venres, 4 de decembro de 2009

Xenocidio maia


O xuíz Pedraz recibe un documento que apunta a que a matanza de 250.000 indíxenas nos 80 en Guatemala foi ordenada por altos cargos militares e civís do país

EFE. Galicia-hoxe, 3-12-09

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz recibiu onte dunha testemuña o denominado Plan Sofía, un documento inédito que apunta que o xenocidio cometido en Guatemala nos oitenta procedeu de ordes concretas de altos cargos militares e civís do país para masacrar a poboación indíxena.

O dito material foi achegado antonte pola analista do Arquivo de Seguridade Nacional da Universidade George Wáshington, Kate Doyle, quen destacou á saída da súa comparecencia ante o maxistrado que as ordes de contrainsurxencia reflectidas no documento seguiron toda a cadea de mandos desde a cúpula militar e civil guatemalteca ata as tropas. Os documentos fan referencia ó denominado Plan Sofía 82, cuxa existencia negaban as forzas armadas do país, e á matanza cometida no verán de 1982 no departamento de Quiché, e inclúe nomes como o do entón presidente Efraín Ríos Montt ou o viceministro de Defensa, Óscar Humberto Mejía.

Así, o material cedido por Doyle, cuxa existencia negaban as forzas armadas de Guatemala, viría apoiar as acusacións que Pedraz verteu contra sete militares e civís, entre eles o xeneral Ángel Aníbal Guevara e outros seis altos cargos, ós que acusou de xenocidio, torturas e terrorismo de Estado.

Segundo o xuíz, o xenocidio de Guatemala causou máis de 250.000 vítimas -45.000 seguen desaparecidas, das que o 83 por cento eran maias-, iniciouse en España por mor da denuncia da Premio Nobel da Paz Rigoberta Menchú en 1999.

Na causa tamén están presentadas a Asociación Pro Dereitos Humanos (APDH) e o Centro de Xustiza e Responsabilidade.

Pedraz escoitou o testemuño do director da Fundación de Antropoloxía Forense de Guatemala, Freddy Cecerelli, que achegou un informe que desvelaba, segundo a acusación, que un 35 por cento das vítimas dunha violencia "xeneralizada e indiscriminada" foron nenos e un 25 por cento mulleres.

Cecerelli concretou, ademais, que un 25 por cento das vítimas dos ataques contra os maias exercéronse contra mulleres. "A maioría son execucións mediante disparos de bala na caluga", dixo a testemuña.

Ademais dos delitos de xenocidio, terrorismo de Estado e torturas, o xuíz da Audiencia Nacional tamén investiga a presunta participación dos imputados no incendio da embaixada de España en Guatemala o 31 de xaneiro de 1980, onde houbo 37 mortos, entre eles Vicente Menchú, pai da Premio Nobel, e tres cidadáns españois.

Algunhas das accións militares que poderían enmarcarse no plan Sofía 82 son a matanza de 360 persoas o 7 de xullo de 1982. Nesa data, o Exército chegou ó casarío Ponte Alta, aldea o Quetzal, Barillas, Huehuetenango. Separaron os homes e violaron algunhas mulleres antes de matalas. O 17 de xullo de 1982, o Exército chegou á aldea San Francisco, Nentón, Huehuetenango, onde convocou a poboación a unha reunión no centro do poboado e matou 350 persoas.

O 17 de xullo de 1982, o Exército arribou á comunidade Plan de Sánchez, pechou as entradas e saídas, sacou as persoas das casas, violou as mulleres, matou 368 persoas e ordenoulles ós superviventes que enterraran os cadáveres. Marchou o 19 de xullo. O 15 de agosto de 1982 chegou á aldea San Francisco Javier, Santa María Nebaj, Quiché; asasinou 30 personas con armas de fogo e machetes. O 9 de setembro de 1982, 150 soldados, acompañados de patrulleiros, entraron na aldea Vibitz, Santa María Nebaj, e mataron 17 persoas.

A CERNA

"Exterminar os subversivos"

O documento denominado Plan Sofía foi conseguido clandestinamente polos querelantes na demanda contra Ríos Montt, que gobernou con man de ferro Guatemala entre 1982 e 1983. O plan contiña as operacións específicas que se debían executar en Quiché e que lle foron asignadas á Forza de Tarea Gumarkaj, que operaba nese departamento. O comando ó que se lle asignou o Plan debía "exterminar os subversivos da área".

O 35 por cento eran pícaros

O director da Fundación de Antropoloxía Forense de Guatemala, Freddy Cecerelli, cifrou onte en máis dun 35 por cento do total de vítimas, o número de nenos que puideron morrer executados durante o xenocidio contra os maias desenvolvido no país suramericano entre os anos 1978 e 1984, informaron a Asociación Pro Dereitos Humanos e o Centro de Xustiza e Responsabilidade, presentadas na causa como acusación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario