Marcos Pérez Pena praza.com
"Un mozo
comprido, sen máis chatas que a súa coor…". Así describía Castelao o negro
Panchito en Cousas. Non foi a única vez que os negros e mulatos
apareceron na obra artística do intelectual galeguista, tanto nos seus relatos
escritos coma nos seus debuxos, pinturas e viñetas humorísticas. "Hai
que ver…Tamén as negras de África andan a moda", engadiu a un cadriño algo
groso publicado no Faro de Vigo en 1927. Craig Patterson vén de publicar
"From racism to redemtion" en
Interventions: International Journal of Postcolonial
Studies, un traballo que analiza a evolución do
intelectual, dende visións "claramente racistas" en escritos e
debuxos até posicións máis abertas a partir da Guerra Civil e o exilio.
O investigador
cre ver no contexto histórico, e na influencia de Murguía ou Risco a orixe
destas visións. E destaca que, mentres Risco é criticado unha e outra vez polas
súas posicións antisemitas, tense publicado moi pouco sobre a relación de
Castelao coa raza. Patterson aposta pola "desmitificación", por
presentar Castelao ao completo, con luces e sombras, sen ocultar nada da súa
biografía, e por facer fincapé neste "cambio interior" como un
elemento positivo. Para Patterson, a "redención" que experimenta
Castelao, principalmente a partir da Guerra Civil e do seu exilio de país en
país, atopando (sobre todo en Nova York e Cuba) importantes comunidades negras
e mulatas, constitúe "unha historia fermosa", moito máis
"útil" e "inspiradora" para contar nos centros de ensino,
que a dunha persoa sen matices.
Os sinalados
arriba non son os únicos exemplos de comentarios, con intención máis ou menos
humorística, pero con segundas lecturas non demasiado positivas que podemos
pescudar na produción de Castelao, e atopamos exemplos semellantes tamén
nalgúns ensaios e cartas. Estas cuestións non están presentes nos anos
corenta.
Nese tempo,
podemos observar a súa evolución, en directo, libro a libro, a través dos
apuntes do seu exilio, que despois deron lugar ao Sempre en Galiza. Esta
obra fulcral no pensamento nacionalista e galeguista, e os catro Cadernos que
a acompañan constitúen unha reflexión sobre Galicia e España, sobre a historia
da Segunda República e a Guerra Civil e a postguerra, pero son tamén unha
mostra de numerosas mutacións interiores que Castelao experimentou a finais
dos anos trinta e comezos dos corenta, como destaca Patterson. "Sempre
en Galiza é un libro fascinante, que debería ser máis coñecido en todo o
mundo. É unha historia galega de España, unha historia alternativa",
engade.
Patterson
lembra que nestes anos, nos que Castelao está experimentando estas mutacións,
con frecuencia deixa ver algúns elementos desas pretéritas visións racistas ou
asimiladoras. No Sempre en Galiza, Castelao escribe: "O sol é único para
todol-os homes do mundo; pero fai negros en África e brancos en Europa. E a
nosa Terra ten poder bastante para facer brancos aos negros". E nos seus Cadernos,
reflexiona sobre o seu propio racismo, desmostrando ser consciente da
existencia dun certo conflito: "Recoñezo que me sinto alonxado da raza
negra por reparos incoercibles da natureza. Cando en París vexo a unha loira
c-un negro xa sei que se trata d-un caso de perversión sexual e o caso da
mistura de coor paréceme sempre anormal; pero esto non me impide considerar aos
negros como compoñentes da miña especie e sempre capaces de merecer a miña
amistade fraternal. Craro está que non sería capaz de casarme c-unha negra e o
caso pode analizarse". E engadía: "Eu non nego que os negros teñan
limitadas as facultades intelectuaes pol-o herdo secular da iñorancia ou pol-o
desvencellamento secular da nosa civilización; pero é indisutible que os negros
teñen a posibilidade d-erguerse até o nivel dos brancos".
E mesmo en 1947,
ao comparar a ditadura de Trujillo na República Dominicana e a de Franco en
España, Castelao sinala que "A diferencia está en que Hespaña non é unha
República de negros insensatos, senón unha vellísima aglomeración de povos
cultos e civilizados, afeitos a viviren en libertade".
Patterson tamén
sinala a importancia de analizar con detemento a relación de establece Castelao
con outras razas e identidades, pola importancia dos conceptos postcoloniais na
súa obra, tanto da análise que o intelectual fai de Galicia como
"colonia", ou dos procesos de "asimilación" e
"imperialismo" sufridos pola sociedade galega a mans de España. Porén,
destaca o investigador, decote Castelao incorre neses mesmos pensamentos
imperialistas ou asimiladores con respecto aos negros, cando menos nos seus
escritos dos anos vinte e trinta.
A
redención
A Guerra Civil, a
derrota, o exilio e as terribles decepcións que viviu Castelao aceleraron
algunhas mutacións que xa viña experimentando nos anos trinta. E, coma sempre,
están reflectidas por escrito. En 1938, nunha visita de Castelao aos Estados
Unidos por encargo do presidente Negrín, Castelao experimenta unha
revelación: "Todo esto pensaba eu e non nego que a separación de razas
coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos
sentín primeiro unha enorme compasión pol-os negros e máis tarde un desexo de
matar a miña repuñancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de trocarme
líder das reivindicacións negras i en defensor d-esta raza. O día que despertei
a este sentimento foi o 1 de septembro de 1938. Percorríamos o estado de West
Virginia (onde os negros aínda non son perseguidos coma no Sul) e na porta d-un
Bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos bárbaros brancos, alvisquei este
letreiro na porta: NOTICE. Whites only. Agora síntome irmán dos negros".
É neste tempo
cando o artista realiza os seus Tres Apuntes de Negros (en boa medida
como unha forma de fuxir ou descansar dos horrores da guerra) e muda
completamenta a súa visión da raza, tamén a función que dende Murguía, sobre
todo a través do celtismo, ten este elemento para a construción da
ideoloxía do nacionalismo galego. No Sempre en Galiza Castelao
escribe que "a raza non é tansiquera un siño diferencial da nacionalidade,
e non se pode fundar ningunha reivindicación nacional – así di Stalin –
invocando caraiterísticas de raza. Para nós, os galegos, afeitos a
percorrermos o mundo e a convivir con todal-as razas, o nacionalismo
racista é un delito e tamén un pecado". Patterson sinala a este respecto o
exposto por Xusto Beramendi: "a raza é destronada do lugar preeminente,
que desde Murguía viña ocupando como factor primeiro da etnicidade e, por
tanto, da xénese da nacionalidade (...) isto é consecuencia do afán por abrir
un abismo político, e tamén ideolóxico, entre o nacionalismo galego e os
racismos fascistas. No lugar da raza, Castelao eleva á lingua – e con ela á
cultura e ó Volksgeist – ó rango de sustancia maior da nacionalidade".
A
mutación é evidente. Castelao recoñécese nos negros sen patria, nos desposuídos: "Poida que
frente a min haxa checoeslovacos, autriacos, polacos, finlandeses, xudeus,
alemáns e de outros pobos e razas, pero estou seguro de que eles non adiviñan
que â luz d-esta fiestra traballa un galego desterrado, con máis razón que eles
para protestar. Ningún dos meus veciños e de enfrente sabe que hai unha Patria
que se chama Galiza, e non podo eisixirlles que adiviñen a miña eisistencia. Eu
son fillo d-unha Patria descoñecida". Nunha viñeta publicada nun xornal
cubano en 1938, Castelao debuxa un negro e un branco, e un breve pero elocuente
diálogo: "EL NEGRITO: ¿Hermanos? EL GALLEGO: Los trabajadores siempre
somos hermanos". É neste tempo tamén cando Castelao é
nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades Negras.
Na conclusión do seu traballo, Patterson destaca que "Castelao é aínda
a vaca sagrada da cultura (nacionalista) galega" e que "este relato
das visións negrofóbicas de Castelao e de como rapidamente virou nunha
solidariedade global non se ensina nos colexios". E afirma que
"achegaría unha narración moito máis positiva e humana á historia de
Galicia, sendo de moita maior importancia ante as realidades do século XXI que
o relato mitificado e haxiográfico aínda dominante".
Ningún comentario:
Publicar un comentario