domingo, 17 de xuño de 2012

Aprendendo a Historia gozando do cinema


Aprender Historia a través do cinema. O profesor Manuel González volveu ás aulas logo do seu paso pola Axencia Audiovisual e decatouse de que aquela xeración que deixara hai seis anos non era a mesma. “Xa estaban moi afeitos ao mundo de internet, ao relato curto a través de vídeos, ás redes sociais...”, relata. Consciente do “pouco querida” que era a súa materia, Historia de España, decidiu chamar a atención dos rapaces proporcionándolles fragmentos de filmes que axudaban a entender os textos. Pero pesaban de máis e empezou a colgalos en YouTube, creando unha “canle de recursos audiovisuais para o ensino a través de clips de filmes”. Un ano despois, Cliphistoria vén de superar o millón de reproducións, compartidas por milleiros de profesores en España e en Latinoamérica.
Todo isto, malia que os textos e as explicacións están en galego. “Moitos preguntábanme por que escribía en castelán antigo ou en portugués”, lembra agora entre risas. No entanto, a maioría de correos que recibía eran para agradecerlle unha idea que axuda aos docentes a explicar a Historia dun xeito máis divertido e aos rapaces a aprendela dunha maneira máis doada.
O traballo non foi tan fácil. Cliphistoria conta xa cuns 1.300 clips de 800 filmes diferentes, tanto españois como latinoamericanos. De feito, o 30% dos seus usuarios habituais proceden do outro lado do Atlántico, especialmente cando aos profesores lles toca explicar a colonización española na zona. “A maioría de clips que elixen nese caso son os de filmes que, normalmente, nunca se viron en España porque nos deixan como asasinos e bárbaros”, di Manuel González, que tirou da súa excelente bibliografía sobre cinema para ir recompilando, paso a paso e desde a súa casa de Sada, películas que tratasen todos os temas históricos importantes no temario dos rapaces.
“É moi abrumador, porque o que se ve na canle non é máis que o contedor dun traballo moito máis importante; o verdadeiramente relevante de todo isto é o que hai por detrás”, reivindica o artífice dunha ferramenta que “comeza cos bípedos e acaba no 18 de xullo de 1936”. O seu próximo obxectivo, a Guerra Civil española.
Mentres, os rapaces seguen gozando dunha maneira tan inusual como atractiva de aprender a Historia. Nos seus materiais, unha chea de enlaces que provoca que “moitos dos cativos logo se interesen polos filmes” e acaben por gozar cunha materia que antes detestaban. “O cinema español vale para moito máis do que se di”, advirte Manuel González, que non só organiza os vídeos cronoloxicamente, senón tamén por temas transversais que van desde a Arte até a Literatura, pasando polas Mulleres. Todo cunha atracción innegable. Para os máis pequenos, pero tamén para todos aqueles que gocen do cinema ou da Historia. Ou das dúas cousas á vez. Un exemplo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario