa Historia en clave política: despois de González veu Aznar, despois Zapatero, despois....) senón as regras de xogo da convivencia: participación cidadá na política, tolerancia (ollo á frase que aparece no manual “...atentado terrorista islámico en Madrid, en que morreron case 200 persoas...”, todo unha declaración de intolerancia coa relixión musulmá), xustiza social, igualdade, en fin, unha democracia real con maiúsculas. Eduquemos coa verdade por diante (inda que nos poida producir rubor), para conseguir unha cidadanía crítica e verdadeiramente democrática. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario