martes, 26 de xuño de 2012

O Pasatempo, unha xoia entre a maleza e o interese cultural


Do Pasatempo dise que é o parque de atraccións máis antigo da Europa. Enciclopédico, o soño de mentes viaxeiras, a maxia do fantástico. O marabilloso parque de Betanzos empeza o camiño para se converter en Ben de Interese Cultural mergullado na maleza.
Sermosgaliza

O parque do Pasatempo en Betanzos parece o escenario dun relato de aventuras, o ambiente perfecto para recrear a Salgari ou Verne. Como se unha mente viaxeira e imaxinativa trazase o seu deseño, polos espazos agroman imaxes do mundo enteiro, reloxios que indican diferentes horas do mundo, imaxes que nos levan a Exipto ou a presenza constante de América entre as súas figuras. 
As imaxes históricas, postais que retratan o seu tempo de esplendor, dan idea dun parque marabilloso, máxico na súa construción, enciclopédico en canto recollía todo o mundo no seu interior e espazo perfecto para, como o seu nome indica, pasar o tempo entre as súas múltiples opcións para o lecer. Covas, estanques, camiños, labirintos, xardín botánico… o mundo enteiro podíase percorrer nas hectáreas dun parque que lembra, en certos elementos arquitectónicos ao Güell de Barcelona. 

O Concello de Betanzos ven de iniciar o expediente para a solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural do parque, por unanimidade de todas as forzas do consistorio, e comeza así un camiño que, se todo conduce como debera, levaráo á protección que esixe un Ben de Interese Cultural. Para iso delimitáronse dúas zonas, a superior histórica e a inferior, unha zona de lecer de nova construción. 

Malia esta vontade política municipal expresada no inicio do expediente, a maleza acumúlase no Pasatempo e as ratas comezan a agromar por medio dos restos do fantástico parque ideado polos indianos irmáns Naveira. O abandono do Parque foi tratado tamén no pleno a iniciativa da concelleira do BNG María Otero que denunciou a suciedade de estanques, camiños e xardíns. Amoréanse restos de podas mesmo a carón de elementos históricos do Pasatempo o que pode facer perigar mesmo a tramitación do expediente polo informe que terán que emitir os técnicos de Patrimonio. Os representantes nacionalistas defenderon en varias ocasións o potencial do parque como motor económicos e promotor de turismo do concello e pulan para un maior esforzo na súa conservación. 

O Parque do Pasatempo foi construído pola vontade dos irmáns Naveira, emigrantes en Arxentina e indianos na súa terra na que construíron escolas municipais, un refuxio para crianzas, un sanatorio ou mesmo a Casa do Pobo. En o Pasatempo deitaron toda a sabiduría enciclopédica que atoparon polo mundo, a vontade didáctica para a veciñanza e o gusto algo requintado e excesivo que poboaba tantas casas dos que regresaban co peto cheo. A súa construcción comezou no 1893 o que o sitúa, para moitos estudosos, como o máis antigo parque de atraccións europeo. No deseño orixinal, os espazos de lecer ocupaban arredor de 90.000 metros cadrados. 

Os estudosos din que máis de 200 traballadores se ocuparon da construción do Pasatempo e foi precisamente este un dos obxectivos dos promotores, dar emprego a quen non o tiña. Un cemento de grande dureza, novo naquel tempo, é o principal material empregado na obra, aínda que nos distintos releves as formas sinuosas están artelladas tamén por outros elementos como vidro ou a propia vexetación. 

Estanques, unha mesquita,  a pirámide de Keops, un buzo con escafandra, mapas, murais cun aeroplano, un funicular ou un dirixíbel, animais de África ou un xardín botánico querían traer a Betanzos o máis sorprendente do mundo enteiro.
O historiador de Betanzos, Xesús Torres Regueiro ven de facer de guía nunha visita polo parque e comprobou que a maleza está mesmo a impedir que se vexan algúns elementos arquitectónicos e artísticos como o propio retrato de Juan García Naveira. Sostén Torres Regueiro que un dos obxectivos da obra foi precisamente dar emprego aos betanceiros que traballaron no parque de 1893 a 1914, data do seu remate. Sitúa o seu esplendor nos anos vinte cando, segundo se conta, o Pasatempo era sinalado nas guías turísticas europeas. Despois da morte de Juan García Naveira en 1933 o parque entrou en declive e nunca máis gozou da brillantez dos da súa década privilexiada. O Parque foi esmorecendo no tempo e mesmo o fillo do benefactor que sufragara a súa construción chegou a facer na parte inferior unha plantación de lúpulo, moi á moda do seu tempo na comarca. 

Libros e enciclopedias

“Hai quen di que está inspirado en libros e enciclopedias do seu tempo. Apréciase en elementos como o buzo que está a procura dun tesouro” comenta Xesús Torres quen destaca tamén o carácter económico do Parque para a sús xestión se vendían tiras de postais que daban uns beneficios que logo sufragarían a escola ou o asilo de anciáns. Torres Regueiro fala dunha clara “concepción enciclopedista para traer elementos de todo o mundo como as propias pirámides de Exipto, a torre inclinada de Pisa ou a privilexiada homenaxe a Arxentina, o país no que emigraron” sinala, deste ecléctico parque que, segundo din, bebeu dos xardíns italianos renacentistas do século XVI. 

Quen herdou o Parque dilapidou tamén parte da súa riqueza. Elementos arquitectónicos foron vendidos e outros roubados nun espazo que quedou no abandono. Algúns mesmo aparecen de cando en vez en subhastas ou mesmo nalgún pazo da contorna. O parque foi ficando decadente sen por iso perder o seu encanto e a súa fantasía. A Torres Regueiro, en especial na parte superior, se lle figura o Parque Güell, coas súas figuras en vidro sobre o cemento base de toda a construción. En espazo privilexiado, os reloxios marcando a hora en distintos lugares do mundo, e Buenos Aires como referencia, a cidade da que todo nace na imaxinación dos García Naveira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario