Unha ideoloxía,
unha fe e un psiquiatra ao servizo da reeducación de España foron os
instrumentos empregados polo franquismo para tentar cortar de raíz o mal da
democracia e crear unha “raza pura” española.
NATALIA
ARIAS 13/02/2011 - 20:00 h.
|
Mulleres presas no cárcere das Ventas |
Unha ideoloxía,
unha fe e un psiquiatra ao servizo da reeducación de España foron os
instrumentos empregados polo franquismo para tentar cortar de raíz o mal da
democracia e crear unha “raza pura” española. Había que comezar desde a base,
evitando que as nais republicanas puidesen ensinarlles aos fillos uns valores
que o réxime consideraba nefastos. O Estado encargouse de separalos, e para iso
creou todo un aparato burocrático destinado a executar o que popularmente se coñece
como o roubo de nenos dos 40, un tema pouco investigado e que volveu á
actualidade cando algúns historiadores e asociacións recoñeceron naquela política
as bases do secuestro de menores en hospitais españois denunciado pola Asociación
Nacional de Afectados por Adopcións Irregulares (Anadir). O investigador catalán
Ricard Vinyes, coautor de Los niños perdidos del franquismo e de varios
traballos sobre os cárceres de mulleres, prefire, porén, falar de “deportacións”
porque, explica, moitos dos fillos dos republicanos nunca foron adoptados por outras
familias. O aparato estatal deseñou unha rede de trens para levalos a fogares
do Auxilio Social e instrucións para buscalos nos cárceres, en hospicios
franceses ou nas casas de familias republicanas.
O sustento
ideolóxico deste proceso estaba no Instituto de Investigacións Psicolóxicas e
baseábase nas investigacións no cárcere de mulleres de Málaga do psquiatra
militar Antonio Vallejo-Nágera, que, entre outras cousas, defendía a relación
entre o marxismo e a inferioridade mental ou que “a segregación destes suxeitos
desde a infancia podería liberar á sociedade de praga tan terrible” para voltar
á raza superior española, cuxo deterioro, polo seu fervor católico, atopaba
nunha cuestión cultural: os procesos de democratización, e non en factores biolóxicos
como os nazis.
“O Estado
asumiu ese discurso e organizou a deportación dos nenos mediante distintos
instrumentos”, explica o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de
Barcelona (UB). Unha das armas ás que recorreu foi o Padroado Central da Nosa
Señora da Merced, dependente da Dirección Xeral de Prisións e que o
investigador define como “a gran empresa da industria penitenciaria”.
Xestionaba os corpos de traballo dos cárceres, os permisos e, ata que se creou
a finais dos 40 o Padroado de San Pablo –específico para os nenos–, todo o
relativo aos fillos da presas. Foi o órgano do que saíron instrucións
executadas por funcionarios de prisións como a de facer formar as presas e
arrebatarlles os fillos. “Iso era legal en 1940 porque os nenos de máis de tres
anos non podían estar nos cárceres, pero moitos deles tiñan os dous pais recluídos
sen que puidesen facer nada”, de xeito que os nenos acababan nun tren, continúa.
O réxime sacáballelos ás familias “sen comunicar nada a ninguén”, explica
Vinyes, que remarca que “para facer iso tiña que haber unha loxística porque
mover un tren non é algo trivial”.
Tamén para a
profesora da Universidade de Zaragoza, Ángela Cenarro, experta no Auxilio
Social, a legalidade da época sustentaba estas prácticas. “O Estado tiña a
tutela dos nenos cando cumprían catro anos porque debían saír do cárcere cando
moitas nais quedaban presas alí”, afirma.
O destino
deses cativos era a reeducación no Auxilio Social e en institucións eclesiásticas
como as Ordes de Acollida, onde se facían sacerdotes. “Hai indicios de que
houbese adopcións, pero non existe documentación”, aclara o historiador catalán.
A PROPAGANDA
DOS CÁRCERES
Para
sacarlles os menores ás familias republicanas o Estado apoiouse en varias fórmulas
máis. En Redención, a única publicación que se permitía nos cárceres, había
chamados ás nais para que os levasen ao Auxilio Social ou as Xuntas Locais e
Provinciais. “Cando os ían buscar non llelos daban porque para recuperalos había
condicións moi ríxidas como ser un bo patriota, un excelente católico ou estar
no Movemento Nacional”, aclara Vinyes.
Porén, os tentáculos do nacionalcatolicismo e a Igrexa non só
chegaron aos cárceres. En 1949, a documentación da Falanxe relata como se debía
facer para raptar nenos republicanos aloxados en casas francesas de acollida,
mentres que outra práctica habitual era a desenvolvida por asociacións
relixiosas de seculares, como as Fillas de María, que ían aos domicilios dos
presos que custodiaba o Padroado da Merced a levarlles ás familias o diñeiro do
seu traballo. “Quedaban a latricar na casa porque unha folla de instrucións da época
indicaba que tiñan que facer un informe de se había nenos e de se era
importante sacalos do fogar”, explica o historiador da UB, que di que non se
deben comparar estes casos cos de Arxentina porque a ditadura española foi
cruel abondo: cando se desmantela o aparato de secuestros a partir dos 50,
queda constancia do rapto de 12.000 nenos no 43. A cifra podería ser maior
porque o Padroado de San Pablo xestionou ata 30.000 cativos.
Giménez: “Os nenos só sabiamos de fame e frío”
A.G. 13/02/2011 - 20:00 h.
Os fogares
Auxilio Social foron, segundo o historiador Ricard Vinyes, o destino da maioría
dos nenos perdidos do franquismo co obxectivo de reeducalos nos valores do réxime.
Tratábase dunha rede de centros distribuída por toda España, aínda que estaban
principalmente en Madrid e Barcelona, nos que as condicións de vida dos cativos
eran “pésimas”, explica Ángela Cenarro, profesora de Historia Contemporánea da
Universidade de Zaragoza. “Pouca comida, pouca bebida, maltrato psicolóxico e físico,
visitas da familia moi restrinxidas e correspondencia moi controlada”, resume a
experta, que sinala que, a mediados dos 40, a maioría procedían xa de familias
pobres. “Non creo que houbese un camiño directo dos cárceres ao Auxilio, penso
que moitos dos fillos das presas baixo o Padroado da Merced acabaron en
colexios católicos”, opina, a diferenza do investigador catalán.
“O Auxilio
Social era un instrumento de control social e de reprodución dos parámetros
ideolóxicos do réxime en varios ámbitos”, pero sobre todo, “entre a infancia”,
explica o profesor da Universidade de Vigo Julio Prada nun traballo a respecto
da institución en Galicia, onde dá datos da provincia de Ourense e explica que,
na comunidade, levou a cabo un traballo, fundamentalmente, de subministro de
alimentos a través de comedores, “sendo puramente testemuñal a súa participación
en iniciativas que encaixarían dentro da obra de Protección á Nai e o Neno
Enfermo”. Na capital provincial, a Sección Feminina, que funcionaba sobre todo
con donativos, repartía xa en 1937 136 racións diarias no comedor infantil.
Aínda que na
zona ocupada aparece xa no 36 como unha pequena organización asistencial para
darlles axuda aos afectados pola guerra, o coñecido como Auxilio de Inverno
comeza a expandirse no 37. En abril dese ano pasa a depender de FET-JONS, o
Partido Único, e créase unha Delegación Nacional, que levará a cabo actividade
asistencial en centros que ían desde os comedores, aos fogares infantís ou
escolares e a Residencia de Aprendices.
Non se sabe
con certeza cantos internos tivo a institución de socorro, creada a instancias
dos falanxistas Mercedes Sanz-Bachiller e Javier Martínez Bedoya, pero un deles
foi o debuxante Carlos Giménez, que dá boa conta da miseria destes hospicios en
Todo Paracuellos (De Bolsillo, 2007). “Querían facer dos nenos, como se dicía
entón, metade monxes, metade soldados, por iso recibiamos unha educación moi
politizada, moi falanxista e moi relixiosa”, relata. Porén, a fame facía que a
mensaxe callase pouco. “Os nenos non sabiamos de política, alí só se sabía de
fame e frío, de que non te pegasen e de que os pais te fosen ver”, engade. O
historietista explica tamén que non había distincións entre orfos ou fillos de
republicanos: “Só se sabía se tiñas pai ou non e se te ía ver”.
O Auxilio
Social tampouco escapou ás carencias da España da autarquía. “Había moita
escaseza en España, dentro e fóra dos colexios e, probablemente, moita da
comida que tiña que chegar aos fogares quedaba no camiño”, opina o debuxante,
que deixou a institución con catorce anos. “Os presupostos realmente eran moi
escasos, outra cousa é que, efectivamente, os directores e persoas a cargo dos
colexios vivisen mellor que os nenos”, afirma tamén Cenarro.
“A finais do
38, o Auxilio Social reforzou a liña de actividades que non eran perecedeiras
porque xa non había tanta necesidade material e tamén a protección á muller e
os nenos, creando a rede de fogares, aos que ían fillos de republicanos mortos,
no exilio ou no cárcere”, di Cenarro, que coincide con Giménez en que a “a
formación era nula”. “Era unha ideoloxía tan burda, cos principios do movemento
e moito catecismo, que os nenos pasaban dela en canto saían”. Aínda así, un
interno podía estar en centros da Falanxe ata rematar a universidade, onde
chegaban os menos. “Non mandaban os máis listos a estudar, senón os que se tiñan
portado ben”, afirma Giménez, que recorda que “había rezos a todas horas e
clases de relixión de todo tipo, e os martes viñan os xesuítas”. Tamén asegura
que moitos dos centros, que contaban sempre cun instrutor de Falanxe e un
crego, tiñan a este último como director. Ademais, había mestras remuneradas e
case sempre viúvas de guerra, mulleres afíns ao réxime ou que procedían doutros
colexios da Falanxe.
A diferenza do que ocorreu con outras seccións da Falanxe, o
Auxilio Social nunca foi desmantelado, senón que o absorbeu o Estado e durou
ata o final do réxime atendendo, sobre todo, discapacitados e enfermos.