Sinalan a relevancia da
mobilización popular na Transición
MARÉ . SANTIAGO
Manifestación de estudantes, Santiago 1978 |
"Franco morreu na
cama, pero o franquismo morreu na rúa. A Transición non a fixeron o Rei e
Adolfo Suárez, senón que houbo moita xente detrás: movementos populares, políticos,
sindicatos... moita xente anónima". Así explica Víctor Santidrián Arias,
da Fundación 10 de Marzo, a idea fundamental na que alicerza a exposición En
Transición, que se pode ver na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago ata o
vindeiro 14 de febreiro.
Elaborada pola Asociación
Cultural Sine Nomine e producida pola Fundación 10 de Marzo (F10M), en
colaboración coa Consellaría de Educación e a Concellaría de Educación de
Santiago, aborda diferentes temáticas en 18 paneis. "Non é un estudo en
profundidade sobre a Transición, nin unha historia política, aínda que tamén
ten algo diso. Escollimos temas como o galego, a educación, a sexualidade, o
movemento obreiro...", engadiu. "Con todo o proceso de recuperación
da memoria histórica que se está a producir, pensamos que era necesario revisar
a Transición, pois normalmente fálase máis das primeiras décadas do
franquismo...", indicou.
En Transición
propón, así, unha reflexión sobre cuestións como a construción que a historia
recente fixo deste período. Historiadores como Josep Fontana, que sempre
defende que a historia se fai desde abaixo, desde o pobo, ven nesta etapa
"ficción edulcorada, historia fraudulenta que elaboraron os seus
pretendidos protagonistas".
O panel sobre o galego
repasa os debates normativos dos anos 80, así como o centrado na educación
lembra a loita por normalizar o uso do galego no ensino. A mostra repasa tamén
algúns dos cambios que se produciron nos anos 60 no ámbito cultural, coa
importancia da canción protesta ou o que chamou "movida madrileña".
A represión dos
homosexuais ou o avance das mulleres, impulsado polo movemento feminista,
configuran, xunto ós avances na liberdade sexual, o contido doutros tres
paneis. A exposición sinala tamén como o clero tentou protexer o financiamento
público dos centros de ensino privados ou se opuxo ó aborto ou o divorcio. O
comezo da sociedade de consumo, a deterioración paisaxística e ambiental, a
complicada situación económica do ano 77, a utilización dos medios de
comunicación para lexitimar o novo rexime político, a legalización dos partidos
políticos, o pulo do movemento obreiro e o seu papel na loita antifranquista,
as mobilizacións populares na rúa son outras das cuestións que trata a mostra.
De carácter didáctico, a
exposición trata de relacionar coa actualidade o que pasou naqueles anos. Así,
coloca, por exemplo, unha declaración recente de Manuel Fraga Iribarne sobre o
"guerracivilismo" que ao seu ver implicaba remover na memoria do
franquismo, coa loita da irmá de Humberto Baena, un dos últimos executados da
ditadura, porque se recoñeza que o seu irmán non cometeu o crime do que o
acusaron. En Transición inclúe tamén extractos de conversas con testemuñas
da época.
DATOS
A Asociación Sine Nomine
Os autores da mostra, que
vai acompañada dunha unidade didáctica, son as profesoras e profesores de
ensino secundario Carme Alvariño Alejandro, Cristina Brión Calo, Heladio Anxo
Fernández Manso, Antom Freire, Mercedes González González, Paz Leirós de la Peña,
Ramón López Facal, María Luísa Paz Patiño, Francisco Pérez Otero e Víctor
Manuel Santidrián Arias.
A Asociación Cultural Sine
Nomine está formada por ensinantes fundamentalmente de Xeografía e Historia e
Ciencias Sociais de ensino secundario e universitario que tratan de achegar ao
profesorado ferramentas de traballo para que nas aulas se incorporen tanto o
cine documental como unha aprendizaxe dinámica e aberta ao diálogo cos rapaces
e rapazas. Organiza, por iso, ciclos de cine e historia, entre outras
actividades. A Fundación 10 de marzo é unha fundación cultural promovida polo
Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CC OO). Un dos obxectivos
fundamentais da Fundación é recuperar a historia dos movementos sociais e políticos
de Galicia nos anos do franquismo. Para isto, leva anos a producir exposicións
de contidos históricos e culturais.
"Temos
outra mostra sobre a República, outra sobre o franquismo... Tratamos de subliñar
o traballo do movemento obreiro a favor da democratización", apuntou
Santidrián. "O movemento obreiro cambiou, claro, desde a Transición. A
Constitución institucionalizou os sindicatos", subliñou. A exposición
estará lista, despois do día 14, para itinerar polos centros de ensino que
desexen amosárllela ós seus alumnos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario