Supoñen case o 58% da poboación e carrexan sobre a cabeza o sustento
familiar de moitos fogares. Mais as súas voces non se escoitan. O 90% son
analfabetas e fican caladas ante a violencia, a guerra e os malos tratos
amparados por unha sociedade patriarcal que as relega a un segundo plano. Aínda
estando prohibida, a mutilación xenital é práctica habitual contra as nenas, en
forma de ablación ou infibulación. Para as sudanesas, unha cousa é a lei e
outra, ben distinta, a vida
Sermos Galiza
Elas son maioría. Representan case o 58% da poboación, e levan en boa
medida o sustento familiar de moitos fogares. Mais apenas se escoitan as súas
voces e moitas nin se atreven a protestar ante a violencia, a guerra e as situacións
de malos tratos amparados por unha sociedade machista. Calquera análise ao
redor das sudanesas pasa polo elevado índice de analfabetismo, que afecta ao
90% delas. A ignorancia afástaas das vías e das formas de reclamar os seus
dereitos, e tórnaas presa de costumes e tradicións, relegadas desde que nacen a
un segundo plano.
No albo da pobreza
As sudanesas viven un verdadeiro martirio
no medio dunha cultura patriarcal. Guerras civís, opresión política e
relixiosa, desastres naturais e unha crecente escaseza de alimentos castíganas
cada día, enterrándoas na pobreza. Sudán quedou dividido en dous tras 20 anos
de enfrontamentos. O conflito entre o Norte de maioría musulmá e o Sur cristián
terminou cando en xaneiro de 2005, a instancias da ONU, foi asinado un acordo
de paz entre o goberno de Xartum e o Exército de Liberación do Pobo de Sudán do
Sur.
Un referendo realizado en xaneiro de 2011 aprobou por abafadora maioría
--98,83 por cento-- a independencia da nova República de Sudán do Sur, que foi
efectiva o 9 de xullo do propio ano. Mais nin antes nin despois quedaron
resoltos os conflitos tribais entre varios grupos étnicos, acentuados pola
pobreza crítica. O conflito en Darfur pola auga --dada a aguda desertificación
da rexión-- entre os Yanyauid e os africanos negros ten xa máis de 750 mil
vítimas e algo máis de dous millóns de desprazad@s, a maioría mulleres e nen@s.
Outro tanto sucede en Kordofán, dividido en norte e sur tras a escisión da
nación africana, e en Abyei aínda en disputa, lugares onde se acumulan os
maiores xacementos de petróleo do país. En Sudán do Sur están en guerra polo
menos sete grupos armados que afectan a nove dos 10 estados. Nos intentos por
desarticular os grupos rebeldes shilluk e murle, moitas aldeas foron arrasadas,
centos de mulleres e nenas violadas, nenos usados como reféns para facer
claudicar a nais e pais, e un número indeterminados de civís asasinad@s.
Son situacións que vulneran os dereitos máis elementais das sudanesas,
consideradas en calquera circunstancia como o sostén de moitas familias, e
defensoras da súa prole nas condicións máis adversas da guerra. Mais, fame e
guerra ao carón, o problema delas ten raíces máis profundas.
Encher a boca con dereitos que non se cumpren
Axiña que
alcanzou a súa independencia, o nacente Sudán do Sur autoproclamouse como unha
república democrática multiétnica, multicultural, multilingüe, multirreligiosa
e multirracial. De igual maneira estableceu a separación entre a Igrexa e o
Estado, e a igualdade de dereitos entre homes e mulleres.
A Directora Executiva de ONU Mulleres, Michelle Bachelet, cualificou
daquela esa chamada "transición democrática" como unha oportunidade
para as mulleres sudanesas a fin de fortalecer o seu liderado, a súa autonomía
e os seus dereitos cidadáns. As referencias históricas permiten estabelecer
certa diferenza entre o tratamento ás mulleres do Sur, onde elas teñen un rol
máis activo e son tidas en conta nalgúns ámbitos sociais e públicos. Con todo,
aínda se atopan baixo escrutinio e sometidas aos homes. Ningún decreto cambia
de súbito a conduta tradicional das persoas, e menos nunha nación dividida,
onde nunha parte quedou algo substantivo da outra; familias, crenzas e
tradicións fragmentadas, que poden a non dubidar incrementar as querelas, como
realmente sucede hoxe.
Lei vs. Realidade
Oficialmente, as sudanesas poden votar
desde 1975 e a discriminación ha ir desaparecendo dos códigos. As escrituras de
leis e decretos preconizan igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e
desde a Constitución está prohibida calquera forma de discriminación. A Lei
islámica concédelles o dereito a dispor da súa propiedade sen interferencias, a
recibir a herdanza da nai e do pai, aínda que elas reciben sempre a metade da
correspondente a eles. De enviuvar, ela herdará unha pequena parte das
propiedades do marido e os fillos maiores --homes-- recibirán a maior parte dos
bens do defunto. Así o establece a Lei.
A disolución dun matrimonio non será problema se é o home quen decide a
separación. Unha muller musulmá non pode casar cun home de diferente relixión,
a menos que se converta ao Islam, o cal non ocorre así para eles. Polo xeral as
sudanesas non logran a súa real identidade até contraer matrimonio, a maioría
deles arranxados durante a infancia e realizados unha boa parte en idades moi
temperás. Aínda que un decreto gobernamental prohibe a discriminación por
motivos relixiosos ou por sexo, na práctica viólanse constantemente.
Ablacións e infibulacións: a mutilación do pracer
Baixo o suposto
de que axuda a pacificar os "espíritos malignos", a ablación ou
circuncisión feminina practícase a case a totalidade das nenas entre catro e
sete anos en Sudán. Desde 1941, segundo investigadores, está prohibida a
infibulación --o cosido da vaxina, deixando só un pequeno orificio para os
ouriños e o sangue menstrual-- como a máis severa forma de mutilación xenital,
coñecida co nome de 'faraónica', pero na práctica continúa facéndose.
A mal chamada ablación sunnita --contrario ao que se cre, nada ten que ver
co Corán--, é a máis practicada. Esas prácticas provocan depresión e
infertilidade. O índice de mortalidade materna é de dous mil 54 mulleres cada
100 mil nados vivos. As duras e desfavorables condicións de vida, sumadas á
escaseza de servizos de saúde básicos, contribúen ao mal estado sanitario da
poboación, a xuízo da responsable da oficina da Organización Mundial da Saúde
(OMS) en Sudán do Sur, Abdinasir Abubakar.
Corenta lategazos por un pantalón
Así se titula o
libro da xornalista sudanesa da misión da ONU, Lubna Husein, onde narra como en
xullo de 2009, xunto a outras 12 compañeiras, ela foi condenada a unha pena de
40 lategazos por vestir pantalóns. Unha vestimenta indecente para a lei
islámica. Por iso foi conducida ao cárcere de mulleres de Omdurman, onde tras
dous meses de forzas legais, a pena foi reducida ao pago dunha multa de 500
libras sudanesas, equivalente a 140 euros. Para esa nación, unha fortuna.
Desde entón Husein dirixiu unha campaña contra o artigo 152 do Código Penal
sudanés de 1991, para quen "cometa un acto indecente, un acto que viola a
moral pública ou o uso de roupa indecente". A propia xornalista sostén que
o referido artigo viola a Constitución de Sudán e o espírito da Sharia --a lei
musulmá--, en vigor no norte de Sudán.
Condenada a morrer lapidada por adulterio
A moza de 16 anos
Silva Kashif tivo menor sorte e recibiu, a pesar de aclarar que ela era
cristiá, 50 lategazos nas costas, as mans e as pernas por vestir unha saia que
apenas lle cubría os xeonllos. Algúns medios africanos dan conta que na
actualidade unhas 700 mulleres cumpren condena nos cárceres de Xartum, capital
de Sudán, por ir en contra da sharia, a pesar da liberdade de culto preconizada
pola Constitución.
Entre as detidas en Omdurman, en xuño de 2012, está Intisar Sharif
Abdallah, unha nova nai dun bebé de catro meses, condenada a morrer lapidada,
ao ser sentenciada por adúltera. Abdallah foi sancionada o 13 de maio,
"sen acceso a un avogado e nun xuízo que se desenvolveu en árabe, idioma
que ela non entende ben", acorde con medios informativos.
A maioría dos medios encargáronse de denunciar que, de se
desestimaren os reclamos a favor de Abdallah, a súa execución violaría mesmo a
Constitución de Sudán, que prohibe a pena de morte "para mulleres
embarazadas ou lactantes". Noutras condicións, unha condena xudicial a
pena de morte non recibiría condena social algunha en Sudán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario