Marcos Pérez Pena | @zerovacas . praza.com
Manuel Ladra López, Elías Seoane, Gabriel Vázquez
Seijas, Xosé Chao Rego, Vicente Couce Ferreira, Cuco Ruíz de Cortázar, Antón
Martínez Aneiros, Anxo Ferreiro Currás..., son algúns deles. Cregos comprometidos socialmente e novos que nos anos
sesenta, no contexto da doutrina social do Concilio Vaticano II, dos
últimos anos da ditadura, e nunha comarca de Ferrol cunha grande actividade do
movemento obreiro, levaron a cabo outra maneira de entender o cristianismo.
Con moitos enfrontamentos coas autoridades civís, eclesiásticas e militares,
que levaron á detención de moitos deles e a un maioritario abandono do
sacerdocio ao final.
Este xoves a partir das oito da tarde a Galería
Sargadelos de Lugo acolle a presentación do libro de Rosa Cal Los curas
contra Franco (Edicións Embora). Unha narración única, facendo
especial fincapé no devandito contexto social e político, "era difícil
contar a historia de cada un porque actuaban en grupo", di Rosa Cal, que obtivo
parte da documentación directamente dos expdientes policias elaborados sobre os
cregos pois conseguiu que lle asinasen unha autorización para que a
investigadora puidese acceder a toda a información que a policía recollera
sobre eles.
Cal comeza salientando que o contexto do Concilio
Vaticano II e a doutrina social da igrexa foi fundamental, "eles creron
niso", conta. Tamén a presenza á fronte do bispado de Mondoñedo-Ferrol
naqueles anos dous bispos coma Argaya Goicoechea e Miguel Anxo Arauxo Igrexas e
do cóengo capitular Gabriel Pita da Veiga, que en boa medida lles “deixaron
facer” ou mesmo se puxeron do seu lado: "O bispo Argaya Goicoechea foi
moi importante. Quixo achegarse ao movemento obreiro e conseguiu que Roma
aprobase a diócese Mondoñedo-Ferrol, para ter máis presenza en Ferrol. Mandou
construír a Domus Eclesiae, que acolleu bastantes xuntanzas obreiras e
de asociacións porque era un lugar no que non entraba a policía".
Rosa Cal explica que todos eles "son moi
plurais na súa orixe: Cortázar era de familia burguesa e Seijas viña dunha
familia de militares, e outros eran fillos de labregos ou traballadores. Pero
o que os unía era que estaban no cinto vermello de Ferrol, que comezaba no
peirao, subía por Canido, Santa Mariña, San Pablo, Sindicais até San Xoán. E
alí vivía a xente que traballaba na Fenya, na Madereira ou en Bazán". Eran
barrios que viñan de ser creados, en moitos casos, para acoller familias de
obreiros chegados doutras partes de Galicia e que non contaban cos máis minimos
servizos: "Cando Aneiros chegou á parroquia de San Pablo atopou moita
pobreza e tamén analfabetismo e falta de servizos. Non había escolas nin
chegaban os autobuses".
A súa práctica era heterodoxa en moitos sentidos. "Aneiros
chegou a Cáritas e fixo unha revolución alí -di- En Cáritas estaban ao mando
militares, farmacéuticos e mulleres da alta sociedade de Ferrol. E Aneiros puxo
á fronte a obreiros. Mesmo conseguiu que Cáritas admitise a folga como unha
forma de loita contra a pobreza". Rosa cal conta tamén un episodio que
tivo lugar en Lugo nun acto non que se ían xuntar as máis altas xerarquías:
"eles sentaron nunhas escaleiras cunha garrafa de viño, pan e touciño, que
era o que comía o pobo. Pois a moitos pareceulles un escándalo e saíu en todos
os periódicos".
A súa relación cos sindicatos e forzas de esquerda e
o seu activismo social leváronos a ter problemas coas autoridades. Recibiron
moitas multas por homilías críticas coa ditadura e Vicente Couce
Ferreira e Anxo Ferreiro Currás foron levados ao TOP. Tamén Martínez Aneiros acabou no cárcere da Coruña e despois no
mosteiro de Sobrado, onde era custodiado. Pero non só recibían
ataques do réxime oficial, tamén dos grupos ultra que defendían o
nacionalcatolicismo: "A Currás ameazárono de morte os Guerrilleiros
do Cristo Rey e mesmo lle entraron na sacristía", conta Rosa Cal.
Finalmente a xerarquía católica do
Vaticano freou o impulso do Concilio Vaticano II e tentou apartar os curas da
acción social, "e aí moitos deles desilusionáronse". Tamén influíu, conta Rosa Cal, "que ao chegar a
democracia e a legalización dos sindicatos o seu labor faise menos necesario e
os propios sindicatos non necesitan os espazos que estes curas lles cedían para
reunírense". Ao cabo moitos deles secularizáronse e casaron. Quedaron
apenas Gabriel Vázquez Seijas ou Cuco Ruíz de Cortázar, que continuaron sendo
curas. Rosa Cal conclúe que "eran moi atrevidos e tiñan o convencemento
que ían cambiar as cousas". Quedan na historia doutro tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario