mércores, 5 de setembro de 2012

Bueu honra a corporación municipal do 36 pola defensa da liberdade


O PP, única formación con representación municipal que vota en contra do recoñecemento. Argumentan que a corporación á que se lle renden honras "fora elixida de maneira pouco democrática"
SERMOS GALIZA
Folleto da Sociedade Unidos de Bueu en Buenos Aires, 1938
(http://acidras.blogspot.com.es/2012/04/homenaxe-carballeira.html)
Nos últimos días, as novas referidas á memoria histórica supuxeron verdadeiros couces a lei aprobada en 2007, ao render honras a persoas destacadas no levantamento militar fascista de xullo do 36 e dos anos de ditadura que viñeron despois. Porén, o Concello de Bueu e a asociación de amigos Johán Carballeira vén de aprobar en pleno o recoñecemento institucional para a corporación municipal que gobernaba cando se produciu o golpe de Estado de Franco, cos votos a favor do BNG, o PSOE e a concelleira non adscrita. 

O PP votou en contra. Desde a formación conservadora falan de "pouca documentación", e din que a corporación que será honrada "fora elexida de maneira pouco democrática". Saíron apupad@s da casa consistorial, pois no pleno estaban presentes familiares das vítimas.
Así as cousas, os concelleiros represaliados e asasinados pola ditadura pasarán a ser fillos predilectos ou adoptivos de Bueu. Entre as persoas que serán distinguidas figura quen daquela ocupaba a alcaldía, José Gómez de la Cueva --Johán Carballeira, xornalista e poeta, para alén de rexedor e militante do PG--, quen pasou unha tempada encerrado en San Simón e foi asasinado en Monteporreiro o 17 de abril de 1937. No seu caso o nomeamento será de fillo adoptivo xa que, a pesar de vivir sempre en Bueu, naceu en Vigo. O ex rexedor foi asasinado, a mesma sorte que correron outros catro edís: o tenende de alcalde Francisco Piñeiro Barreiro, e os concelleiros Francisco Escáneo Franco, Francisco García Villanueva e José de la Torre López.
Na cadea --perpetua-- acabaron José Bernárdez Santaclara e Francisco Padín Novas, que pasarán a ser fillos predilectos. E a distinción de membros honoríficos concederáselle ao resto de homes que daquela integraban a corporación municipal bueuense --Ramón González Soliño, Manuel Casaleiro Pereira, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez e Ramón Pastoriza Gestido-- e o tesoureiro do Concello, 'Ricardito' Gómez Buceta, que foi apresado e paseado. O seu corpo non apareceu nunca. Haberá unha mención para tod@s @s veciñ@s que, á marxe dos cargos políticos, sufrisen a represión durante os anos da ditadura.
A intención da Asociación de amigos de Johán Carballeira, pola que levan loitando cinco anos e que finalmente irá adiante, é recordar --pasar máis unha vez polo corazón-- a figura "de quen sufriu as consecuencias dolorosas, incluso perdendo a vida, pola defensa decidida das liberdades". No expediente presentado pola Comisión de cultura lembra os dous consellos de guerra realizados, nos que se impuxeron penas de morte a 26 bueuenses. Tamén foron paseados cinco veciños cando intentaban fuxir do calabozo, o tenende de alcalde e o tesoureiro do Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario