sábado, 1 de setembro de 2012

As Avoas da Praza de Maio teñen un neto máis


O novo neto de Avoas da Praza de Maio fai o número 106 nos 35 anos de existencia da organización. Esta semana a súa presidenta Estela de Carlotto presentou emocionada o caso de Pablo Javier Gaona Miranda que, despois de 34 anos recupera a súa identidade.
SERMOSGALIZA
A historia de Pablo Javier Gaona Miranda ten moitos puntos en común coa maior parte dos outros 105 netos que foron recuperados para as súas familias por Avoas da Praza de Maio. Os seus pais biolóxicos chamábanse Ricardo Gaona e Mª Rosa Miranda e militaban no Exército Revolucionario do Pobo. De orixe paraguaia, o 14 de maio de 1978 despois de conmemoraren a independencia do seu país de orixe na casa familiar de Ricardo despedíronse dos seus e nunca máis se volveu saber máis do seu paradoiro. O neno, con só un mes, foi requisado polos militares e entregado a unha familia emparentada co propio coronel que o secuestrou.
Só en 2001 Pablo Javier Gaona comezou a sospeitar da súa identidade e a reunir datos que o facían pensar que podía ser fillo de desaparecido. No 2008 a que até entón pensara que era a súa nai recoñeceu que fora entregado polo coronel que era o seu padriño. Foi neste 2012 cando Pablo Javier se dirixiu a Avoas coas súas dúbidas, o abondo sólidas como para comezaren de inmediato as probas xenéticas que, finalmente, confirmaron que era fillo de Ricardo e Mª Rosa.
Pablo Javier xa coñece a súa familia e, en especial, a súa avoa. Na concorrida rolda de prensa na que Estela de Carlotto deu a coñecer o
novo caso non tivo forzas para participar aínda que, como ninguén o coñecía, si puido presenciar o acto entre a multitude de xornalistas
que concorreron.
Para Estela de Carlotto, o tempo está chegando ao seu fin. Moitas das avoas morreron ou morrerán nos próximos tempos sen se atopar cos seus
netos e netas. Por iso, volveu facer un chamamento a todas as persoas que desconfíen aínda que sexa minimamente que comproben a súa orixe e
se sometan ás probas de identidade xenética. “Recuperar esta identidade é unha inmensa alegría e poder dicir que hai outro arxentino que ten pleno goce do seu dereito á identidade e pode elixir que persoa quere ser” dixo na roda de prensa, Martín Fresneda, secretario dos Dereitos Humanos do goberno arxentino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario