mércores, 4 de decembro de 2013

"Para nós o matar é unha honra"


Un concelleiro da Fronte Popular de Paradela, agochado como 'topo' durante 7 anos en Escairón (Saviñao) deixou testemuña escrita daqueles días dramáticos de Xullo de 1936, testemuño que hoxe deixa, cando menos parcialmente, de ser inédito e facemos público para divulgar, os nomes, os lugares e os feitos dunha represión que está por descubrir.
CILIA TORNA. sermosgaliza.com
Funeral de dous republicanos en Sarria
O Concello de Paradela, e de xeito moi particular o lugar de Castro de Rei de Lemos, rematou por tornarse no epicentro da represión franquista nas Comarcas de Lugo até o punto de que durante moitos anos na da Comarca de Sarria acudíase ao dito “ Que veñen os de Paradela” para meter medo a nenas e nenos.
Os particulares homes do saco deste Concello escribiron en sangue unha das páxinas máis terríbeis do franquismo na nosa nación, até o punto de que nun Concello que chegaba mal aos 5000 habitantes o número de fusilados acadou a cifra de 16, o de paseados o de 20 e o de detidos o de 200. A todo isto deberiamos de sumarlle a represión contra as mulleres, que se xeneraliza a partir do 29 de Xullo cando o Concello é tomado polos alzados, e que como foi e é norma rematou por converterse en todo un exercicio de violencia sexual onde destacaron os falanxistas de Sarria, dirixidos polo militante do Partido Nazi Mario González Zaera e  “Escadra Negra” de Bóveda.
Un concelleiro da Fronte Popular de Paradela, probabelmente veciño de Castro de Rei de Lemos, agochado como topo durante 7 anos en Escairón, capitalidade do  Concello de Saviñao, deixaría testemuño escrito daqueles días dramáticos de Xullo de 1936 en Paradela, testemuño que hoxe deixa, cando menos parcialmente, de ser inédito e facemos público para divulgar, os nomes, os lugares e os feitos dunha represión que está por descubrir. O documento cuxo orixinal atopa acubillo no arquivo da familia do recentemente falecido e nunca ben chorado Andrés Páramo, o último cidadán acorde á vara de medir do que foron aqueles republicanos a medio camiño entre o século XIX e XX, foi atopado vai para dez anos mentres se acometían unhas obras de reforma nunha casa de Escairón onde o seu suposto autor permaneceu aloxado fuxindo das bestas, fosen de Bóveda, Monforte, Sarria ou Paradela.
A dureza extrema da represión que se viviu neste Concello da Comarca de Sarria non se explica sen reparar o proceso que se da en Paradela ao longo do período republicano, e de xeito moi concreto en dous momentos de máxima tensión como os que se viviron en Outubro de 1934 e xa posteriormente após o 18 de Xullo. Se ben cando se fala da resistencia á sublevación e da chamada a defender Lugo dos fascistas feita polo Gobernador civil García Núñez, cuñado de Xerardo Álvarez Gallego, a historiografía e certa mítica lévanos a núcleos de concentración operaria como Viveiro, Monforte ou A Pontenova, lugares das terras de Sarria como a propia capitalidade do Partido Xudicial pero tamén Láncara ou Paradela non van ficar atrás. Así se explican logo os feitos que hoxe sacamos do silencio, feitos que retratan a represión nesta zona pero tamén nas terras da Ribeira Sacra, o “modus operandi” dos asasinos pero tamén os seus móbiles e por suposto o martirio e o final das vítimas. Non é este documento que hoxe damos a coñecer un texto excepcional pero si unha información de primeira mao que lle pon nome aos verdugos, que lle da nome aos vítimas e que como outros tantos manuscritos deste tipo existentes noutros territorios galegos, remata por converterse nunha auténtica causa xeneral, esta sí argumentada e chea de xustiza, contra o fascismo. 
Neste inventario de brutalidade un dos crimes que máis pouso de terror deixaron ao longo da Comarca foi o de Perico de Caraba ás beiras do Río Loio a dous kilómetros da Casa do Concello. O noso cronista deixou escrito nos seus papeis que: “Houbo quen o sentiu berrar, de Pacios e outros pobos, que desconsolaba ver o que fixeron con el antes de fusilalo, e unha vez que tal feito se consumou estes criminais chegaron moi contentos ao cuartel de Pacios, ou sexa o de Paradela, contándollo aos seus xefeciños e entón dixéronlle ao cociñeiro: “Un lacón máis ao pote que xa hai outro porco morto”.Porén os paseos comezaran o 10 de agosto, “xa de regreso a Bóveda, e no lugar do Espiño, onde colleron ao republica Alexandre López ao que levaron con eles e ao baixar o monte coñecido polos “Carrascais” de Teilán asasinárono covardemente cruzándolle o peito a tiros segundo o levaban diante. Mandaba esta escuadra o famoso Louredo de Bóveda”.
Non tivo mellor sorte Dositeo Pérez Fernández, natural de Bustaregas en Castro de Rei de Lemos, que andaba agochada en Gondar de Alosende e a quen unía amizade e militancia con dous obreiros portugueses, dos dirixentes operarios máis recoñecidos da zona á cuxa cabeza tiñan posto prezo, que traballan nas contratas do ferrocarril, o “Bento” e o “Ferreira”. Este noso Dositeo morreu a mans dun amigo, segundo informa nestes papeis o noso veciño de Castro de Rei de Lemos, que ao saber quen era o morto afirmou “Que se joda para nos o matar é unha honra” O crime atribuído nesta crónica a “Amieira de Villaesteba”, persoa ao parecer vinculada a “Banda Negra de Monforte” retrátanos o particular libro de estilo daqueles días ao poñer na boca deste a seguinte afirmación: “Mira, o teu sogro é gordo, pero seis máis gordos aínda chos deixamos tirados como seis porcos na estrada, e aínda tiñan ben cartos, que eramos catro e tocáronos a vinte e tres pesos e unha peseta e tres reloxos e algúns botóns de ouro”. 
As cuartillas que estamos sacando a luz non se limitan a relatar o acontecido naqueles últimos días de Xullo que tamén veñen a ser os últimos da II República, o autor que as redactou neses 7 anos agochados en Escairón tenta analizar e explicar o por que do acontecido ao tempo que se converte nun autentico fiscal do franquismo, analizando coa claridade que só un esquema mental apartado do dogmatismo é quen de explicar os factores que se conxugan para dar a resultante que relata. Nun texto onde aparecen os grandes dirixentes políticos Fronte Popular da zona como Páramo de Sarria, López Armesto de Paradela, Cela de Láncara ou Dosío, non poden faltar os nomes dos dirixentes da reacción comezando polo secretario de Nicolás Franco, deputado cedista, posteriormente executado polos propios falanxistas e home forte da dereita en Lugo, “o ex deputado Saco que se presentou na feira de Castro cos seus compinches, e foi tal a borracheira que alí mesmo asasinaron a un compañeiro da Falanxe”.
Para continuar o relato “alí lucíanse os xefeciños da Falanxe, tais como o Médico Don  Pedro  Gudín, o Dentista San Cristovo de Martiño, O Roxo de Vilamaior, os seus veciños David de Bustaregas, a estes dous últimos non os cito como xefazos senón coma veciños”. Á par dos falanxistas aparecen as forzas conservadoras que operaron como autentico grupo dirixente, no campo sublevado, de xeito moi particular o elemento militar e eclesiástico até o punto de afirmar o noso informante que “non lles importaba que quedasen orfos e viúvas, pois tanto a eles como aos cregos, non se lles escoitaba outras palabras agás “que había que acabar con nos”, “que a mala herba”, dicían os que din ser ministros de Cristo, “que había que cortala”. Reparade en quen dí isto, os que levando a Cristo de careta foron o móbil de todo o que ocorre en España, moi orgullosos dos crimes que cometían os esbirros da Falanxe, que ao seu servizo cometían os brutais crimes”.
A información que hoxe ve a luz por primeira vez non é máis que unha mínima achega ao legado memorístico desde militante da Fronte Popular de Paradela, un legado que cómpre difundir na súa totalidade, pero que debe ser tamén aguillón que anime a sacar a luz centos de textos coma estes, tamén inéditos, que gardan arquivos particulares familiares. A verdade e a memoria das vítimas esíxeno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario