venres, 25 de febreiro de 2011

A historia termal de Galicia ó descuberto


13.02.2011 A mostra ‘O lecer das augas’ revela en Santiago de Compostela o devir dos balnearios desde a Belle Époque ata a actualidade
CRISTINA DOMÍNGUEZ
Duchas do balneario do Carballiño
Pra coñecer a historia de Galicia hai que coñecer a historia das súas augas. E para iso nace a exposición ‘O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia’, un paseo polo pasado termal galego a través de doce paneis informativos con fotografías da época, e a través dunha selección de publicacións especializadas e de distintas pezas orixinais, que se exhiben no Colexio de Fonseca en Compostela ata o próximo 28 de febreiro.
Achegar o mundo do termalismo ó público xeral e fomentar así a cultura termal é o obxectivo primordial desta iniciativa que xorde dun estudo dirixido polo profesor Luís Alonso sobre a historia dos balnearios galegos desde 1700 ata a actualidade e que foi promovido pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia. A exposición empeza a xestarse "cando decidimos publicar este estudo coa editorial Galaxia, aí xorde a idea de realizar esta mostra", explica o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.
"A importancia de coñecer esta parte da historia de Galicia é fundamental para comprender mellor o seu pasado e poder planificar de forma máis eficaz o seu futuro termal como líder do sector en España" explica o xerente. Este tipo de accións "contribuirán a achegar ó público non só á historia dos balnearios senón que o informarán sobre para que valen as augas, os tipos de tratamentos e enriquecerán a experiencia nestes centros", manifesta Amor.
A exposición ‘O lecer das augas’ repasa a historia dos balnearios de Galicia desde o século XVIII coa recuperación das fontes termais por parte das elites ilustradas pasando pola Belle Époque, a República e a Posguerra ata a actualidade, coa creación da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia en 2010. Pero hai un feito principal que se repite ó longo da historia do termalismo en Galicia e é "a súa vinculación co termalismo europeo.
Hai unha historia común, similar ó Camiño de Santiago, que está presente na toponimia en Ourense, Caldas de Reis, Cuntis, Baños de Molgas, igual que sucede en Europa", comenta Benigno Amor. E paralelamente Galicia tamén "viviu o esplendor dos centros termais europeo, nos balnearios de Mondariz ou da Toxa", explica.
A exposición acolle ademais dos paneis explicativos unha coidada mostra de cincuenta volumes seleccionados da biblioteca do codirector da Cátedra de Hidroloxía da USC, o doutor Luís Rodríguez Míguez.
Así mesmo, tamén se exhiben botellas antigas de auga mineromedicinal, moedas cuñadas polo propio Balneario de Mondariz e outras pezas de época como vasos ou inhaladores como o do Balneario de Lugo, unha xoia artística deseñada por Sargadelos.
O público poderá coñecer no Colexio de Fonseca en Compostela como o termalismo en Galicia xa era empregado moito antes da chegada dos romanos, responsables da promoción destes espazos que permaneceron na memoria popular ó longo da historia a pesar dos seus momentos de declive. A mostra inicia o seu periplo histórico no século XVIII coa recuperación das fontes termais de man das elites ilustradas. Nesa mesma época os médicos que lles receitaban a terapia das augas ós seus enfermos comezan a publicar numerosas obras sobre os baños termais. Posteriormente, moitos dos mananciais foron saneados como os de Carballo, Cuntis, Caldas de Reis, Lugo ou Molgas, e creáronse ós seus arredores as primeiras casas de baño de Galicia.
No século XIX nace a primeira regulación no uso das augas termais dotando ós balnearios de normas básicas para a xestión, inspección e uso das instalacións, así como a obrigación de dispor de directores médicos encargados das terapias. E neste período aínda que se manteñen os balnearios tradicionais tamén xorden outros novos cun claro obxectivo de negocio.
Coa Belle Époque, a partir de 1875, o enfermo convértese en bañista e o balneario pasa a ser un lugar de recreo. Nesa época, os tradicionais balnearios de xestión familiar conviven cos establecementos de luxo e confort que trataban de reproducir o modelo centro-europeo como A Toxa e Mondariz.
Tras a década de ouro de 1920 que viviron estes centros termais, chegou a Guerra Civil que provocou a caída da demanda e a interrupción forzada das actividades dos balnearios galegos reconvertidos en hospitais de sangue e cuarteis. Logo, a posguerra e o fomento do turismo de sol e praia nos anos 60 condenounos a unha lánguida existencia ata 1980.
Co Estatuto de Autonomía de 1981, Galicia asume máis competencias en materia de augas minerais e termais o que lle permite apostar polo turismo de saúde. O aumento da renda per cápita, a preocupación pola calidade de vida e a mellora da oferta fomentaron a ocupación e abriron novas posibilidades de expansión e crecemento do sector.
En 1985 dez empresarios constituíron a que hoxe é a Asociación de Balnearios de Galicia para representar e promocionar o sector. Na actualidade, son vinte os balnearios asociados. Os centros termais galegos lideran o sector en España posto que representan cerca do 20 por cento da oferta. E no 2010 deuse un paso máis coa creación da AEITEGAL -Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia-, integrada por 53 empresas, as tres universidades galegas e diversos organismos públicos. O martes, 15 de febreiro, presentarase en Fonseca o libro de Galaxia no que está baseada esta exposición que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da AEITEGAL.
Ademais, está previsto que seguindo o seu carácter itinerante, a mostra se exhiba en Ourense do 2 ó 15 de marzo, na sala de exposicións da Deputación de Ourense, coincidindo co II Congreso Internacional de Turismo Termal, e estase negociando, segundo Benigno Amor, a súa presentación en Verín e mais en Lugo.
Algunhas curiosidades
1816-1817: Primeiro regulamento do uso das augas termais.
1833: Galicia sitúase á cabeza do sector con sete balnearios oficiais.
1878: A Exposición Universal de París premia as augas da Toxa e de Carballo.
1898: Elites políticas, intelectuais e empresariais do país figuran entre a clientela das grandes estacións balnearias de Galicia.
1905: O balneario da Toxa vende 59.000 pastillas de xabón de tocador e frascos de sales de baño.
1932: Cerca de 90.000 clientes visitan os balnearios españois e deles o 17,7 por cento acode ós baños galegos.
1985: Nace a Asociación Galega de Propiedade Balnearia.
2010: Créase Aeitegal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario