Fora condenado en 2008 por "subverter o poder do Estado" ao escribir varios artigos condenando a situación dos dereitos humanos, a dos enfermos de sida polo escándalo das vendas de sangue, e mais a do medio natural no seu país, denuncias que o levaron a recibir o Premio Sajarov
EFE . PEQUÍN .
O disidente chinés e Premio Sajarov do Parlamento Europeo Hu Jia foi liberado onte, domingo, tras cumprir unha condena de tres anos e medio de cárcere, e atópase coa familia, escribiu onte a súa esposa, Zeng Jinyan, na rede social Twitter.
Hu chegou a casa ás 02.30 da madrugada do domingo (18.30 GMT) tranquilo e moi feliz. Agora "necesita descansar e estar coa familia", manifestou Zeng, que non quería facer declaracións ata que o seu marido estivese libre e puidese anuncialo, segundo lle dixera a Efe. Os medios oficiais chineses non se fixeron eco da liberación de Hu, de 37 anos e enfermo de hepatite B, doenza agravada durante a súa estancia na prisión, segundo a súa esposa. Hu foi condenado a tres anos e medio de cárcere en 2008 por "subverter o poder do Estado" (veredicto habitual contra os disidentes políticos en China) por escribir varios artigos condenando a situación dos dereitos humanos, a dos enfermos de sida e a do medio natural no seu país. Esas denuncias valéronlle o Premio Sajarov.
O activista, defensor sobre todo dos afectados pola sida nos escándalos de venda de sangue que sacudiron China e aínda non recoñecidos, e tamén candidato ó Nobel da Paz en 2008, foi condenado en abril de 2008 antes da celebración dos Xogos Olímpicos de Pequín, pero fora arrestado en decembro de 2007.
A esposa de Hu, blogueira de 27 anos, considerada no ano 2007 pola revista Time unha das "100 persoas máis influíntes do mundo", viaxara a Pequín hai unha semana desde a cidade suroriental de Shenzhen tras ser avisada da pronta liberación do seu esposo.
Este venres, segundo ela mesma indicou, fora advertida de que Hu non podería facer unha vida "normal" e non cría que puidese facer declaracións unha vez liberado, condición que parece ser pactada cos outros disidentes liberados nos últimos días, como o artista Ai Weiwei e membros da súa contorna. Zeng, tamén activista dos dereitos humanos, que desde antes da detención do seu marido sufriu acoso policial igual que a filla de ambos, agradeceulles a todos, a través de Twitter, o interese mostrado.
130 detidos desde o mes de febreiro
A liberación prodúcese cando o primeiro ministro chinés, Wen Jiabao, está de visita no Reino Unido, antes de desprazarse a Alemaña. Fontes británicas dixeron en Londres que as autoridades non deixarán de lle expresar a Wen a súa preocupación pola detención disidentes, que cifran en 130 desde febreiro deste ano. Case 200 disidentes, activistas, avogados e intelectuais foron acosados, interrogados, detidos ou ameazados polo réxime.
Ningún comentario:
Publicar un comentario