xoves, 17 de decembro de 2009

Freixanes en arabesco


‘Eclipse lunar con arabescos’ é o título da mostra coa que o pintor Xosé Freixanes –un dos máis destacados membros da lendaria ‘Atlántica’– regresa a Compostela. Faino, ademais, cunha obra que continúa as súas exploracións do espazo, desta volta a partir de murais onde as figuras se retorcen e a palabra se converte nun eco plástico.

MARÉ, Galicia Hoxe- 17-12-09

O pintor Xosé Freixanes (Pontevedra, 1953) exhibe desde hoxe, na galería Trinta de Compostela, Eclipse lunar con arabescos, que el concibe como un xogo metafórico sobre o comportamento humano. Facéndose valer dun pequeno entroido do mundo, Freixanes retorce os seus protagonistas en posturas dun estraño baile a modo de arabesco que se superpón sobre os motivos florais e decorativos das teas estampadas, usadas como soporte das figuras.

Os muros brancos repiten até o infinito a frase que lle dá título á mostra, convertendo o conxunto nun gran debuxo onde cada cadro é como un verso dun gran poema.

"Calquera lugar é un labirinto de signos", di o artista a propósito de explicar como entende o cadro a modo de espazo para a escritura e, xa que logo, para a linguaxe. Así, ó transcender os límites da pintura, convértese a súa obra en testemuño dunha vida que se desenvolve a modo de viaxe no tempo e no espazo.

Intervencións súas como as desenvolvidas na igrexa de San Domingos de Bonaval (Cartografía do Tempo), na catedral de Casablanca (Ao final do Amencer) ou a súa participación na última Bienal de Pontevedra coa serie 72 Silencios -en colaboración coa poetisa Chantal Maillard- dannos conta dun traballo aberto a novas formulacións expresivas, concibido como o resultado das referencias cruzadas entre imaxe e concepto, ao servizo sempre do seu interese e compromiso coa memoria e as actitudes plásticas entendidas como artesanais así como coa sensibilidade poética e a mística oriental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario