domingo, 24 de xuño de 2012

Pahíño, o dianteiro rebelde que desafiou o franquismo


"Non teño odio a ninguén, pero os fascistas dábanme noxo”, declaraba hai tan só uns anos. Manuel Fernández Fernández, Pahíño, vigués da parroquia de San Paio de Navia, falecido en Madrid aos 89 anos, nunca calaba. Nin sequera nos peores tempos da ditadura franquista. Tampouco cando no seu debú coa selección española, ante Suíza en 1948, o dirixente federativo e xeneral, Gómez Zamalloa, entrou no vestiario para animar os futbolistas. “Y ya sabéis: cojones y españolía”, berroulles. O dianteiro non puido evitar a risa. Non volveu disputar encontro ningún co combinado español até sete anos despois e malia ser un dos mellores atacantes da historia.
Pahíño foi un deses futbolistas elevado a mito aló onde xogase. Tanto que é igual de idolatrado pola historiografía celtista como pola deportivista. Co club da súa cidade anotou 56 goles en catro campañas e co coruñés, 46 en tres tempadas. Co Celta comezou a súa carreira na elite, alcanzando o trofeo Pichichi no ano 48 e disputando unha final de Copa. Co Deportivo, encheuse tamén a marcar goles, colaborando na primeira vitoria branquiazul no Bernabéu con dous tantos e conformando algunha aliñación histórica xunto a figuras como Arsenio, Luís Suárez ou Acuña, o Xanetas, aquel histórico porteiro que tamén foi afastado da selección española polas súas ideas antifranquistas.
Polo medio, catro tempadas espléndidas nun Real Madrid pre-Di Stéfano que buscaba pelexar os títulos con Athletic, Barcelona e Atlético. Un dato deixa clara a relevancia de Pahíño na historia do fútbol español: Cristiano Ronaldo superou na pasada tempada o récord de promedio goleador do galego no equipo branco, onde sumou 124 tantos en 144 encontros, mantendo un promedio de goles aínda histórico. Manuel Fernández segue a estar entre os dez máximos goleadores da Liga española, xunto a nomes como Raúl, Zarra, Hugo Sánchez ou César.
Os datos estatísticos abondan, na maioría dos casos, para resumir a historia dun dianteiro que foi moito máis. Foi un mito no campo e un rebelde dentro e fóra del. Aínda que as biografías o agochen, Pahíño foi un valente nun tempo onde a ousadía podía costar a morte, o exilio ou o repudio xeral. Máis aínda no fútbol. “Ser de esquerdas impediume ir ao Mundial de Brasil en 1950; tiñas que tragar e había que ter influencias para que ademais non che pasara nada”, contaba non hai moito desde o seu piso de Chamartín, onde aínda se amoreaban tratados marxistas e libros de autores como Dostoievski ou Hemingway. Os mesmos que lía ás agachadas nas eternas viaxes que o levaban a furar as porterías contrarias por España adiante.
 ¡Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski!”, chegou a sentenciar o xornal fascista Arriba para desprestixiar o que consideraban o futbolista rojo. “Os fascistas mataban por entreterse; a polo meu pai foron dúas veces, pero puido esconderse”, declaraba poucos anos antes de morrer un Pahíño que conseguía os libros de estraperlo, a través dunha librería barcelonesa ou nas súas viaxes a Suramérica.
Pahíño será velado en Madrid, onde de xogador fora substituído por Di Stéfano. Saíu non de moi boas maneiras do club branco para xogar no Deportivo, eterno rival do Celta, que tamén abandonara de malas formas ao non considerarse o suficientemente valorado. Porque Manuel Fernández sempre foi un rebelde, un díscolo que co tempo foi admirado por todos. Por todos menos por aqueles que perseguiron a seu pai e que a el lle estragaron un chisco o seu éxito nos estadios. Descanse en Paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario