Miwa Buene non se
arrepinte de vir a España: "Puido pasarme en calquera outro lugar"
PILAR R. VEGA/EFE
Miwa Buene, o cidadán
congolés que o vindeiro xoves fará catro anos que quedou tetrapléxico tras
sufrir unha agresión racista, dixo que non se arrepinte de vir a España e que o
seu ataque lle puido suceder noutro lugar, porque non é racista un país, senón
que só son intolerantes algunhas persoas. "Non me arrepinto de vir" a
este país hai dez anos, pero acostumo preguntarme moitas veces a min mesmo que
fixen para quedar nunha cadeira de rodas", di Miwa, que ós seus 43 anos
recoñece, nunha entrevista con Efe, que saca as forzas do "apoio da
xente".
O caso de Miwa saltou aos
medios de comunicación o 10 de febreiro de 2007 cando, tal e como quedou
demostrado na sentenza que condenou a dez anos de prisión ao seu agresor,
Roberto Alonso, todo comezou cando este lle pediu tabaco ó saír dun bar en
Alcalá de Henares. Ante a resposta negativa de Miwa, que non coñecía de nada
ese mozo, este comezou a insultalo chamándolle "puto negro, puto mono, o
teu sitio é o xardín zoolóxico cos teus compañeiros". Acto seguido
propinoulle un brutal golpe no pescozo que lle fracturou de inmediato tres vértebras
e derrubouse no solo. "Acórdome dese día", relata Miwa, e explica que
lle pasou: "Caín ao chan e xa non me levantei".
Na Fundación do Lesionado
Medular (FLM) na que reside, en Puente de Vallecas, Miwa non quere falar moito
do seu agresor, xa que recorda que negou os feitos desde o principio ata o
final do xuízo, celebrado o pasado mes de xuño na Audiencia Provincial de
Madrid.
E non sofre porque Roberto
non lle pediu perdón, pois para Miwa ese perdón é que el estea en prisión e
cumpra unha condena que é "boa" dentro do previsto polas leis españolas
e que contemplaba a agravante de racismo. En canto á indemnización dun millón e
medio de euros que debe pagarlle o seu agresor, comenta que non pensa nela
porque, de momento, o condenado declarouse en estado insolvente.
Con todo, destaca sorrindo
que non lle falta nunca o apoio da súa muller, Mirella, que o visita
practicamente a diario, dos seus dous fillos xa adolescentes, e do Movemento
contra a Intolerancia, cuxo presidente, Esteban Ibarra, o embarcou nunha nova
faceta para el, a de profesor. "O contacto cos mozos anímame moito", eles
emociónanse" ao verme e pregúntanme que de onde saco forzas para seguir
vivindo, apunta Miwa. "Son como unha lección para ver que unha persoa
cambia a súa vida da noite para a mañá por unha bobada", subliña.
De momento, acudiu a
contar a súa historia a dúas universidades madrileñas, e a súa imaxe sempre
"impacta" e "conmove", di Ibarra, porque Miwa explica a súa
"brutal agresión con naturalidade".
No
entanto, vive "o día a día" centrado tamén na súa saúde. É propenso a
sufrir infeccións, pero confía en que algún día as investigacións con células
nai lle devolvan algunha mobilidade. Grazas a unha dura diaria terapia,
conseguiu mover os ombreiros, tal como demostra con leves movementos e un
sorriso que ilumina os seus grandes ollos. Para rematar, conta que lle
comezaron a tramitar a petición de nacionalidade española ó levar unha década
en España, "o meu segundo país", conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario