mércores, 6 de xuño de 2012

Cando apareceu o topónimo "Costa da Morte"?


Un artigo en 1904 sobre o naufraxio de tres barcos recolle este topónimo, segundo o investigador José Manuel Lema.
Por Galicia Confidencial | Cee | 03/06/2012
Camelle
A nova aparece publicada no xornal coruñés El Noroeste, nun artigo do 14 de xaneiro de 1904. Esta é, segundo Lema, a primeira referencia escrita do topónimo Costa da Morte. O achado produciuse este fin de semana grazas a un labor de investigación que levaba a cabo o citado investigador buscando información sobre a vida social e cultural na Costa da Morte antes da guerra civil na hemeroteca do centro Blas Espín de Ponte do Porto que garda fotos, revistas e xornais antigos.
Lema detívose nun grupo de vellos diarios coruñeses que recollían crónicas sobre tres naufraxios nesta comarca, especialmente, no diario El Noroeste de xaneiro de 1904. Tratábase dos accidentes do Kenmore, Draga Rosario D2, e a goleta Francisca Rosa, afundidos en Traba de Laxe, Santa Mariña e Lobeira na noite do 11 ao 12 de xaneiro por mor da néboa. Nese artigo aparecía xa o topónimo Costa da Morte.
Ata agora, a primeira fonte era inglesa
Ata o momento a cita máis antiga documentada deste nome era a da escritora inglesa Annette Meakin, de xaneiro de 1908, en inglés. A cita española era dun artigo sobre o románico de Fisterra de Salvador Garcia de Pruneda de agosto do mesmo ano. Por tanto este novo achado atrasa en catro anos exactos a primeira data até agora coñecida.  Meakin aclaraba que o nome era xa naquela data coñecido entre os mariños ingleses polos naufraxios dos seus barcos na costa próxima á Coruña.
Na obra do propio Lema "Costa da Morte, un pais de soños e naufraxios" indícase que o topónimo tiña pouco máis dun século. Nacera en medios ingleses tras o naufraxio do cruceiro torpedero inglés HMS Serpent en Punta do Boi, Camariñas, e ampliada xunto á lenda negra dos rateiros na prensa coruñesa de primeiros de século. Ademais, do mesmo xeito que todos os documentos escritos aparecidos na prensa e libros desde 1904 a 1930 con esa acepción sempre se fai referencia ao perigo desta costa, polos sinistros marítimos. O autor desta primeira cita de 1904 non é outro que o responsable da edición e da linea editorial, o xornalista coruñés José Lombardero, que dirixiu este xornal de 1896 a 1918.
Outras dúas referencias
Este mesmo medio recolle o mesmo topónimo en dous artigos dese mesmo ano, en concreto, nunha reportaxe sobre o afundimiento doutro barco, o vapor inglés Yeoman, en Camelle o 10 de febreiro. O terceiro articulo de 1904 é unha columna de opinión titulada "O Bardo", asinada o 5 de novembro, preguntase pola desaparición de Eduardo Pondal naquelas datas e lembra que "á beira desta tristemente famosa Costa da Morte saíu un día a súa voz".

Ningún comentario:

Publicar un comentario