venres, 25 de febreiro de 2011

A maldición dos minerais


Cobalto, diamantes, cobre, uranio, cinc, carbón, cadmio, ouro, coltán... Son os nomes de numerosos minerais e pedras preciosas, e tamén están detrás das causas da violencia que vive hogano a República Democrática do Congo (ex Zaire). Algúns alimentan os nosos móbiles e ordenadores. Outros a nosa cobiza.
BEATRIZ TOSTADO GRANDE. XORNALISTA. CONSELLO DE REDACCIÓN DA REVISTA PUEBLOS
Situado no corazón de África, o antigo Congo Belga está rodeado por Gabón e a República do Congo ao oeste, Angola e Zambia ao sur, República Centroafricana e Sudán ao norte, e Uganda, Burundi e Ruanda ao leste. Ocupa unha enorme extensión que vai desde o lago Tanganika ao Atlántico e acolle unha gran diversidade de etnias e linguas diferentes, entre as que destacan o lingala, o kikongo, o swahili e o tshiluba.
A RDC é un dos Estados da conflitiva zona dos Grandes Lagos. Conflitiva pola súa riqueza, tanto agrícola como de minerais, que nacen na súa terra coma un maná, e que desde sempre espertou a avidez dos líderes africanos, europeos e estadounidenses, cuxas grandes empresas se dedican ao saqueo, nunha especie de pacto selado entre todos. Todo iso desprezando e humillando á poboación, unha das máis empobrecidas do mundo.
Un país rico cun pobo pobre, como tantas nacións africanas, presas dos seus minerais, do café, do cacao e de moitas máis riquezas naturais, cuxos beneficios se reparten as potencias estranxeiras e, posteriormente, as empresas multinacionais e as elites deses países. No caso de RDC as riquezas concéntranse sobre todo no sueste (Katanga), sendo a zona que vai desde Butembu a Lubumbashi unha das máis ricas. De alí saen o ouro, o coltán e os diamantes que parten acotío en grandes cargamentos cara ás zonas onde se fabrica a tecnoloxía da que facemos uso no Norte.
Unha maldición, a dos minerais e as pedras preciosas, que vén de antigo e que non mudou tanto desde o colonialismo do século XIX, cando as potencias europeas ocupan África, até esta etapa poscolonial de novo imperialismo neoliberal. Da época do rei belga Leopoldo II, para quen todo ese territorio era da súa propiedade, e no que instaurou 
unha violencia terrorífica e criminal que arrasou o país deixando preto de dez millóns de mortos, á época actual, con outros tantos millóns de mortos nos últimos quince anos. O rei Leopoldo, por certo, xamais pagou polos crimes cometidos.
Independencias
A principios do século XX a propiedade do país pasou a mans de Bélxica e continuaron os modos escravistas. Pasada a II Guerra Mundial, e até entrados os sesenta, na maioría dos países africanos comenzaron a xurdir –ou a saír á luz os xa existentes– movementos de liberación ou de corte independentista que loitaban para iniciar a ruptura coas potencias coloniais.
Á calor deses movementos, e froito da fartadela da humillación, esa onda tamén chegou ao Congo Belga de mans 
dunha manchea de organizacións políticas, moitas de corte tribal. Destacaba o Movemento Nacional Congolés (MNC), liderado por Patrice Lumumba, cuxo ideario era máis integrador e acollía valores achegados ao socialismo. Lumumba liderou a independencia, logrando, tras unhas eleccións, que a soberanía pasase de mans belgas ás dos congoleses en 1960. A independencia iniciábase enchida de esperanza, liderada por unha persoa que defendía un estado forte de corte unitario, cuxas rendas obstentasen de xeito real os congoleses, con Lumumba como primeiro ministro e Kasa-Vubu –dun dos partidos de carácter máis tribalista– de presidente.
Porén, como aconteceu con Julius Nyerere en Tanzania, cando xorden líderes cuxas decisións económicas e políticas derivan nunha verdadeira soberanía e no benestar da poboación, téntase frear desde fóra esa deriva, a miúdo con actuacións un tanto escuras. Iso foi o que aconteceu. Ao pouco de chegar ao poder Lumumba tívose que enfrontar a numerosos problemas. Aparece Joseph-Désiré Mobutu, a quen Lumumba coñecera en Europa e que se uniu ao MNC. Este novo persoeiro é nomeado xefe do Estado Maior con consecuencias nefastas. Paralelamente, desde fóra apoiábase ao líder de Katanga –a zona máis rica–, aliado dos occidentais.
Mobutu deu entón un golpe de estado, feito que tranquilizou a belgas e estadounidenses, e iniciouse a operación para esmagar e facer desaparecer o "desobediente" Lumumba, que contaba co apoio da maioría dos congoleños. Lumumba foi detido, encarcerado, torturado e asasinado. Morreu nese intre unha das grandes esperanzas non só para o Congo, senón para o continente africano e comezou, con todo, un período bañado de negrura e de autoritarismo, no que se combinaba o que se deu en chamar proceso de zairización con constantes inxerencias externas, un leitmotiv do que hoxe é a RDC.
Zaire
En 1965 iniciouse a aventura de zairización do país con Mobutu –que pasou a chamarse Mobutu Sese Seko– á cabeza. Líder dun partido único, eliminou a pluralidade e, aos poucos, foise tingindo cada vez máis de violacións de dereitos humanos, represión, corrupción... O centralismo acabou convertido nun sistema represivo de control social e eliminación do diferente. Nese proceso, a RDC mudou no Zaire.
Todo isto aconteceu até entrados os anos ‘90 co beneplácito, cando non a axuda, de dous "socios preferentes" da chamada comunidade internacional, Estados Unidos e Francia, que até finalizada a Guerra Fría utilizaron a Zaire como aliada fronte ao comunismo e cuxas grandes corporacións se dedicaron a tirar –e seguen a facelo hoxe– enormes ganancias da industria mineira zaireña.
Tamén se enriqueceron o ditador e os seus achegados. A Mobutu, a "xestión" dos negocios cos recursos naturais dos zaireños, bañada de represión e corrupción, reportoulle sumas millonarias –billóns de dóla-
res–, gran parte agachadas en contas bancarias en Suíza e en mansións no sur de Francia.
As cantidades inxentes de cartos e o enorme enriquecemento dalgúns chocaban frontalmente coa realidade vivida pola maioría dos máis de corenta millóns de habitantes do país, que sufrían miseria, desnutrición, alto índice de mortes infantís, desemprego, falta de servizos públicos e de saúde decentes e violacións dos dereitos básicos. Moitas persoas non vían máis solución que emigrar e, durante os anos oitenta abandonaron o seu país e marcharon a estudar e traballar fóra, principalmente a Europa.
RDC, Ruanda e Burundi
A crise de 1994 supuxo un antes e un despois no devir do Zaire, sobre todo na zona leste do país. Logo do xenocidio ruandés dese ano iniciouse outra onda de violencia –unha vez chegaron ao poder en Ruanda os 
tutsi– liderada por Paul Kagame, sementada tamén de masacres e de centos de milleiros de mortos. Moitos hutu fuxiron e se instalaron en campamentos na zona oriental do Zaire, preto de onde se agacharan tamén tutsi fuxidos do anterior masacre.
EUA abandonou entón a Mobutu á súa sorte e apoiou a incursión de militares de países veciños en territorio congoleño. Paralelamente creouse una coalición dirixida por Laurent-Desiré Kabila e apoiada por distintos países, entre eles Ruanda –Kagame e a súa Fronte Patriótica ruandesa– e Uganda. Este conglomerado denominouse Alianza das Forzas Democráticas para a Liberación do Congo-Zaire (AFDL) e fixo posíbel que Kabila lle arrebatara o poder a Mobutu en 1996, provocando que o ditador fuxise do país. Zaire volveu chamarse República Democrática do Congo.
Entre 1994 e 1997 producíronse masacres sistemáticas da poboación civil congolesa. Cando se produciu o xenocidio contra os tutsi en Ruanda, en 1994, os refuxiados ruandeses fuxiron ao Congo, e os veciños congoleses acolléronos. Ruanda, axudada por Uganda e co apoio de Kabila, continuou cometendo xenocidio, desta vez contra os hutu e outros grupos de poboación, até 1998. Logo deses masacres, Kabila formou un exército con membros de Ruanda, Uganda e a RDC para dominar definitivamente as riquezas dol país. Unha vez máis, seguiuse masacrando a poboación civil.
Entre 1998 e 2003 morreron uns catro millóns de congoleses. Durante ese período, Ruanda, Uganda e Burundi invadiron, ocuparon e sementaron de terror o Congo, man a man cos rebeldes de Nkunda –tutsi congolés–, que, á súa vez, serve os intereses de grandes potencias do Norte –Estados Unidos, Reino Unido, Bélxica e Holanda. Esta guerra permaneceu totalmente ignorada polos medios de información, tal e como foi denunciado reiteradamente polos Comités de Solidariedade coa África Negra, que a través da revista UMOYA difundiu bastante información ao respecto.
Desde 1998, o coltán e outros minerais importantes saen do Congo através de Ruanda, xa que a zona na que abondan os minerais é o leste –desde Katanga até Kivu–, preto da fronteira con territorio ruandés. Isto faise coa compracencia dos países occidentais, cuxas multinacionais tiran gran tallada do negocio, e cunha ONU moi feble, a cuxos cascos azuis alí desprazados (MONUC) se lles acusa de non actuar correctamente diante das matanzas acontecidas durante os últimos quince anos, como foi explicado polo xaveriano congolés Donato Lwyando.
Kabila fillo, o cambio?
En 2001, Laurent-Desiré Kabila foi asasinado. Suponse que a mans da súa garda persoal e por orde, segundo moitos, do seu fillo, Joseph Kabila, que desde aquela preside o país. Kabila fillo "pretende cambiar as regras do xogo e rexeita que o pobo congolés obteña como único ‘beneficio’ o traballo escravo de nenos e mozos nas minas e o sufrimento que as milicias que trafican co mineral inflixen a toda a poboación" [1]. Pero isto conta coa oposición dos que controlan o mercado global do coltán, que están aliados co presidente de Ruanda. En canto a Kabila, non son poucos os que lle acusan de pouca transparencia no seu modo de facer política e nalgunhas das súas actuacións.
Sexa como for, estes masacres da RDC seguen impunes e mesmo se bloquearon permanentemente os intentos de investigación. Estase á espera de ver que sucede coa querela interposta diante da Audiencia Nacional española –e que tramita o xuíz Fernando Andreu– contra 40 militares ruandeses da actual cúpula por "horríbeis crimes" cometidos en Ruanda e o Congo desde 1994 até 2000, que causaron a morte de 3,9 millóns de persoas, entre elas nove españois –seis misioneiros e tres cooperantes.
Raio de esperanza?
Un recente informe da ONU sobre Dereitos Humanos na RDC apunta directamente a Burundi, Ruanda e Uganda como posíbeis culpábeis de xenocidio, crimes de guerra e contra a humanidade. Aínda que moitos tentan que a información fique agachada, o feito de que se entreabrira unha porta supón un paso e se cadra o inicio dalgún camiño en positivo.
Nestes intres parece que a embestida militar acougou algo, que os ruandeses se repregaron ao seu Estado e que se parou a Nkunda. Con todo, segundo expertos como Donato Lwyando, militares ruandeses seguen a entrar no Congo en busca de minerais e ao redor diso orbita un plan de separación liderado por EUA, Ruanda e Uganda, que pretende dividir o Congo e facer do leste –zona de minerais– 
unha república independente, que incluiría desde Katanga até a zona de Kivu, lindeira co territorio ruandés.
Tal e como adoita lembrar este relixioso xaveriano, que hoxe se atopa escondido por amenaza de morte, a RDC está vivindo uns anos moi violentes como consecuencia do espolio constante dos seus recursos e das loitas polo control dos mesmos. Neste asunto comeza a ter importancia tamén a posición de China, que entrou no xogo, negociando importantes contratos. Veremos que acontece.
Balance do decenio
Milleiros de mulleres e nenas violadas e explotadas, millóns de persoas empobrecidas, refuxiadas, un Estado que non pode pagar os profesores, directrices do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional que instan para non investir en servizos públicos, só o cinco por cento dos congoleses na economía formal... E máis de cinco millóns de mortos... E día tras día cargamentos de ouro, coltán e diamantes saíndo do Congo cara ao Norte. Cara a aquí. Anoitece no Congo e un gran camión percorre as estradas cara ao aeroporto. Vai cargado do que serán compoñentes básicos dos nosos teléfonos e ordenadores portátiles, grazas aos cales, en internet, buscaremos as palabras "RDC" e "guerras", e os minerais manchados de sangue e violencia e as mulleres que sofren abusos saltarannos á cara. O horror. O horror.
DAS MINAS AO MÓBIL
As fotografías son de Sasha Lezhnev e pertencen ao estudo From Mine to Mobile Phone, da ONG Centre for American Progress. Denuncia os intereses da cadea de subministración de minerais na R. D. do Congo e especialmente o traballo infantil nas minas do leste do país, que son fundamentalmente de ouro e 3T –estaño, tantalio, tungsteno. O destino é a fabricación de compoñentes electrónicos para ordenadores, consolas ou teléfonos portátiles. A maioría dos beneficios do comercio destes minerais vai aos grupos armados e aos seus socios comerciais das transnacionais –Intel, Apple, Nokia, Hewlett Packard, Nintendo, etc.– e gobernos do Norte. Como as empresas non teñen hoxe auditorías para asegurarse da procedencia dos seus materiais, todos os teléfonos e ordenadores portátiles poden conter minerais de zonas de conflito do Congo.  Localmente estes beneficios son usados para mercar armas e intimidar a poboación. +INFO: www.enoughproject.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario