domingo, 15 de decembro de 2013

Ourense: un século pintándose a si mesma


Marcos Pérez Pena. Praza.com
Ourense sempre pintou moito. A afección á banda deseñada, posta de manifesto nas últimas décadas da man do éxito de iniciativas coma as Xornadas BD, recolle unha tradición que se pode rastrear até os primeiros anos do século XX. Naquel tempo, a intensa actividade cultural da Atenas Galega deixábase ver tamén no traballo de ilustradores como Xulio Prieto Nespereira, Cándido Fernández Mazas e Manuel Méndez, e en revistas como Nós e La Zarpa. Neles céntrase un proxecto de investigación da Universidade de Vigo, coordinado por Marta López e que conta tamén co apoio da Deputación, e que se pode ver nunha web construída para a ocasión.
"O Ourense de comezos do século XX aglutina unha riqueza artística a cotío descoñecida ou esquecida polo público en xeral", destacan os responsables deste proxecto, que subliñan a importancia clave da revista Nós e do xornal de corte agrarista La Zarpa. Nas ilustracións alí publicadas preséntase "un arte propio que conecta coa vangarda e os grandes movementos e artistas europeos, e que conseguiu traspasar as fronteiras do noso país alcanzando o continente hispanoamericano".
O proxecto pretende a elaboración dun exhaustivo catálogo das imaxes contidas nestas publicacións para elaborar unha completa base de datos que poida ser útil tanto na investigación coma na ensinanza, prestando especial dedicación "ás figuras máis intrinsicamente relacionadas coa nosa cidade co obxectivo de dar a coñecer estes importantes e transcendentais persoeiros, destacados ilustradores e uns dos máis grandes gravadores galegos da historia do arte". O obxectivo é "amosar a gran riqueza artística do Ourense de preguerra e establecer as liñas e tendencias artísticas que percorreron a arte ourensá e galega entre a perda colonial e a Guerra Civil española”.
Os ilustradores
Cándido Fernández Mazas. Entrou en contacto con intelectuais e artistas locais aos que foi retratando e en 1922 comezou a colaborar co diario Galicia, facendo ilustracións, e na revista Alfar ata 1923. En 1924 comezou a colaborar con artigos e debuxos en El Pueblo Gallego e en 1925 como linoelista no diario La Zarpa. En 1929 dirixiu a parte artística da revista Gaceta de Galicia. Posteriormente trasládase a Madrid participou nas actividades culturais das Misións Pedagóxicas. O comezo da guerra sorprendeuno no gabinete de prensa de Gobernación en Madrid e en 1937 desprazouse a Valencia. Colaborou na revista El Combatiente Rojo do POUM, e en Umbral. Foi detido polo exército sublevado e liberado pouco despois. En moi mal estado mental e físico volveu a Castro Caldelas, onde abandonou toda actividade plástica e intelectual.
Manuel Méndez Domínguez. Alumno aventaxado de Castelao no Instituto de Pontevedra, é un gran afeccionado o debuxo dende moi cativo. Coñecedor do cubismo e do dadaísmo e influenciado polos expresionistas, foi autor de numerosos debuxos e ilustracións nas publicacións galegas dos anos 20. O seu desexo renovador da arte, a súa visión vanguardista da estética e o seu coñecemento das novas tendencias fan deste artista uns dos maís destacados no camiño cara á modernidade. Manuel Méndez xunto a Cebreiro, Fernández Mazas, Maside, Núnez Carnicer, Sesto, Colmeiro e Luis Seoane conforman o grupo de avanzadilla denominados “Renovadores”. Co estalido da Guerra Civil a sua carreira vese truncada e cae no olvido.
Xulio Prieto Nespereira. Foi gravador, pintor, escultor, conferenciante e académico. Entre as múltiples ocupacións que tivo destacan a de presidente da Asociación Española de Artistas Gravadores. Foi total a atención que lle dedicou á arte do gravado, non só como creador senón como organizador de grandes manifestacións gráficas nacionais e internacionais, á vez que mostrou a súa propia obra polo mundo antes e despois da Guerra Civil. En 1996 creouse a Fundación Xulio Prieto Nespereira en Ourense, á que se vincula o museo dedicado a súa obra diversa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario