xoves, 3 de febreiro de 2011

Estratexias epistolares


María Liliana da Orden: "Os familiares dos emigrantes galegos mantiñan correspondencia para conservaren a súa propia identidade"
VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
A "ponte de papel" tendida polos emigrantes galegos coas súas familias a través de cartas e fotografías era "unha forma de manter a identidade da familia". Así o considera a doutora en Historia e profesora da Universidadade Nacional de Mar de Plata María Liliana da Orden, filla de emigrantes galegos, que o ano pasado recibiu o VII Premio de ensaio Manuel Murguía que concede a Deputación da Coruña polo seu estudo Una familia y un océano de por medio que acaba de publicar a editorial Anthropos.
Como naceu a idea de elaborar un ensaio sobre o intercambio epistolar dos emigrantes galegos?
Eu elaborei a miña tese de doutoramento sobre a emigración española en Mar de Plata. Casualmente, caeu nas miñas mans un conxunto de máis de oitenta cartas, fotos, postais e papeis persoais dun emigrante de Salvaterra do Miño (Manuel Correa), que marchara a Mar de Plata el só na posguerra deixando a muller e o fillo. Coa peculiaridade de que o material inclúe só as cartas enviadas pola súa nai (Dolores Porto) dende que marchou en 1952. O que quixen tratar foron os aspectos subxectivos da emigración. Sabemos moito da identificación dos galegos con asociacións rexionais e parroquiais, pero queda pendente saber que pasa coa identidade individual, que sente o emigrante cando deixa a súa familia e que sente esta familia sobre a súa ausencia.
Cales son os trazos da emigración galega na posguerra?
Era a época do peronismo e había un maior control da emigración así que para emigrar a Arxentina necesitábase unha carta de chamada que no caso deste emigrante de Salvaterra do Miño foi feita por un primo. A emigración española é familiar pero a galega ten unha porcentaxe menor de acompañamento familiar. De feito, os pais permanecían no pobo, co risco de non volver velos. O meu interese era ver como se recrea esa relación coa familia tendo en conta que, pola agricultura de subsistencia no que viven, o coidado aos pais na vellez era un mandato para os fillos dende o berce. Contra o tópico de que a xente case analfabeta tiña dificultades para expresarse, a nai do emigrante de Salvaterra expresaba moi ben os seus afectos, a soidade, a angustia, a alegría de recibir as cartas do seu fillo, o desexo de escribir. As cartas enviadas pola nai marcan a necesidade de reconstruír a historia familiar como unha forma de manter a propia identidade. Esta nai foi capaz de manter un diálogo epistolar co seu fillo. Había anos nos que non pasaba un mes sen enviar e recibir cartas. Buscábase así evitar a situación traumática que supoñía a separación e diminuía a dor do emigrante galego de non poder coidar os seus pais na vellez.
Estas cartas desvelan que moitos pais eran os que impulsaban os fillos a emigrar pero, pasados os anos, "culpábanos" da súa soidade na vellez. Era unha dobre moral por parte dos que quedaban en Galicia?
Aínda que este non parece ser o caso de Dolores Porto, algo diso vese nas queixas desta nai cando lle di nas cartas que está soa. É certo que os emigrantes son dalgún xeito impulsados a partir para buscar o progreso. Pero os reproches só aparecen cando se trata do único fillo ou cando morren todos os seus irmáns e os pais quedan sós. No caso de Dolores, tiña outroos dous fillos, pero parece que o que emigrou era o único co que podía conversar e ter un trato frecuente. Nas súas cartas contáballe que os outros fillos a visitaban moi pouco. Pero a soidade de Dolores non era un reclamo para o fillo emigrante. Aínda que noutros casos, había cartas moi directas e moi duras. Como a foto que lle envía unha irmá a un emigrante dicíndolle: "para que vexas que non morremos" ou outra, dunha nai, que lle escribe ao fillo o día de Nadal: "eu atópome soa, a túa irmá morreu e eu crin que tiña un fillo". Canto máis esixentes eran as situacións, máis tensións había.
Tamén analiza as tensións a través do xénero: é dicir, como as nais chegaban mesmo a ignorar as noras, loitando polo control das familias.
Si, mostro como moitas das mulleres ás que se supón submisas, tiñan formas de exercer un dominio sobre os fillos homes e as noras. O paradóxico é que todo isto se pode ver a través do intercambio epistolar da emigración. O analfabetismo non impedía o intercambio epistolar, todo o contrario.
Que papel tiñan as fotografías que se enviaban nestas cartas? Tamén reforzaban os vínculos entre a familia?
Como as cartas mesmas, as fotos estaban sacadas con moito coidado. Como falamos da emigración da posguerra, o acceso á fotografía estaba ao alcance de máis xente así que se enviaban aos emigrantes para mostra os cambios, o progreso, que se estaba moi ben, xeralmente. Os comentarios eran que medraran, que engordaran, que comían ben, o cal era unha mostra de progreso. Ademais, a foto era un obxecto fetiche, que ocupaba un lugar privilexiado nas casas de quen as recibían.
SILENCIOS INTENCIONADOS
"Controlábase o dito e o calado"
Neste tipo de cartas abordábanse cuestións políticas?
Polo tipo de carta, dunha nai a un fillo, fálase pouco de política pero máis do que se podía supor. O fillo de Dolores fala das crises permanentes que se dan en Arxentina nos anos 60 como a inflacción, os golpes militares... Ela dille que deixe estar aos políticos e parece máis interesada en saber o que pasa internacionalmente antes que en Galicia.
Que significaban os silencios, cando se deixaba de escribir?
Xeralmente, cando se escribía algo de máis, o común é que parase o intercambio de cartas, nalgún caso, durante todo un ano. Estes silencios contundentes amosaban un enfado pero tamén había silencios sutís. Se algo ía mal, non se comentaba, coa intención de evitar un punto conflitivo. Hai moito control do que se di e do que se cala. Até nos casos de menor instrución, hai unha intencionalidade nas cartas. Hai certo receo en expresar os sentimentos e iso evidenciábase nos silencios.
Ser filla de emigrantes galegos influíu na decisión de facer este ensaio?
Era un tema que estaba xerminando xa dende os anos 80. Aínda que até hai pouco, só sabía o que me contaban. No fondo, hai algo diso. O meu pai emigrou con 18 anos de Chantada pouco antes de que estalara a guerra civil española. Por iso, este tema está a ser estudado polos axentinos de primeira xeración con orixes familiares galegas.
Dá por concluída a súa investigación ou segue indagando?
Teño unha colección importante de cartas e teño pendente escribir algo sobre elas. Agora tamén estou a facer un estudo sobre o peronismo en Arxentina, aínda que iso non o vou abandonar. Máis alá de que sexa máis ou menos representativo, quixera continuar. No libro, inclúo un apéndice de cartas seleccionadas porque creo que este tipo de fontes merece unha abordaxe interdisciplinar, para que as poidan analizar antropólogos e lingüístas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario