domingo, 8 de decembro de 2013

65 aniversario do fusilamento de dous líderes maquis


José Gómez Gayoso, secretario do Partido Comunista en Galicia, e Antonio Seoane, xefe da Guerrilla Galega. Chegaron peticións de todo o mundo pedindo a súa liberación.
Por Lois Pérez Leira | Vigo | 05/11/2013 galiciaconfidencial.com

O 6 de novembro de 1948, exactamente ás 7 e 45 minutos, no 'Campo das Ratas' na Coruña eran fusilados dous dos principais dirixentes as guerrillas que aínda combatían contra o Franquismo; eran José Gómez Gayoso, secretario do Partido Comunista en Galicia, e Antonio Seoane, xefe da Guerrilla Galega.
"Viva o partido comunista! Viva a Pasionaria!", foron os seus últimos berros. Gayoso e Seoane eran importantes dirixentes comunistas que chegaran do exterior para reorganizar o Partido Comunista de España. Logo de residir en distintas cidades radicáronse en Galicia. Desde facía algúns anos a Garda Civil estaba detrás deles. As súas heroicas accións deixaban en ridículo á Ditadura. Había que terminar con eles para dar un escarmento a toda a oposición, que aínda vivían clandestinamente en España.
Goñez Gayoso tiña unha longa militancia política, aínda que nacera en Maceda- Ourense, incorporarase ao PCE en Vigo, onde se radicou a súa familia. Foi Secretario do PCE en Galicia durante a segunda republica e durante a contenda militar en defensa da legalidade democrática, ocupo tarefas de moita importancia nos equipos vinculados ao Comité Central do seu partido. Era moi coñecido durante a guerra, polos seus discursos en galego. Cun altoparlante dirixíase aos seus compatriotas que estaban a pelexar ao lado fascista.
Durante a guerra foi nomeado Comisario Político e foi convidado á URSS onde coincidiu con Alfonso Castelao. Cando termino a contenda, despois de pasar polo campo de concentración en Francia, exiliouse en Cuba.
Antonio Seoane
Antonio Seoane, pola súa banda, chegara con 5 anos do seu Boiro natal até Buenos Aires. Alí formou parte da Federación de Sociedades Galegas e foi un dirixente moi importante dos Comités de Axuda á Republica. No transcurso da guerra afiliouse ao PCE.
A Garda Civil, informada da presenza de Seoane na Coruña, prepara a súa detención. O 10 de xullo de 1948 organízanlle unha trampa nun bar da cidade herculina e é detido xunto á súa compañeira sentimental. Nesa operación represiva caen tamén José Gómez Gayoso; Juan Romeu Ramos, obreiro; José Batrina, médico; José Ramos Díaz, xastre; José Rodríguez Campos, obreiro; e catro mulleres, tres delas son: María Blázquez, obreira, á que lle perforaron o estómago dun tiro; Clementina Gallego, que queda case paralítica dunha perna e Carmen Orozco, mestra nacional, en grave estado con lesión cardíaca.
No amañado xuízo que lles fixeron, Gómez Gayoso nun discurso de 18 minutos de forte contido político, valente e dramático, denunciou ao tribunal que os xulgaban e ao réxime franquista.
De todos os detidos soamente Gayoso e Seoane son fusilados. Durante o tempo que estiveron na prision, desde todos os lugares do mundo, chegaron peticións pola vida de ambos os dous loitadores antifranquistas.
"Que sexa un comunista fiel e honrado"
Gayoso nunha carta á súa muller Concha Abad que residía en Cuba, escríbelle sobre o seu fillo 'Pepe':
"Pídoche, suplícocho, que o eduques como eu quixen, para que el sexa un comunista fiel e honrado como o foi o seu pai. Ensínalle o amor ao pobo, aos traballadores, a España, a patria querida pola que o seu pai deu a vida. Edúcao no respecto e o agarimo aos dirixentes do Glorioso Partido Comunista de España, á nosa camarada Pasionaria. Este é o meu último rogo a ti, a compañeira e camarada. Estou seguro, porque te coñezo, polo que hai de honradez política en ti, que o cumprirás".
Na Arxentina a Federación de Sociedades Galegas envioulle unha carta ao Xeneral Perón para que mediase ante o ditador Francisco Franco. Tamén lle chegaron cartas ao Papa para que parase a execución.
A pesares de pasar 65 anos, Gayoso e Seone seguen sen recibir o recoñecemento merecido no Estado.Terá que ser a xustiza Arxentina a que repare a memoria destes dous loitadores antifranquistas e dos milleiros dos seus camaradas asasinados por defender os ideais da Republica e do socialismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario