Emilio
Argiz, Xornal (27-1-2011)
É abraiante
o panorama dende a cima da presa de Aswan, construída sobre o Nilo polo goberno
exipcio, con apoio soviético, entre o 60 e o 71 do S. XX. A un lado, o maior
encoro do mundo, inmenso mar interior que alagou Nubia e se introduce no Sudán
500 quilómetros cara o sur. E ó outro, o val do Nilo, a primeira presa británica
do 1898, e a cidade de Aswan. “Lago Nasser” foi nomeado o encoro, na honra do
gran líder do Exipto moderno, o coronel que no 52 tomou parte no golpe de
estado que acabou co monicreque rei Faruk e o protectorado británico, e que do
56 ó 70 foi o presidente dun Exipto gobernado por si, retomando a historia
interrompida (case sen matices) dende tempos de Cleopatra.
Cun certo
paralelismo con Bourguiba na Tunisia, o de Nasser foi un goberno secular e
modernizador, e neste caso máis estatalista e pro-soviético (eran tempos de
Guerra Fría). Unha das súas primeiras accións foi dar un xaque a británicos e
franceses e nacionalizar o Canal de Suez , o que lle deu a oportunidade dunha
vitoria militar e de erixirse en líder do mundo árabe. E coa nacionalización,
virían os ingresos para construír a gran presa que regulase as crecidas do
Nilo, e propiciase un amplo programa de regadíos.
Nasser
morreu no 70, e foi o seu un goberno de luces e sombras. Pero as guerras con
Israel non deben facer esquecer o impulso secularizador, as melloras en educación
e sanidade, ou na estrutura de propiedade da terra, acabando cun réxime case
feudal. Non chegou o artífice a ver a presa rematada, e tampouco o resultado,
que non deixa de ser un extraordinario paradoxo. Porque a presa propiciou a
posta en cultivo de moitas terras novas, un rápido crecemento da poboación
(Exipto anda polos 80 millóns de habitantes e o Cairo supera os 12), ou ata que
o país sexa unha potencia exportadora de algodón ou patacas. Pero a presa mesma
converteuse nun enorme talón de Aquiles, tal que un certeiro único mísil acabaría
con boa parte dos exipcios (apiñados no val do Nilo) afogados no Mediterráneo.
Talón de Aquiles que explica en boa medida a “domesticación” de Exipto dende a
morte de Nasser, ou os acordos de paz asinados con Israel no 78, en Camp David.
A Nasser
sucedeuno o pro-americano Anwar-el-Sadat, e a este, asasinado no 81, o
posibilista Hosni Mubarak. E de novo nun certo paralelismo coa Tunisia, Mubarak
leva 30 anos no poder, e como Ben-Alí, e tantos outros dende Marrocos a Xordania,
deslizouse cara a unha autocracia corrupta, pero submisa e confortable para
occidente. Agora, con 82 anos, pretendía que o seu fillo fose o herdeiro.
Como a
Tunisia, Exipto ten unha gran dependencia do turismo europeo como motor económico
e unha mocidade que, farta de autocracias, se rebela contra a miseria, a
corrupción e a acumulación de riquezas nas mans duns poucos. Desigualdades que
son por certo moito máis pronunciadas en Exipto e moi visibles no Cairo, ou
Alexandría. E outra semellanza é o papel que está a xogar internet como medio
de comunicación e catalizador. Primeiro no Irán, despois na Tunisia e agora en
Exipto, parece difícil poñerlle portas ó campo da grande rede, que transmite as
novas de xeito instantáneo e articula as mocidades insatisfeitas.
Pero a
diferenza de Tunisia, os exipcios non son 10 senón 80 millóns, e o país é o
corazón simbólico e físico do mundo árabe. E tamén a diferenza de Tunisia, o
islamismo radical ten forza en Exipto, estando detrás, probablemente, do
asasinato de Sadat, e con seguridade, das masacres de turistas occidentais no
Cairo e en Luxor no 97, ou dos recentes atentados de Sharm-el-Sheikh.
Está por ver pois se Mubarak será unha nova peza do efecto dominó
iniciado con Ben-Alí, e se alguén máis se suma. E tamén se estas revoltas son
movementos cara unha maior secularización, ou pola contra os integristas acaban
tirando proveito delas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario