xoves, 3 de decembro de 2009

Trinta anos dun berro nacional


Centos de milleiros de persoas pediron en 1979 estar á altura normativa de Euskadi e Cataluña

Rodri Suárez. Xornal- 03/12/2009

O mes de decembro debe ter un aquel especial para as expresións de boa parte do galeguismo político. Foi neste mes cando se fundou o Partido Galeguista e foi tamén un 4 de decembro cando a sociedade galega emitiu un berro nacional polo autogoberno en plena transición. Tanto en 1977 como dous anos despois milleiros de persoas saíron á rúa nesa data para reclamar o seu dereito a unha autonomía de primeira. Polo tanto, mañá cúmprense tres décadas das manifestacións de 1979 contra a “aldraxe”, aniversario que chega nun contexto político semellante malia que distinto no social, e con Galicia de novo en perigo de perder o tren estatutario respecto a outras nacionalidades como Cataluña.

“No 77 as manifestacións esixiron o recoñecemento do noso autogoberno segundo a lexitimidade do Estatuto da República e no 79 houbo unha rebelión cívica contra a deturpación do noso texto feita dende Madrid”, sinala o histórico nacionalista Camilo Nogueira, daquela no Partido Obreiro Galego (POG). “A idea constitucional era semellante á italiana, cunhas autonomías especiais que neste caso serían Cataluña e Euskadi e outras menores que non pasarían de ser unha unión de deputacións. Pero a vibrante mobilización dos galegos obrigou a cambiar aquel plan”, explica pola súa parte Pablo González Mariñas, entón integrante da UCD no seu sector máis galeguista. Ambos falan dunha reacción que se plasmou por medio de case medio millón de persoas, presentes nas rúas das principais cidades e con Vigo como referente máis multitudinario.

Só sectores da dereita ligada a Alianza Popular e o nacionalismo máis de esquerdas –o que sería o BN-PG– quedaron fóra daquel movemento, por razóns ben distintas, loxicamente. Porén, Nogueira contradí o tópico. “Sempre se di que o nacionalismo non estivo alí e non é certo. Estivo, non todo, pero estivo e cunha influencia que foi decisiva para que finalmente Galicia contase cun autogoberno de nacionalidade histórica”. En todo caso, a totalidade dos que viviron aqueles acontecementos afirman sen ningún xénero de dúbidas que aquela foi unha gran mostra de galeguismo. “A mobilización non foi nacionalista, pero sen dúbida estivo marcada pola reivindicación dun feito nacional galego”, asegura o daquela socialista Miguel Barros, agora presidente de A Nosa Terra e conselleiro de Xornal de Galicia. “Foi nacional”, confirma Ceferino Díaz, deputado do PSOE no Congreso e autor do libro A esforzada conquista da autonomía.

A importancia daquelas manifestacións é aínda maior vista dende a perspectiva do tempo e da evolución social do país. “Non se volveu a ver unha axitación política semellante ata o do Prestige”, comenta Barros con razón. Só a irrupción de Nunca Máis é comparable agora a aquela mobilización, coa excepción de protestas inmediatas como as que tiveron lugar contra o golpe militar do 23-F ou contra o asasinato de Miguel Ángel Blanco, ou queixas de carácter global como as da guerra de Irak. Pero a diferenciación está no carácter propio e galego. De reivindicación propia. “Recentemente, compartín unha charla con José Luis Meilán e el restáballe un pouco de relevancia á mobilización no resultado final, pero eu nese apartado discrepo, creo que o actual autogoberno tería sido moito menos sen aquel movemento”, matiza Miguel Barros. “A xente asumiu que Galiza tiña unha historia nacional”, engade Nogueira.

“Foi moi importante a presión pública, tanto a galega como a andaluza, que coincidiu no mesmo día e incluso causou un morto, para frear a intención que tiña o Estado de usar a Galicia como dique de contención sobre o resto. A idea era algo así como se a Galicia, que era unha comunidade histórica, se lle concedía unha autonomía mínima, xa tiñan a escusa para non darlle moito aos demais”, recorda Xosé A. Gaciño, xornalista e autor xunto a Manuel Rivas do libro Crónica dunha frustración, editado en 1980 en pleno debate do Estatuto. “Ao final obtívose unha autonomía moito mellor que a prevista, pero que tampouco alcanzou o teito de­se­xado”, apunta. Pero o protagonismo non se limita a todos aqueles que saíron ás rúas das cidades bandeira galega en man. Tamén semella que a visión da clase política galega da época tivo moito que ver. “Naquela época, os políticos superaron as súas propias barreiras ideolóxicas. Foron por diante da sociedade. Agora están por detrás do país”, opina Nogueira.

O certo é que tres décadas despois daquela loita contra a aldraxe, Galicia atópase co mesmo Estatuto que en 1981 mentres outras comunidades xa locen novas normas. Entre elas, destaca pola súa ambición e consideración identitaria o Estatut catalán. Está a perder Galicia o tren polo que abarrotou as cidades en 1979? “Ese tren xa se perdeu, xa estamos moi por debaixo de Euskadi e Cataluña. Talvez se tivese prosperado o goberno tripartito do 87 iso non sería así, pero xa sabemos o que pasou”, indica Ceferino Díaz, que malia esa visión pula porque “agora Galicia volva usar a súa lexitimidade histórica para reivindicar un novo Estatuto”. Unha perspectiva aínda máis dura manexa Miguel Barros, que dirixe as súas críticas fundamentalmente á nova Xunta do PP. “Núñez Feijóo está a renunciar ao que significa o seu cargo. El débese aos intereses de Galicia pero deserta das súas obrigas, como se demostra cos ataques á lingua ou a anulación do concurso eólico. Agora, sinala que Cataluña xa non é un referente na vez de asumir a necesidade dun novo Estatuto. Pouco ten que ver esta dereita galega que só fai carreira pensando en Madrid coa de hai tres décadas”, afirma.

Así, non semellan tan distintas as necesidades actuais no plano do autogoberno das de 1979, malia a lóxica evolución. Regresa un cruce de camiños entre distintas concepcións do Estado. Para González Mariñas, “hai un proceso recentralizador, agora as aldraxes son máis técnicas e sofisticas, pero seguen a darse”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario