xoves, 3 de febreiro de 2011

Os nenos que choian en EEUU


Human Right Watch denuncia a pervivencia do traballo infantil en Estados Unidos na área da agricultura ·· Sinala as "abafadoras" disparidades raciais no seu sistema penal
M. TOJO . SANTIAGO
É un dos países que máis propaganda emite contra a explotación infantil no mundo, un dos doadores máis xenerosos ao programa da Organización Internacional do Traballo. Mentres, ao longo da xeografía estadounidense centenares de miles de menores traballan en condicións de extrema precariedade co beneplácito dos gobernos. Acontece no sector agrícola, para o que contan con leis específicas máis laxas que no resto das ocupacións, tal como denuncia a organización non gobernamental Human Right no seu último informe publicado onte. "Os nenos traballadores agrícolas estadou- nidenses, a maioría dos cales son latinos, a miúdo choian 10 ou máis horas ao día, con risco de intoxicación por praguicidas, enfermidades pola calor, lesións, e discapacidades para sempre".
A lei estadounidense de Normas Equitativas de Traballo (FLSA) prohibe dar emprego a menores de 14 anos, e os menores de 16 só poden traballar tres horas ao día durante o período escolar. No entanto, a normativa, que data dos anos trinta do século pasado, non ten vixencia no sector agrícola, no que poden traballar nenos maiores de 12 anos e non hai límites de horario. A situación é especialmente crítica para a comunidade hispana, que representa o 85 por cento dos colleitadores en Estados Unidos. Aínda cando os nenos teñan a nacionalidade estadounidense, a miúdo os seus pais son residentes en situación irregular ou teñen visas temporais, o que fai improbábel que se atrevan a denunciar as autoridades o abuso que sofren os seus fillos.
O informe de HRW critica ademais a Estados Unidos polas "abafadoras" disparidades raciais no seu sistema de xustiza penal e as deficiencias no seu enfoque sobre inmigración e loita contra o terrorismo. No sistema penal estadounidense -que aínda conta coa maior poboación mundial de reclusos, 2.297.400, segundo as últimas cifras de xuño de 2009-, os homes negros non hispanos son encarcerados a unha taxa seis veces maior que a dos homes brancos non hispanos. Esta disparidade "non pode explicarse unicamente por diferenzas na conduta criminal". En 2009, un de cada 10 homes negros de 25 a 29 anos estaba preso, mentres que para os homes hispanos a proporción era un de cada 25, e para os brancos, un de cada 64. E todo isto, malia as promesas da Casa Branca de Obama para facer fronte a estes fallos.
Para a organización, o historial estadounidense de dereitos humanos vese minguado principalmente polo fracaso da administración do presidente estadounidense, Barack Obama, de cumprir a súa promesa de pechar o centro de detención na Bahía de Guantánamo, Cuba, para os sospeitosos de planificar atentados terroristas. E critica o traslado dalgúns detidos de Guantánamo a países onde poderían sufrir tortura ou malos tratos, ata un enviado a Alxeria. "A pesar da abafadora evidencia de que altos funcionarios da administración Bush aprobaron métodos ilegais de interrogatorio de tortura e outros malos tratos, a administración Obama aínda ten que proseguir os xuízos".
Ao seu carón, outras deficiencias de Estados Unidos en materia de dereitos humanos son o uso da pena de morte, vixente en 35 estados, e o encarceramento dos delincuentes xuvenís. Uns 2.574 delincuentes xuvenís -menores de 18 anos ao cometeren o delito- son condenados a cadea perpetua sen posibilidade de liberdade condicional en cárceres de Estados Unidos.
No que se refire á Unión Europea, HRW critica a resposta tardía da Unión Europea, especialmente de Francia, á crise política en Tunisia fronte á actitude de Estados Unidos, cuxo presidente Barack Obama, na súa opinión, "claramente se aliñou coa democracia máis que co liderado corrupto" do país magrebí. "É importante que a UE e Estados Unidos e outros aprendan a lección de que é incorrecto apoiar o ditador simplemente porque se lle ve firme na loita contra o terrorismo ou na loita contra a inmigración", subliña o director para Europa de Human Rights Watch, Kenneth Roth, en nota de prensa. "Claramente a UE non estivo por diante destes acontecementos. Non creo que ninguén o estivese. Estamos especialmente decepcionados pola resposta de Francia. Até a saída de Ben Alí estivo máis preocupada por reforzar a resposta policial de Tunisia que en pórse detrás dos manifestantes na rúa", lamenta.
Nese sentido subliña que a Unión Europea e os estados membros cada vez máis tenden a manter un diálogo sobre Dereitos Humanos "de portas adentro" con réximes "abusivos" e critica a estratexia de "diplomacia silenciosa" da Alta Representante de Política Exterior e de Seguridade Común da UE, Catherine Ashton.
Entre os países cos que a UE foi "máis condescendiente" a pesar da súa constante vulneración dos dereitos humanos, o informe destaca a Usbequistán, Turkmenistán, Ruanda e Etiopía. No caso de China, HRW sinala a "covardía" tanto da UE como dou- tras potencias "para facerlle fronte á represión cada vez máis profunda das liberdades fundamentais" no xigante asiático. "O mundo necesita establecer certas condicións para establecer relacións entre países", conclúen.
Unha ONG criticada por complicidade coa guerra afgá
Diversos intelectuais acusaban no 2008 a ONG Human Right Watch de ocultación de vítimas civís e xustificación da guerra de Afganistán. De acordo con Marc Garlasco, actual analista militar de HRW, a forza aérea de EE UU perfeccionou tanto a súa puntería que agora só morren os "mozos malos". Naturalmente, tal como escribían os xornalistas Marc W. Herold e David Peterson en Rebelión, trátase dunha vella parábola na "venda das guerras modernas por parte de EE UU", segundo a cal, o armamento guiado de precisión supostamente aforra civís. Entre os primeiros relatores deste mito áchanse William Arkin (do Wáshington Post) e o coronel na reserva MacKubin Owens. O coronel Owens describiu así en novembro de 2001 os bombardeos estadounidenses sobre Afganistán: "En certo xeito é unha aproximación inmaculada á guerra". Pero, segundo os autores, abonda unha rápida revisión do Proxecto Memorial de Vítimas Afgás, para confirmar que houbo centos de vítimas civís en Afganistán desde o 1 de xullo de 2007. Segundo os autores, o Exército de EE UU e HRW operaron cunha conveniente ficción segundo a cal a pretendida intención e discriminación son de verdade atributos do que fai o Exército de EEUU cando empeza a matar "combatentes" en teatros de guerra. Alegar que as vítimas producidas involuntariamente son "danos colaterais" permítelles aos atacantes defender a pureza da súa intención. Pero por que ía querer unha "organización pro dereitos humanos" seguir o Pentágono naquilo? A resposta dos autores é que, como mínimo nestes temas, HRW serve menos como unha organización de dereitos humanos e máis como un adxunto dos criminais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario