sábado, 7 de decembro de 2013

Cento cincuenta anos do nacemento da Belle Otéro en Valga


Hoxe 4 de novembro hai cento cincuenta anos que naceu en 1868 en Valga Agustina Otero Iglesias, máis coñecida como Carolina Otero, a Belle Otéro.
MARGA DO VAL sermosgaliza.com

Na contraportada da biografía (ensaio) que co título de Carolina Otero escribín e que se publicou no ano 2001 pola desaparecida Edicións A Nosa Terra, nunha fermosa colección que se chamaba “Mulleres” (e en que a nena que nacera en Valga, estaba acompañada tamén por Maruxa Mallo, María Casares, Mercedes Núñez entre outras), nesa contraportada hai un paratexto que di:
“Cando en 1918 Carolina Otero, a Belle Otero, decide retirarse da vida artística, leva na súa cabeza a historia dunha nena de Valga que petaba nas portas pedindo un anaco de pan que levar á boca. Co tempo os seus pés bailaron a rabiar e chegaría a ser a grande estrela do Folies -Bergère parisino. Intelixente e atrevida, dama endiamantada do musicc-hall cun talento para a comedia, foi tamén das primeiras actrices de cine. Historias, paixóns e imaxes dunha muller galega mil veces amada.”
Aínda hoxe teimo e sigo gardando as pegadas que deixou por este mundo e que acho de cando en vez, son incapaz de explicarme como esa nena que petaba nas portas do século XIX para pedir pan, que realmente se chamaba Agustina, filla dunha muller pobre coñecida co nome de Carme a Gurumela, chegou a París e se converteu na Belle Otéro. Pensen que non é doado, unha aldea Valga, criada nunha casoupa, na pobreza, case sen saber escribir, tiña por forza que ser valente, con coraxe e sobre todo ser unha sobrevivente. Vai ser unha muller que se faga entender en ingles, alemán e domine o español e o francés, aínda no famoso libro autobiográfico da escritora francesa Colette, Mes apprentissages, (1936) lembra unha cea coa Belle Otero e o seu acento falando francés, en que Carolina non pode desfacerse dunha fonética que é galega.
Agustina Otero Iglesias, filla de Carme, de pai descoñecido, dicía cando xa se facía chamar Carolina, que nacera un 4 de novembro de 1868, foi bautizada en Valga o 20 de novembro dese mesmo ano. Foi a máis vella dos tres ou catro fillos de pais descoñecidos que tivo Carme. Algúns destes irmáns de Carolina aparecen na súa biografía protagonizando fermosas historias, un deles Adolfo, estará con ela anos máis tarde para vivir da súa celebridade e estudar pintura en París, alí namorarase de Adosinda, a criada, e con ela vai volver para Verín onde traballará como pintor nas célebres augas de Cabreiroá.... E xa me estou desviando....
Sóubose que esta celebridade que triunfaba en París era galega e de Valga cando Renato Ulloa escribe en Galicia Moderna un esbozo na sección “Mujerio” sobre Carolina Otero, el confirma despois de disques e díxomes que en Valga vive unha pobre muller que recibe diñeiro e roupas que lle manda a súa filla desde París, abraiado confirma que aquel rostro repetido en milleiros de fotografías que tamén chegaban a Pontevedra ao parladoiro de Jesus Muruais aberto nunha inmensa biblioteca que dotaba aos tertulianos de lecturas e imaxes galantes, confirma que aquel retrato que garda a nai é o da Belle Otero en París e no mundo, o de Agustina, na casiña de Valga.
Ela seguirá sendo, e así figura aínda hoxe en moitos catálogos de exposicións, en moita bibliografía como nacida en Cádiz... e é que o descubrimento do Ulloa, non foi quen de atravesar os Pirineos como Agustina.
Moitos foron entón os que andaron atrás da infancia de Carolina, tratando de descifrar o nome do pai, e moitos tamén houbo que quixeron ser o pai, de Carolina, da Belle, da pobre nena Agustina, ninguén. Desde o historiador e lingüista Ferro Couselo, pasando polo Hidalgo de Tor, por Pesquerias  até o xornalista Borobó, trataron de desvelar quen fora o pai da muller para moitos máis fermosa do mundo... Cando é así a paternidade é importante. Borobó, falou de todos os posíbeis pais: un Silva Louro, outro un mozo cordeirán de Piñeira Laxes, finalmente conclúe que o pai vivía a cen metros da nai e que era “o guapo Francisco Barreiro Magariños”.
Persoalmente moléstanme moito estas rebuscas para saber de onde saíu a semente xa que da nai ninguén se acorda, mais facendo unha pequena brincadeira, o cura que a bautizou en Valga chamábase, Andrés Casimiro Senlle y Castro (así figura na partida de bautismo) e a miña amiga, Uxía, a cantante, de apelido Senlle, relata que a memoria familiar garda conta de que o pai de Carolina era parente, xa teñen un novo dato que pode facelos sorrir, pensando neses curiñas “de antes”.
Sóubose só polos papeis en 1946 o que andaba na boca do pobo, o do zapateiro, cando outros curiosos se achegaban por Valga. En 1946 publicouno o poeta Celso Emilio Ferreiro no semanario pontevedrés Ciudad, antes disto non se escribira. Carolina Otero botoulle terra á nena Agustina e á tremenda historia. Mais é preciso que se saiba xa que forma parte da reivindicación desta coraxe e desa valentía, dunha nena “soa” fronte ao mundo que pide pan para comer, anda ás piñas no monte, con dez anos,  e é violada polo zapateiro Venancio Romero. Si, alí na Torroeira, onde logo puxeron un cruceiro da Santa Misión. A denuncia que atopou no xulgado de Caldas de Reis, Celso Emilio Ferreiro dá conta dos feitos e dunha violación que segundo os médicos que fan o informe se consumara dunha forma tan brutal que “por decencia non se pode describir”. Grave, rotura da pelve e fendas que a deixan estéril. 1879 e do zapateiro nunca máis se soubo, a xustiza buscouno e no boletín das catro provincias e na Gaceta de Madrid publicáronse as oportunas requisitorias ordenando a captura do criminal. Dúas mulleres atopárana no camiño, levárana á casa medio morta e co medo de que lles quedase polo camiño, asinan despois a denuncia formulada pola nai da criatura que non sabe escribir.
Logo foi atendida  no Hospital Real en Compostela, sospeito que Carme, a nai, debeu chorar moito, víñalle a pena da nena que ela tamén fora, as dores da filla; debeu chorar baixiño, a modo,  pola muller que era. Finalmente, encolleuse, coma nós, agarrando as pernas coas máns, e chorou co salaio doutra muller, con todas e por todas nós.  
Miseria dura, traballo duro e puta de todos sería, créanme, estou segura, a sorte desta nena que segundo a aldea tiña un xeito de bailar  o carrasquiño que xa era pecado. 
Agustina morre nova ten dez anos e renace en Carolina Otero, unha ousadía, un atrevemento daquela nena que seica regresou soa unha tarde a Valga, que seica andou por Compostela e alí lle tiraron unha primeira foto, e gardaron para sempre o clixé, e de alí, de servir nalgunha casa.... Quen sabe, até o escritor Otero Pedrayo pon na boca do seu pai un relato en que lembra os tempos da moza en Compostela, até lle busca un primeiro amante, Eladio Vázquez Quiroga, da casa grande de Trives, fumador de pipa e voa “atronadora”... mais a min, as contas non me saen entre as datas. 
Afáganse a partir de agora a vida é a dunha vítima supervivente, e só vai ser esa que ela buscou, creou e inventou, e é difícil achar a pel de Carolina  Otero debaixo da súa personaxe, Belle Otero, a muller máis fermosa do mundo, como dicían en París da Francia e no mundo que era mundo.
En 1907 anuncia a Belle Otero as súas memorias, vaino contar todo dise, a noticia era falsa, un truco dos seus representantes artísticos para mantela na fama. En 1919 está traballando nelas e en 1926 co título de: Le roman de la Belle Otero. Sa vie intime. Ses amours. Ses succés  en Editions Le Calame de París, xa andaban pola novena edición, memorias traducidas ao español, italiano, inglés e alemán. A vida que conta Carolina técese como unha novela na cal unha muller, con destino marabilloso, conta os acontecementos da súa axitada existencia, nun momento en que xa quere e pode vivir de lembranzas. Unha novela en que como se nos indica despois do título “a verdade supera en atractivos os desenfreos da imaxinación”. Filla dunha xitana andaluza, Carmen,  e dun oficial grego que se chama Carasson... Nace como todos os irmáns en Cádiz, ten unha irmá xemelga, despois de Cádiz a familia trasládase a un lugar de Galicia, Valga, alí o pai á asasinado e a nai casa co seu asasino, a nena entra nun internado raro como criada que levan dúas irmán vellas e solteiras, Pepita e Juanita, que a someten a duros traballos e castigos, de alí, foxe na compaña do que será o seu primeiro noivo, Paco.
A historia parece delirante, mais lida a conciencia semella gardar atrás deses delirios moitas verdades, ocultas nas fotografías e na imaxe que ela creara, fiel a esta imaxe da fama que tivo, escribe a biografía da personaxe que inventou para o mundo: Belle Otero.
Historias cheas de inxenuidade que a levan de Valga a Lisboa, onde vai debutar na zarzuela La gran vía, vai a Barcelona, Marsella e París, sitúa o remate da biografía na fin da Gran Guerra onde rememora as súas obras, salienta a historia dunha refuxiada en Biarritz, coas mans cortadas que teme pola sorte do seu neto de dous anos, ela conta que os leva á casa e adopta o neno. Non sabemos que crer, tampouco somos quen de imaxinar a inxenuidade das lectoras (as máis) da época, mais se o comparamos co público que hoxe prende a televisión e se prende dos programas de corazón ou copia os modelos das famosas e tamén famosos que desfilan por esas Lecturas voluntariamente ou collidos por sorpresa sempre aparente do fotógrafo agochado que vai tirar unha pasta polas fotos. En fin, todas as mentiras estaban máis que xustificadas, para esta personaxe que ela mesma cortou a súa medida.
Como figura nesta novela é certo que coñeceu a todas as personalidades da época, é certo que ir na súa compaña (e isto ela non o escribe) era como levar unha xoia, moito máis valiosa que os diamantes e perlas que a vestían e que xa se encargara de facer saber para publicitar o seu poder e o poder de quen a acompañaba, xa que ela era tamén a muller máis cara do mundo e a súa compaña pagábase. Ela sabía como lle comentou a Colette que hai un momento en que todos os homes, incluso o máis avaro, abre a man, o momento en que se lle retorce o puño. Ela sabía iso e moi ben, sabía retorcer moito máis ca puños.
Polas páxinas pasean coa normalidade dun mundo e dunha atmosfera compartida actores, actrices, artistas, literatos, cortesás e reis.
É verdade que daquela todo o que facía Carolina tamén era noticia, o seu nome enche as revistas da época, había que conquistar as portadas: os seus inmensos chapeus, foron medida e marcaron moitos costumes, as rivalidades con Cleo de Merode, con Liane de pougy, unha ascensión en globo, un accidente de auto. Pensen: quen podía posuír un auto daquela? só algún ricachón, moitas veces americano carente de títulos de nobreza que só podía posuír diñeiro. Ela mesma chegou ter un auto, aparece en decembro de 1903 nun mercedes que posúe á cabeza dun desfile de 200 mozas de ballet polas rúas de París até a Ópera para preparar a despedida do ano.
As historias da Belle Otero, tantas mentiras repetidas crearon unha grande verdade até tal punto que se pode falar de dúas biografías paralelas, esta o que sería a súa biografía oficial, autobiografía, ese “todo” que Carolina quixo contar que provocou a redacción dalgunha outra biografía e múltiples artigos e moitos disques, que se coaron en traballos, algúns deles con pretensións serias e con rigor. Por outro está a “biografía” tecida nas outras biografías de quen prendado pola personaxe e polo que podía “vender” andaron atrás dela e da súa época tratando de deseñar un crebacabezas, achegando datas, actuacións, lugares, amantes, aproximarse a unha personaxe que se achaba sempre detrás desas montaxes publicitarias. 
Non é fácil facermos unha biografía seria, procurar na vida privada, non existe correspondencia de quen foi personaxe tamén de cine, famoso pola súa toilete, procurar na vida privada, digo, mais tamén na pública, datos que se inventaron e outros que se poden verificar, é un labor difícil. Noventa e seis anos de vida son moitos, moito é atravesar un século, partir dos coches tirados por cabalos, do mundo impresionista, atravesar a Belle Epoque e asistir ao trunfo da “minisaia” e esoitar aos Beatles cantando na radio. Carolina Otero, foi moi intelixente, deixou todo envurullado para tecer a súa inmortalidade. 
Entre os inventos de Carolina está o dun matrimonio, mentira practica e necesaria, que non dubida en publicar en 1975 Guido Artom como certa, crendo que con trece anos entrou acompañada do seu marido, un barítono italiano, e por iso llo permitiron no casino de Montecarlo. Na publicación da súa biografía en Alemaña achéganse fotos, “aos doce  anos” é o pé dunha delas. A mentira xa tiña imaxe. Xitana andaluza, prototipo da Carme, que tamén cantará na ópera e non tan mal, pouco antes do seu retiro, alimentou tamén a imaxe dunha nena que se adiantaba á Lolita.
En 1966, un ano despois da súa morte acontecida o 10 de abril de 1965 en Niza, no hotel Novelti onde vivía, publícase o libro autoría de Bernd Ruland sobre a Belle Otero, co título que en tradución española di: Bruxa do amor. A fascinante historia da máis cara muller do mundo. O autor di que coñeceu a Carolina Otero pouco antes da súa morte, insiste na súa imaxe de muller fatal, e basease na novela das súas propias memorias, o biógrafo fala de cando descobren o corpo morto da muller que vive naquel cuarto desde 1946, é o da condesa Gilelmo, coñecida no mundo enteiro como a Belle Otero, unha reliquia. O autor chámaa polo seu nome de casada, o nome do conde barítono italiano das súas memorias. Mentiras repetidas que se fan verdade! Ou iso cremos que son mentiras.
 
Hai uns anos escribín unha obra de teatro que foi representada e estreada en Valga, pola compañía Arte Livre do Brasil e que fixo regresar a primeira actriz galega de cine, como nos descubriu Miguel Anxo Fernández, aos escenarios teatrais dalgún modo, o actor Roberto Cordovani, meteuse nesa personaxe, o título da obra que será publicada proximamente é: Belle Otero. O corpo que fala. Nesta obra afundinme engaiolada na Belle Otero, na biografía que C. Otero asinou e seguro que ditou, escrita desde ese corpo que se ollou para o gozo, por milleiros de homes envexa de moitas mulleres que arelaban un modo de vida que rachase cos roles submisos de xénero ao que estaban destinadas: solteiras pendentes da familia ou de deberes sociais, casadas presas dos maridos, da maternidade e tamén dos deberes sociais. Mulleres anxos do fogar, cándidas e submisas fronte ás diabólicas, criaturas con boca de medusa que engatusaban ao home, fóra do fogar, estes eran os parámetros que dividían o ben do mal. 
Carolina estaba socialmente no lado do mal, no mesmo lado que as prostitutas, no das perversas, mais ela foi moi lista, xa que mandou e guiou a súa vida coa soidade, a mesma que xa acompañou a nena Agustina, antes de morrer e renacer en Carolina, para ser a Belle Otero, a nosa Bela Otero, e transgredir nunha sociedade que abalaba con outras mulleres coma ela, e con mulleres-amazonas ás que coñeceu que cabalgaban libres.
Carolina comezou facendo as Américas cando en 1890 vai rumbo no paquebote La Bourgogne a Nova York, para chegar, ela que non era ninguén, a porto e ser recibida por toda a prensa como a estrela máis famosa de Europa, unha boa operación de marketing, quizais a primeira grande operación de marketing, xa que esta muller ía crear unha empresa. Ernest Andre Jurgens, un xove empresario nacido en Chicago, foi quen descubriu este diamante nun cabaré en Marsella que se chamaba La Petite Poupée, levou a mociña sen pulir a París para darlle maneiras, cantos e xeitos, procurou os mellores mestres e converteuna nesa estrela que tiña que ser a rival de Carmencita, desde o Eden Musée de Nova York.  Entón invéntanse na prensa historias sobre a nova artista chegada da vella Europa, nace o mito, da española e da súa paixón, antes do debut da estrela, que engailou á cidade, e tamén ás súas damas... Feiticeira á que non lle prexudicaron críticas terríbeis da  súa primeira actuación: “Vimos cantar a Otero e oímola bailar”.
Logo todo chegou só como os días da vida, colares, perlas, teatros, xiras polo mundo, até Australia, que a levarían a ser unha das mulleres máis retratadas, e tamén a “serea dos suicidas” e entre eles o propio Jurgens. Xa se sabe que é a raíña das demi-mondaines e que as outras non poden competir coa súa beleza e co seu trunfo. Eu creo que Carolina Otero era unha muller sen medo, o medo morrera coa nena Agustina, atrevida e impulsiva, cunha impulsividade que cortaba o alento. Foi axiña a estrela do Folies-Bergère e sabía que tiña que estar en escena as vinte e catro horas do día, esa foi a razón do seu éxito. 
A Guerra dos Boers, a situación do Congo Belga propiedade de Leopoldo II, ( que si tivo unha vila en Ostende co nome de Carolina), o reinado de Guillerme II de Prusia, o asunto Dreyfuss, a abdicación do tsar de Rusia, a revolución rusa, a Grande Guerra, a Guerra Civil Española, o ascenso do nazismo, a II Guerra Mundial, son acontecementos que Carolina Otero coñeceu, polas súas relación de primeira man, como tamén sabía do que acontecía nos salóns nos que dalgún xeito agromaba o feminismo, ou aqueles por onde andou Proust ou mesmo o poeta  Rilke en París. Mais de nada disto falou, non interesaba a un público das lecturas do corazón. Artista de varietés, cantou unha ópera, a súa vida está ligada ao nacemento do cine e ao ascenso do diñeiro no casino de Montecarlo, onde aínda hoxe é fundamental na súa historia.
Gastou e tirou cos cartos que gañou, dunha maneira ou doutra, alí na ruleta, mais non morreu na miseria como se adoita dicir, e isto é algo que me incomoda... Pensen nunha imaxe, nesa imaxe dunha nena que peta nas portas no século XIX para pedir un anaco de pan que lle mate o ratiño da fame que lle roe no estómago, ela soa.   Agora  pensen na anciá que pasea soa en Niza, pola Promenade des Anglais, recolle unha raiola de sol, na cidade onde hai tanta primavera, cidade na que desexou morrer e mercou unha tumba no cemiterio de leste, fechada a perpetuidade, pensen nesta anciá, soa, que lle bota, o pan que pedía a nena Agustina, ás pombas, o pan que comparte e que xa non ten que pedir. Esta é a súa riqueza, ser dona absoluta da súa vida.
Visitei a tumba de Carolina Otero en Niza, non foi difícil achala, segue sendo unha celebridade, alí unha pequena lousa, sinxela, cun nome: C. Otero. Hai flores de porcelana, e outras frescas, un prato con leite onde bebe un gato, isto seguro que lle gusta. Lévolle unhas azaleas que planto no anaco con terra que ten diante. Un remate humano, case anónimo, da muller que inventou unha personaxe literaria fascinante, e un corpo que so se ollou para o gozo, un corpo que nunca vían enteiro... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario