NA SEDE QUE A FUNDACIÓN CAIXA GALICIA TEN NA CORUÑA, ATA O 11 DE SETEMBRO
Execución do fascista húngaro Laszlo Bardossy, Budapest 1946 |
26.06.2011 A sala herculina inaugurou esta semana unha exposición que recolle, a través de preto dun centenar de fotografías, o extenso traballo da fotógrafa norteamericana. A montaxe chega, a través da cidade coruñesa, por primeira vez a España, despois dun longo percorrido internacional
A sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña acolle ata o vindeiro setembro a exposicion ‘Legendary Lee Miller’, unha extensa montaxe coas mellores imaxes da fotógrafa norteamericana que chega por primeira vez a España despois dun longo percorrido internacional. A mostra foi presentada o martes pasado por Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia, e Antony Penrose, director de The Lee Miller Archives e da Penrose Collection e ademais fillo da retratista, que aseguraron que a que agora se pode ver na cidade herculina trátase da "exposición definitiva" sobre unha das iconas da historia de fotografía.
"Lee Miller era a miña nai e, mentres viviu, como a maioría da xente que a coñecía, eu ignoraba por completo o volume e calidade da súa obra. Tras a súa morte, as súas fotografías descubríronse máis ou menos por casualidade. Ó longo dos últimos vinte anos traballei, coa axuda dos meus colegas e de Lee Miller Archives, para difundir a súa obra. Con isto tiven a satisfacción engadida de coñecer á miña nai, que cando viviu para min era practicamente unha estraña", recoñeceu Antony Penrose o outro día na Coruña.
A viaxe proposta polos organizadores da mostra a través da densa biografía e a extensa obra de Lee Miller arrinca cunha imaxe datada en 1929, en París, na que se ve a Man Ray barbeándose. Lee Miller chegara a París despois dunha meteórica carreira como modelo que comezou o día no que Conde Nast, o fundador de Vogue e Vanity Fair, a auxiliou nun accidente de tráfico en
Manhattan.
Desde esa fotografía, a exposición ordénase en sete grandes capítulos. Os dous primeiros refírense ós seus primeiros estudios fotográficos, en París e Nova York, dúas cidades nas que Miller puido mergullarse nas vangardas históricas e, de xeito moi especial, no surrealismo, un movemento que a marcaría para todo a súa vida.
O terceiro capítulo da montaxe, baixo o epígrafe de ‘Exipto, 1934-1939’, recolle os seus anos no Cairo, onde chegou da man do seu primeiro home, o comerciante árabe Asiz Eloui Bey, un período no que, cansa das interminables xornadas de cócteles e partidas de bridge con outras mulleres ex patriadas, Lee Miller comeza a retratar a beleza onírica do deserto e os desafíos arquitectónicos e plásticos da época faraónica.
Nos tres capítulos seguintes da mostra –‘Londres durante a guerra’, ‘A guerra en Europa’ e ‘Posguerra’– reuníronse as impresionantes imaxes tomadas por Lee Miller na Segunda Guerra Mundial, primeiro en Londres baixo a artillería alemá e despois na Europa continental como testemuña da crueldade dos combates e das atrocidades perpetradas polo nazismo na retagarda, para finalizar cos primeiros dramáticos meses de posguerra.
A exposición acaba cun epígrafe titulado ‘Artistas e amigos’. "Lee esforzouse por regresar ó mundo das reportaxes de moda", lembra un dos textos desta sala, "pero a frivolidade de todo aquilo escrespáballe aínda máis os nervios, e en 1947, cando quedou embarazada, xa case estaba disposta a deixalo".
Na última imaxe da montaxe, tomada en 1964, case corenta anos despois daquel primeiro retrato de Man Ray, Lee Miller inmortaliza a visita de Joán Miró a Inglaterra. Nunha composición case surrealista, o pintor catalán alimenta divertido un tucano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario