Marcos Pérez Pena | @zerovacas praza.com
Asemblea Obreira |
En setembro de 1972, tres anos antes da morte do
ditador, a industria de Vigo mantivo durante más de dúas semana unha folga
xeral que chegou a sumar máis de 15 mil traballadores. Houbo máis de seis mil despedimentos, que finalmente quedaron en 400, e o
golpe de forza dos obreiros vigueses chegou a converterse nunha verdadeira
preocupación para o réxime. A folga de setembro, que fora precedida doutra gran
folga xeral en marzo en Ferrol e Vigo en protesta polo asasinato na cidade
departamental de Amador Rey e Daniel Niebla, supuxo ademais un importante pulo
para o sindicalismo en Galicia e o agromo de varias organizacións e líderes.
Este venres, a partir das sete da tarde no museo
Marco de Vigo, a Unión Comarcal
de CCOO organiza un acto polo 40 aniversario da folga. No acto
participarán Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Vigo, Waldino Varela, un
dos fundadores de CCOO en Vigo e antigo dirixente sindical nos estaleiros
Vulcano, o investigador Ricardo Gurriarán, da Fundación 10 de Marzo, e o
profesor Carlos Barros, da USC, e que formou parte do comité central do
PC.
As mobilizacións comezaron con reivindicacións do
persoal de Citroën, que axiña sumaron a solidariedade de todo o movemento
obreiro vigués. O 6 de setembro o comité de
empresa de Citroën Hispania reivindicou a xornada de 44 horas na negociación do
convenio colectivo e convoca os primeiros paros. Tres días despois a empresa
comunicou o despido a 5 traballadores e expedientou outros catro sindicalistas.
O luns 11 ás seis da mañá os traballadores concentráronse na fábrica e
iniciaron una marcha cara a Reyman e Barreras para pedir a solidaridad dos traballadores.
Vulcano tamén se sumou a paro e unha gran manifestación percorreu a cidade. A
medida que avanzaba a semana máis e máis traballadores se sumaban á folga e o
xoves calcúlase que xa eran máis de 16 mil, entre eles os do transporte
público.
Tamén ia chegando máís policía e as cargas e
detencións multiplicábanse. E as empresas comezaron a enviar milleiros de
cartas de despido. A folga desactivouse 15 días despois do seu comezo, pero
tamén se anularon a meirande dos despedimentos. Houbo unha gran represión
pero o movemento obreiro e sindical saiu reforzado.
Carlos Barros era daquela o responsable do movemento obreiro no PCG e tamén se ocupaba da
comunicación e a propaganda. E na folga foi o responsable da organización
ideolóxica, colaborando con CC.OO. no desenvolvemento da folga e antes
de que a folga estalara. Falamos con el sobre o desenvolvemento dos feitos e
a súa importancia histórica.
Como se iniciou a folga?
En marzo houbo en Vigo folgas solidarias con Amador
e Daniel, que foran asasinados en Ferrol. Naquel momento para min estaba claro
e así o escribín en Vigo Obreiro, o órgano de expresión de CC.OO. de
Vigo, que pola propia dinámica do movemento obreiro na cidade estaba pendente
unha folga xeral en Vigo igual que a de Ferrol. En setembro houbo unha
reivindicación laboral en Citröen e os meus compañeiros comunicáronme que a
intención era ir á folga. O que pasou foi un movemento en cadea de
despedimentos e despois unha folga de solidariedade que paralizou a industria
da cidade. Cando chegaron os despedimentos masivos os traballadores adoptaron
unha táctica de repregue progresivo até que quedou só Vulcano en folga. E
finalmente tamén eles volveron ao traballo co carné de identidade na boca. Pero
despois acabouse readmitindo a todo o mundo por iso creo que foi todo un éxito.
Que importancia histórica tivo?
A folga de Vigo foi o máis grande éxito histórico
-xunto coa de Ferrol- da clase obreira galega e dos que naquela época
loitabamos pola democracia en Galicia. E para o movemento obreiro significou a
fundación do sindicalismo democrático, aínda que xa viña funcionando dende os
anos sesenta, a partir das folgas do 62 en Vigo. Naquel momento estabamos
ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través
da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando
menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela. E o
resto de Galicia, como pasou con boa parte da poboación española, vía a moita
distancia esa confrontación dos demócratas que estaban nas fábricas e nas
universidades coa ditadura. Unha ditadura que neses momentos mantiña moitas
complicidades e moita colaboración nas clases medias e na burguesía. E
funcionaba tamén polo medo, evidentemente. A represión adquiría un carácter
brutal, como pasou ao final da folga de Vigo.
Cal foi a resposta da sociedade viguesa?
Tivemos unha certa sensación de sorpresa, porque a
clase media non se uniu en Vigo aos obreiros como si sucedera en Ferrol. É
certo que en Ferrol houbera un masacre e iso espertou un sentimento solidario
en toda a cidade. En Vigo parou toda a industria e tamén o transporte público,
o Vitrasa, pero a pesar de todos os nosos esforzos os comerciantes e os
sectores tradicionais da burguesía non se uniron, como si o fixeron o 4 de
nadal de 1977. Por iso digo que Galicia lles debe moito aos obreiros e
estudantes, porque se fora pola maioría da poboación galega non tería habido
Transición. Despois todo o mundo se adaptou á democracia, pero mesmo hoxe en
dia non se recoñece o papel dos traballadores industriais e dos estudantes
universitarios.
Pero a Transición chegou...
Xa nese momento os sectores máis intelixentes da
patronal e da ditadura eran conscientes de que ese sistema político era
insostible. Tamén dende o punto de vista económico, pois era un obstáculo para
o desenvolvemento de Galicia e de España. Mesmo así tardouse aínda cinco anos e
bastantes mortos -obreiros e estudantes a maioría- en chegar á democracia, que
chegou nunhas condicións moi adversas, cunha presión moi forte do Exército para
que a Transición se realizase dunha maneira determinada, que fose favorable
para os que mandaban.
Como era o teu traballo durante a folga?
Daquela en Vigo aínda había corredoiras e podías
subir a Gran Vía por camiños paralelos, por corredoiras. Tiña todo o dia para
chegar aos lugares de xuntanza, que eran no monte ou en espazos deshabitados do
extrarradio de Vigo. Os dous elementos que permitiron manter a folga tantos
dias foron en primeiro lugar a asemblea obreira de Vigo, onde os lideres
sindicais daban as indicacións para cada dia. E en segundo lugar, as octavillas
que eu redactaba coa coordinadora de CC.OO. A primeira hora tiña unha xuntanza
cos lideres sindicais e pola tarde redactaba os textos. E pola noite Figueroa,
un traballador do porto que estaba no aparato de propaganda do partido,
encargábase de facelos. Pola mañá toda a cidade estaba regada de octavillas.
Pola noite reuniamonos o comité local do partido e poñiamos en común a
información.
Tiñan unha importancia capital as octavillas,
non si?
No franquismo afixémonos a ler a
prensa e buscar pequenos restos de información que nos podían interesar. Pero
todo o sistema de oposición sería inexplicable sen os medios clandestinos de
información. Como pos de acordo a tanta xente, se as reunións podían ser de
cinco ou seis persoas como máximo? A importancia que ten a prensa clandestina e
sobre todo a octavilla é enorme. Os movementos sociais teñen unha estrutura
paralela de información masiva, que supera a tirada de calquera medio de
comunicación. Vouche das datos: o colega Figueroa contábame hai pouco que no
ano 72 meteu na súa casa 300 mil folios DinA4, iso dá para facer 600 mil
octavillas para toda Galicia. Iso é un medio de comunicación de masas. Na folga
de setembro de 1972 cando madrugaba estaba a octavilla en todas as empresas de
Vigo, e todos os barrios populares estaban regados tamén. Ese é un medios
paralelo de información superior a calquera medio escrito ou radiofónico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario