O pasado 1 de maio foi asasinado en Santa Cruz
Barillas, unha pequena e illada vila de Guatemala, Andrés Francisco
Miguel. Era un líder da comunidade, un líder indíxena oposto ao proxecto de
construción dunha central hidroeléctica na zona por parte de Hidralia Energía, unha empresa coruñesa
propiedade de Luis e David Castro Valdivia, cun conflitivo pasado cheo de
denuncias e condenas en Galicia pola actividade das súas minicentrais e
centrais eólicas, a chamada trama enerxética na
que tamén estiveron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex
director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro
Valdivia.
Non se puido probar este vencello directo entre a
súa morte e a súa oposición ao proxecto, aínda que as autoridades se
apresuraron a desementir toda relación e culparon a un enfrontamento entre
veciños e mesmo a un asunto relacionado con drogas (Santa Cruz Barillas sitúase
preto da fronteira con México e os cárteles mexicanos estenden a súa actividade
a estas zonas). Sexa como for, nos días seguintes o autoritario goberno de
Guatemala presidido por Otto Pérez, decretou o
estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila, botando
abaixo as portas das casas, destrozando as colleitas, detendo 21 persoas e
traendo á memoria os tempos do xenocidio indíxena no país. Hai uns días
foron detidos como sospeitosos do asasinato dous españois, gardas de seguridade
das obras da central eléctrica.
A historia comeza antes. Hidralia Energía
instálase en Guatemala en 2008 e comeza a traballar nunha serie de proxectos de
produción de enerxía hidroeléctrica en centroamérica coa conivencia dalgúns
gobernos da rexión, comezando polo guatemalteco. Entre eles está o de Santa
Cruz Barillas, unha pequena central de apenas 5.000 kW, xestionado pola
empresa Hidro Santa Cruz e que dende o inicio contou coa oposición das
comunidades indíxenas da zona. Non tanto porque se trate dun macroproxecto
que podería borrar do mapa literalmente as súas comunidades, senón porque estas
persoas se opoñen ao modelo enerxético proposto: explotación para a exportación
e porque din que a empresa se negou a negociar con eles en todo momento.
Ademais, argumentan quen en 2007 os habitantes da
rexión votaron masivamente en referendo contra a instalación na zona
de explotacións mineiras, petrolíferas ou eléctricas.
O proxecto de Hidralia conta coa aprobación dun
informe da Corporación Interamericana para el Financiamiento de
Infraestructuras (CIFI), unha entidade participada por Bankia e polo Banco
Mundial e que non só garatiu que a hidroeléctrica tería un efecto lesivo limitado,
senón que lle
concedeu á empresa un empréstito de 11 millóns de dólares para a súa
construción. Toda unha mostra dos intereses cruzados entre entidades
financeiras, empresas, organismos internacionais e gobernos.
Son moitas as denuncias que nos últimos anos se
dirixen contra a actividade de empresas eléctricas europeas (moitas delas
españolas e algunhas galegas) en América Latina. Por exemplo, en 2011 Emgesa
(filial de ENDESA) iniciou a construción da central hidroelétrica do Quimbo, no
departamento de Huila, Colombia e toda a rexión se está a ver
afectada xa na súa actividade produtiva, baseada na pesca e no agro, polo
asulagamento de 2.000 hectáreas de cultivos. Ou podemos falar igualmente da
falida aventura hidroeléctrica de Nova Caixagalicia en Perú, que rematou coa
súa reventa ao seu primeiro dono.
No caso de Hidralia, ademais, cómpre poñer sobre a
mesa, como xa o fixeron algúns medios latinoamericanos, coma a Agencia Latinoamericana
de Información, o seu
documentado pasado de conflitos e ilegalidades. Foi fundada en 2006
polo empresario Luis Castro Valdivia, agora tamén representante legal
de Hidro Santa Cruz; o seu irmán David é CEO de Hidralia e propietario e
accionista maioritario de Hidro Santa Cruz. Porén, xa dende os anos oitenta
Luis Castro Valdivia creou unha multitude de sociedades interpostas que
foron recibindo distintas concesións para a construción de minicentrais e
centrais eólicas.
Nesta trama enerxética, revelada
polos medios de comunicación e denunciada polo TSXG, tamén foron acusados
Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da
Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia. As acusacións
por tráfico de influencias, prevaricación e fraude foron desestimadas polo
Xulgado de Instrución número 1 da Coruña en 2010, pero unha sentenza do TSXG de
23 de xuño de 2011 confirma as malas prácticas do proxectos. Foi no momento
en que era máis forte a presión contra os Castro Valdivia por parte de medios
de comunicación coma La Opinión, organizacións ecoloxistas coma ADEGA ou
partidos coma o BNG, que decidiron iniciar a súa aventura americana, que polo
que se ve tampouco está ausente de conflitos e polémicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario