xoves, 13 de setembro de 2012

Finou Rosa Bassave, libertaria galega


Publicado o Mércores, 12 Setembro 2012, Dioivo
Con fondo pesar debemos informar de que onte falecía a compañeira Rosa Bassave Roibal, logo dunha vida enteira dedicada á loita contra a opresión e a dominación, contra o fascismo, o poder, o capital e o patriarcado, unha loita que trascorreu por moitos camiños pero que a mantiveron sempre do lado que debía: ao lado da clase traballadora, das mulleres, dos febles, das persoas oprimidas, unha loita incansábel máis alá da persecución, a represión e tamén a enfermidade, unha loita que a inscribe na digna historia de luita da clase traballadora, da Galiza e, humildemente, do mundo.
Que a terra e o mar lle sexan leves.
Desde os dezaseis anos Rosa soubo o que era traballar, téndose empregado nunha fábrica de montaxes eléctricos da Coruña, a cidade da que era orixinaria. Traballou embarcada xunto co seu compañeiro Alberte de Esteban, con quen casou civilmente na altura de 1972, en pleno franquismo, e traballa en Londres e París.
Logo de volver a Compostela en 1973 milita na UPG (Unión do Pobo Galego) e forma parte da executiva da AN-PG e logo do BNPG (Bloque Nacional-Popular Galego), até que decide abandonalos en 1979 para militar definitivamente xa para toda a vida no movemento libertario. En 1979 fai parte da Federación Anarco-Comunista Galega e da redación da revista Arco da Vella, unha das primeiras revistas do movemento libertario galego despois da morte de Franco e, sen dúbida, a de maior calidade tanto polo seu deseño como pola ampitude de temas tratado e a fondura da análise aplicada.
Fundou a cooperativa de reprografía 1846, e logo desde 1983 traballou na Universidade de Compostela, sendo nos últimos anos directora da biblioteca da Facultade de Matemáticas. Rosa foi unha das persoas participantes na refundación da CNT na cidade de Compostela no ano 1983, na que militaría incansabelmente. Foi Secretaria Xeral desta Federación Local nos anos 1990-92 e 2001-2003, ademais de ter participado noutros cargos e de manterse permanentemente na militancia de base. Foi tamén Secretaria Xeral da Rexional da Galiza entre os anos 2004 e 2006.
Paralelamente á súa militancia anarcosindicalista non descoidou outras frontes de loita, como foron o feminismo, participando na refundación de Mulleres Libres en 1988 e logo na Marcha Mundial das Mulleres, ou a intervención cultural desde o Ateneu Libertário de Compostela, no que participaba destacadamente na redación da revista (A)narquista. Dedicouse con intensidade a propagar as ideas libertarias e feministas en múltiples conferencias e mítines ao longo dos anos. Tivo tamén unha participación destacada nas reivindicacións da memoria histórica e na recuperación do coñecemento do pasado revolucionario da CNT.
O paso de Rosa por este mundo rematou, pero ela pode dicir que viviu como desexou e que a súa vida valeu para moito. Moitos compañeiros e compañeiras poden aseguralo. Estea onde estea, moitos manteremos a lembranza da súa vida e a súa loita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario