O papel das rías galegas na Segunda Guerra Mundial abastecendo os submarinos nazis e como punto de saída do wolframio favorece novas teorías sobre a fuxida do ditador alemán a Arxentina
ANTONINO GARCÍA 27/06/2010
A Lexión Cóndor, os submarinos U-Boat, minas de wolframio, o Colexio Alemán, petroleiros, unha fábrica de subministros e todo un regueiro de probas esvaecidas co paso dos anos. Desde San Simón a Cabo Silleiro e desde A Guía ata Monteferro. O mar de Vigo inspirou a Martín Códax tanto como aoa novelistas a multitude de acontecementos que discorreron ao longo da historia en augas galegas. Desde a posibilidade de que as famosas Kassitérides romanas fosen as Cíes ata o misterio dos tesouros de Rande, as lendas, os mitos e as especulacións non cesaron arredor da ría viguesa ata acadar o século XX. A maior batalla de todos os tempos, a Segunda Guerra Mundial, disputouse moi lonxe de Galicia, pero non por iso pasou inadvertida e hoxe en día segue a ser todo un xénero da ría. Ao longo das últimas décadas, historiadores, escritores, xornalistas e investigadores de toda clase dedicaron miles de páxinas a tratar a presenza nazi na costa galega. As simpatías do réxime franquista co levantamento alemán e o enclave xeográfico con fins militares propiciaron que durante os cinco anos que durou a contenda as rías galegas se convertesen en protagonistas da mellor película de espías.
As mil e unha historias que narran a presenza de submarinos en Galicia regresaron outra vez á memoria colectiva coa entrada en escena dunha teoría que os estudiosos cualifican de desatinada e que chama a atención do inmenso público. O xornalista arxentino Abel Basti mantén que Adolf Hitler non se suicidou, nin moito menos, senón que fuxiu á Patagonia e alí viviu ata a fin dos seus días. Na última entrega da súa triloxía sobre o ditador (El exilio de Hitler) que acaba de saír á venda, afirma que este fuxiu desde España, e concretamente desde Vigo, nun submarino.
A teoría sinala que o 26 de xuño de 1945, o Führer e a súa esposa, Eva Braun, aterraban en Barcelona nun avión procedente de Austria. De alí, nun percorrido polo norte de España, afastándose de camiño en Cantabria ata chegar a Vigo e embarcar cara a Arxentina. “Sabemos que Hitler estivo en España por un informe do servizo secreto alemán que dá conta da viaxe a Barcelona e coñécese un documento norteamericano, do FBI, que indica que o exército estaba facendo todos os esforzos para encontralo en España”, afirma Basti. O escritor resta fiabilidade ao achado dos restos do ditador e á autopsia que demostra o suicidio. “A fuga de Hitler está moi acreditada por documentos e testemuñas, non así o presunto suicidio, unha farsa montada polos nazis ”, engade.
TEORÍAS E FABULACIÓNS
As teses do xornalista suramericano son pouco tidas en conta entre os estudiosos. A ningún experto se lle escapa que ten máis de campaña de marketing que de veracidade, do mesmo xeito que ningún ten dúbida de que houbo presenza alemá en Galicia durante a guerra e aínda existen vestixios que o corroboran. Razoan que nin os aliados permitirían que fuxise nin Franco deixaría pasar a oportunidade de entregalo, pero as especulacións non son couto privado da literatura histórica.
O profesor lucense Juan Carlos Salgado xa cuestiona nun artigo dedicado á relación entre Galicia e os submarinos, publicado na Revista Española de Historia Militar, a verosimilitude de moitas das afirmacións xornalísticas que circulan habitualmente polos medios de comunicación. “Ata o punto, por exemplo, de falar dun combate aéreo entre avións aliados na provincia da Coruña en 1942”, exclama o profesor.
O desfile dos máis de 5.000 soldados da Lexión Cóndor polas rúas de Vigo para embarcar cara a Alemaña tras axudar á vitoria franquista en España, abriu un período de fecunda relación da cidade con Alemaña. O historiador Antonio Giráldez relata en 1939. La guerra terminó... hace sesenta años en Vigo a suposta neutralidade que se decretara tras desencadearse o conflito europeo. “Ás veces a tripulacion dun buque alemán era homenaxeada por varias institucións da nosa cidade o mesmo día”, sinala para engadir que a acta de sesións do Círculo Mercantil recollía a circunstancia de que os oficiais do acoirazado alemán Deustchland tivesen que acudir a outro acto no Casino. Yago Abilleira, experimentado submarinista que estudou a presenza dos U-Boat en Galicia, chegou a mergullarse sobre os restos do último U-Boat afundido en Europa, fronte á costa de Porto. “Alemaña tiña tres petroleiros entre Vigo e Ferrol que lles subministraban combustible, aceite e víveres aos submarinos ”, indica. O certo é que existen rexistradas con documentación xermana un total de 14 visitas de submarinos ás rías para aprovisionarse e están tamén notificadas as declaracións de mariñeiros que foran testemuñas dos devanditos repostaxes.
A VISITA DO ‘U-670’ AO PORTO VIGUÉS
Abilleira investigou tamén o curioso caso do U-670, que en setembro de 1946 foi atacado por un bombardeiro británico ao oeste de Fisterra e axudado a chegar a terra por dous pesqueiros de Bouzas. Aquel submarino acodado ao cruceiro Navarra en Vigo deixou as mellores imaxes conservadas da presenza nazi. “Estiveron na cidade convivindo e incluso existe unha fotografía de parte da tripulación asinada por un amigo español”, explica. O U-760, que tras intentarse a súa reparación queda baixo arresto fondeado na ría, foi finalmente trasladado a Ferrol ata o termo da guerra e incautado polas tropas vitorias británicas para o seu posterior afundimento.
O xornalista Manuel Orío profundizou no tema e escribiu U-Boats, bajo las augas de Vigo para o Instituto de Estudos Vigueses. No seu artigo, narra a historia de Lothar Günther Bucheim, comisionado polo alto mando para escribir unha serie de reportaxes a bordo dun dos mergullables da frota xermana. “Fíxoo nun tipo VII-C”, explica, “e a súa experiencia foi tan rica e tan estremecedora que os traballos terminaron converténdose nun libro chamado Das Boot, que a principios dos 80, derivou na espectacular película dirixida por Wolfang Petersen”, sinala sobre o filme que non puido ser rodado na cidade polos problemas de luz, tráfico marítimo e, como non, o escaso parecido que gardaban os novos peiraos cos seus predecesores.
Na ría hai constancia de polo menos oito ocasións en que entraron submarinos a repostar e Abilleira indica que “en plena noite accedían á ría e recibían subministros dos presuntamente mercantes Nord Atlantic e Bessel”. Desde mesmo antes do inicio da guerra, a cantidade de barcos fondeados na baía viguesa era extraordinaria. Moitos deles servían como cisternas para os petroleiros que fornecían os U-Boat e no famoso libro de Bucheim o protagonista chégase a preguntar: “Como imos encontrar o barco ao que temos que dirixirnos no medio de tantos e, ademais, tan parecidos”.
A estratexia nazi pasaba por vixiar Fisterra, punto de camiño para a frota británica, tanto de regreso de América como do Mediterráneo ou África e para eso dispuxéronse buques de aprovisionamento ao longo de todo o Atlántico, desde Cádiz e Canarias ata Vigo e Ferrol. Os resultados das batallas cos bombardeiros xacen varios quilómetros mar adentro, onde o tráfico de mercantes atraía os torpedos alemáns. Hai constancia de polo menos tres submarinos afundidos fronte ás Cíes en 1943. O primeiro foi o O-506, que ás 15.50 horas do 12 de xullo recibiu o impacto de sete cargas de profundidade lanzada por un avión norteamericano B-24 Liberator. Houbo 48 mortos e só seis superviventes. A Royal Air Force británica afundiu un mes máis tarde, o 24 de agosto, o O-134 fronte á ría de Vigo. Finalmente, o U-523, do tipo Ixc que entrou en servizo o 25 de xuño de 1942 ao mando do comandante Werner Pietzsch. Afundiuse o 25 de agosto de 1943 no Atlántico Norte, ao oeste de Vigo, por cargas de profundidade do destrutor británico HMS Wanderes e a corbeta británica HMS Wallfower morrendo 17 tripulantes e se salvaron outros 37.
En calquera caso, en terra gardábanse as formas, tendo en conta que España era neutral e non podía prestar ningún tipo de axuda. A atmosfera estaba rodeada de informadores de ambos os dous lados. Giráldez afirma que “había empresas traballando para o Reich e espías aliados controlando os seus movementos e o porto era un fervedoiro de actividade”. O historiador chega a falar “non só dun apoio da nosa cidade á causa alemá senón tamén dun apoio de Alemaña ás causas da nosa cidade”.
O WOLFRAMIO
Outro dos capítulos que relacionou directamente Galicia co nazismo foron as minas de wolframio, un mineral moi cobizado desde aquela guerra polas súas utilidades para a fabricación de armas. A teoría tan extendida de que se cargaba nos submarinos é totalmente descartada polo profesor Salgado ao non existir capacidade de carga. No Estreito de Rande, baixo a actual ponte pola que discorre a autoestrada AP-9, aínda existen os restos da coñecida como “fábrica do alemán”. A vella construción que fora conserveira pasou a ser punto de cargamento do wolfram que en Alemaña serviría como aliaxe para reforzar as blindaxes, aínda que tamén existe a lenda de que se trataba dunha base loxística para submarinos. Eduardo Rolland, tamén historiador e xornalista, profundou no seu libro Galicia en guerra e no posterior documental A arañeira nas sociedades mercantís que os alemáns posuían como tapadeira co consorcio Sofindus. O propio peirao de Transatlánticos, onde agora Corina Porro e Abel Caballero libran a súa batalla política, servía naquelas datas para cargar o prezado mineral en inxentes cantidades. Os relatos da obra de Antonio Giráldez indican que “á luz do día, os alemáns chegaron a cargar ata 40.000 toneladas de wolfram no peirao onde actualmente atracan os cableiros”.
COMUNICACIÓNS DESDE LUGO
Non é o único vestixio alemán. En terras lucenses, en Arneiro, foi instalado o primeiro radio-faro para facilitar as comunicacións dos barcos que operaban na costa galega. “Ao final tamén o utilizaban os británicos”, apunta Abilleira. No Museo Naval de Ferrol tamén se conserva unha áncora coa esvástica e un par de reloxos da Armada alemá. Un deles, que aínda funciona e se encontra no despacho do director, tamén mostra a cruz gamada debaixo da aguia. Ademais, no Museo do Exército da Coruña pódense admirar unha pistola e unha insignia dun piloto alemán e outro inglés que se abatiron mutuamente e se estrelaron en Galicia.
Documentación aliada e xermana da gran contenda europea permiten ratificar a importancia de Galicia como lugar estratéxico de aprovisionamento para os submarinos, pero todo aquilo que se escapa das informacións oficiais favorece un universo máis imaxinario que real no que a rumoroloxía, como sinala o profesor Salgado, encargouse de magnificar ata puntos insospeitados. A presenza de Hitler en Vigo é tan pouco probable como a posibilidade de que collese o barco a Cangas e montase unha tenda no Calvario, como relata con ironía e sorna Eduardo Rolland, aínda que a novela histórica e de aventuras se mesturen de cando en vez. A ría de Vigo dá para iso e moito máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario