luns, 4 de xuño de 2012

Unha pioneira do pedal


Publicado o Mércores, 30 May 2012 07:10
Escrito por Martiño Suárez
Ata onde chega o que eu sei (que non é moi lonxe), só houbo unha muller que correse unha das tres grandes voltas ciclistas na súa modalidade tradicional, a masculina. Chamábase moi apropiadamente Alfonsina Strada, e logrou colarse no Giro d'Italia de 1924 cunha mestura de superación, picardía e chiripa.
Como ocorre con calquera ciclista da primeira época, as brétemas históricas e a esaxeración mestúranse na biografía desta heroína da Emilia italiana. Parece que os animais de granxa tiveron moito que ver na súa infancia: en 1891 naceu, din, dunha familia tan pobre que as galiñas andaban libremente pola casa que compartía con outros 23 parentes, e descubriu a paixón polo deporte cando o seu pai lle cambiou ao médico local media ducia de polos por unha bicicleta. Ademais, o primeiro premio que lle deron foi un porco vivo; descoñezo se o levou para a casa no portaequipaxes. A familia, esa institución, vía mal a súa afección polo exercicio físico e confiaba en que se lle pasase co matrimonio. Erraron: o marido deulle como regalo de voda unha bici nova e brillante.
Esta moza emiliana comezou a entrenar en serio e chegou a disputar algún gran premio no estranxeiro. A súa fama foi medrando, pero non demasiado: cando por erro ou por pillería se inscribiu no Giro de 1924 como "Alfonsin Strada", ningún dos organizadores sospeitou que fose unha muller. Cando se deron de conta era tarde, así que lle deixaron tomar a saída. A Italia daqueles primeiros tempos do fascismo estaba sumida nunha enorme crise e á Gazzetta dello Sport, entón coma hoxe organizadora do evento, non lle chegaban os cartos para contratar os principais ciclistas do país, así que permitiu que calquera corredor (home, en principio) participase.
Strada pelexou durante media ducia de xornadas contra a lama, a chuvia, o pedrisco, as costas e os terribles camiños da época. Cóntase que, despois de caer nunha das etapas máis infaustas, tivo que reparar o manillar co rabo dunha vasoira que lle prestaron nunha aldea. Na oitava etapa os xuíces acabaron por descualificala por chegar fóra do tempo previsto, pero tiveron que readmitila, aínda fóra da clasificación oficial, por aclamación popular: ducias de persoas esperaban na meta as horas que fixese falta para ver chegar a Alfonsina, e mesmo a levaban en brazos ata a chegada cando desfalecía. Chegou ao final do Giro, en Milán, con 28 horas de atraso con respecto ao gañador, nada raro na época. De feito, nin de lonxe foi a última, aínda que de pouco lle valeu o esforzo: ao ano seguinte, o primeiro do longo reinado de Alfredo Binda, prohibíronlle participar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario