O 28 de xuño de 1936 os galegos deron luz verde nas urnas ao Estatuto, chegado ás Cortes da República tres días antes do golpe de Franco
DAVID LOMBAO 26/06/2011 - 00:53 h.
“O 28 de xuño é o cerne máis outo da nosa cidadanía”. “O acontecemento ben merece a nosa reverencia, por ser a derradeira expresión democrática de Galiza, santificada máis tarde por un plebiscito tráxico de moitos miles de mártires”. Na primavera de 1948, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao describía deste xeito dende Bos Aires o que doce anos antes sucedera en Galicia. O 28 de xuño de 1936, hai o vindeiro martes 75 anos, os galegos foron chamados ás urnas para plebiscitar o primeiro Estatuto de Autonomía do país, un marco legal que, unha vez plebiscitado, chegaría ás Cortes da II República apenas tres días antes de que Francisco Franco encabezase o golpe de Estado que daría lugar á Guerra Civil e á posterior ditadura, frustrando as liberdades políticas e tamén o proceso autonómico.
Alén das garantías procesuais coas que se celebrou o referendo –mesmo algúns galeguistas históricos chegaron a falar de “santo pucheirazo”–, o certo é que os datos oficiais da época recollen que, dun censo de 1.343.135 votantes, 993.351 votaron a favor, polo que Galicia, lembraba Castelao en 1948, “cumpreu de maneira insuperábel” a regra fixada pola República, segundo a cal o Estatuto pasaría o trámite se recibía o apoio de dous terzos dos votantes de Galicia.
O proceso para chegar ás urnas non foi doado. Aínda que as xuntanzas de provincialistas, rexionalistas e autonomistas víñanse producindo dende a segunda metade do século XIX, non é ata 1930 cando se comezan a artellar reivindicacións máis ou menos concretas que, un ano despois, tomarían corpo político coa chegada da República. Así, apenas un mes despois da caída da monarquía, Seminario de Estudos Galegos daba a coñecer o seu anteproxecto de Estatuto, acompañado por unha memoria económico-financeira elaborada por Alexandre Bóveda. Ese documento económico, sinalaba Castelao dende o exilio forzado pola ditadura franquista, “demostraba con números que o réxime de autonomía integral era comenente (...) e non prexudicaba os demais pobos de Hespaña”.
Na segunda metade de 1931, o proceso estatutario comezaba a artellarse institucionalmente, aínda que non sen dificultades. Nas Cortes republicanas, unha comisión de deputados das catro provincias galegas púñase ao traballo de redactar un texto estatutario que, dado que a República non fora constituída como federal, tiña que variar diversos puntos do anteproxecto do Seminario. Así, Galicia pasaba de ser “un Estado autónomo dentro da República Federal Española” a constituírse en “rexión autónoma dentro da República Española”.
Nese escenario, o 6 de decembro botaba a andar formalmente o Partido Galeguista (PG) e, doce días máis tarde, Castelao, na súa calidade de deputado, advertía ante as Cortes dun “obstáculo” para o proceso autonómico galego. “Galiza non conta cun organismo oficial que a represente”, salientaba o político de Rianxo. Así as cousas, era necesario que un decreto do Goberno central habilitase a algún órgano institucional que aprobase inicialmente o proxecto do Estatuto para despois sometelo a votación popular.
Ese agardado decreto aínda tardaría case dous anos en publicarse, pero para daquela o proxecto estatutario estaba máis que redactado. A proposta saíra, esencialmente, da Asemblea de Concellos celebrada en Santiago en decembro de 1932. A orixe desa xuntanza estaba nunha iniciativa presentada no Concello de Santiago por un dos seus edís, Enrique Rajoy Leloup –avó do actual presidente do PP–, en cuxo discurso enfatizou a importancia do Estatuto lendo unha carta que lle remitira Castelao días antes.
Con todas as condicións legais cumpridas, o cambio no Goberno da República, co ascenso de forzas do corte máis conservador, bloqueou o proceso ata 1936. Daquela, o novo Executivo, da Fronte Popular –coalición de partidos de esquerda na que se integrou o PG– deu luz verde ao plebiscito, que chegou despois dunha intensísima campaña na que se implicaron os máis destacados políticos, intelectuais e artistas da época. Tras a luz verde dos electores, o 15 de xullo unha delegación galega entregaba o texto nas Cortes. A súa tramitación parlamentaria comezaría formalmente dous anos máis tarde, cando as Cortes xa se trasladaran a Cataluña polo asedio das tropas dirixidas por Franco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario