Redacción | @prazapublica
Patrimoniogalego.net é
unha mestura de observatorio, rede social e catálogo en liña, posto en
marcha en maio do pasado ano por un grupo de persoas entre as que destaca
Manuel Gago. Dende un comezo os seus responsables poñían o foco na necesidade
de crear un Catálogo Social do Patrimonio e sinalaban que "un dos grandes
problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que
temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da
que dispón sobre os Bens Culturais. Tamén carecemos dunha visión clara do
estado de conservación e difusión de cada un dos bens".
E engadían: "moitos de nós sabemos a
situación na que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural e, especialmente, o
Arqueolóxico. Pero precisamos unha ferramenta para facelo visible á opinión
pública, aos medios e aos políticos. Por experiencia, temos observado que
moitas agresións ao Patrimonio Cultural nunca pasan de información local. O que
aquí se propón é unha ferramenta para loitar contra isto".
15 meses despois as achegas dos colaboradores,
entre os que destacan Óscar Franco, Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67,
Xandinathry, Xocas e Manuel Rial, suman xa máis de 2000 bens
culturais inventariados, cunha gran presenza de elementos da Costa da
Morte e do interior da provincia de Pontevedra pero con espazos e
construcións de todos os concellos de Galicia. Destacan os concellos de
Aranga ou de Baños de Molgas, posto que ambos os dous contan en
patrimoniogalego.net con máis dun cento de bens catalogados.
A páxina tamén inclúe unha lista vermella
formada por aqueles bens culturais que se atopan en perigo inminente e
sobre os que se quere poñer o foco e salientar o seu estado e a súa
desprotección.
Cruceiros, igrexas, castros,
petroglifos, monumentos megalíticos, ermidas e pazos son os elementos
máis identificados, pero tamén se atopan un bo número de paisaxes. O ben
número 2000 foi de feito un edificio civil urbano de carácter senlleiro: o que
alberga o instituto de Santa Irene, ubicado na parroquia viguesa de Coia. Os
seus promotores destacan a consolidación do proxecto, que é un dos máis amplos
do Estado e xa se converteu nun referente mesmo a nivel europeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario