Organizacións
de dereitos humanos critican o goberno español polo trato a inmigrantes na
fronteira marroquí. Até 73 persoas foron devoltas a Marrocos após saltaren o
valo por Melilla, nunhas condicións que vulneran os tratados internacionais e a
Lei de estranxeiría. Entrementres a policía marroquí atacou brutalmente os
campamentos de saharauis na fronteira
Sermos
Galiza B.V
Unha
vulneración dos tratados internacionais, un procedemento ilegal e unha
violación dos dereitos humanos. Así cualificaron as organizacións non
gobernamentais Amnistía internacional, Cear --Comisión española de axuda ao
refuxiado-- e SOS racismo a expulsión de 73 persoas migrantes que chegaron até
Isla de Tierra, a escasos metros da costa de Marrocos.
A alerta dos
colectivos en defensa dos dereitos humanos sobre o tratamento que os gobernos
español e marroquí están a dispensar a estas persoas vén sumarse á xa emitida
para condenaren o ataque da policía marroquí esta segunda feira, contra os
campamentos que inmigrantes subsaharian@s teñen colocados entre Segangan e
Marihuari, na fronteira con Melilla. Sobrevivintes informaron ao
diario El Telegrama de que non é a primeira embestida, mais si
"a máis cruenta e sanguenta".
"Matáronnos
a paus. Viñeron de noite e á mañá, e mallaron en nós até que nos partiron os
ósos. Levaron algúns a Oujda, e a outros deixáronnos morrendo nos
bosques". Di o devandito diario que quen fala é Abderrahaman, un mozo de
25 anos que non pode camiñar porque lle partiron, literalmente, as pernas.
Cando o atoparon tiña unha tostada de pan e un batido que lle deron por
caridade, mais "ninguén nos axuda porque teñen medo de que mallen neles
tamén".
Das persoas
que conseguiron superar o dobre valo e entrar en territorio español, 73 foron
devoltas a Marrocos. "É unha expulsión colectiva e, polo tanto, prohibida
polos tratados internacionais e pola Lei de estranxeiría, que estabelece un
proceso con garantías como o dereito á asistencia letrada e a un
intérprete" para as persoas que van ser deportadas, informou Amnistía
internacional. Para alén do anterior, AI critica que o Ministerio español do
Interior non facilitou "os mecanismos imprescindíbeis" para coñeceren
se estas persoas foxen dun conflito ou son vítimas de persecución en Marrocos,
a onde foron devoltas.
Sobre este
punto falou tamén Abderrahaman, o mozo a quen lle partiron as pernas.
"Coma sempre, a Garda Civil devólvenos. É moi frustrante porque xa
entraches. Chegas moi canso, cheo de feridas e detéñente para te expulsar de
novo a Marrocos para que aquí nos maten a paus. En Marrocos non nos queren, e
en España tampouco. Levo aquí máis dun ano, entrei dúas veces a Melilla e
devolvéronme outra vez. Aquí só nos mallan, maltrátannos. Non existen os
dereitos humanos. E non podemos voltar á casa, voltar é imposíbel".
Activistas
en prol dos dereitos humanos denuncian que a situación non é nova. As medidas
do exército marroquí en contra d@s inmigrantes en situación irregular que
queren cruzar a fronteira ao estado español foron amplamente criticadas, pois
acaban estas persoas ora mortas ora malferidas e abandonadas no deserto, ou nas
instalacións do CIE --Centro de internamento para estranxeir@s-- de Mauritania,
un 'Guantanamiño', como denominan as organizacións non gobernamentais.
Criticado
polas condicións infrahumanas en que alí se habita, amoread@s, e finanzado polo
goberno español. Amnistía internacional chegou a falar de "xenocidio
silenciado", e denuncia que o Executivo de Mariano Rajoy "obra con
coñecemento" da situación que lles agarda ás persoas deportadas,
documentada pola propia AI en forma de "vulneracións de dereitos, malos
tratos, abusos e violacións que nunca son investigadas e fican impunes". Para
alén de El Telegrama, ningún medio de comunicación español se fixo eco desta
información.
Ningún comentario:
Publicar un comentario