martes, 3 de decembro de 2013

O esplendor da prensa obreira galega, cabeceira a cabeceira


Ourense Solidaridad, El Corsario, La Lucha, ATEO. Todos estes son título de publicacións que no seu momento xogaron un papel fundamental na articulación e difusión do movemento obreiro galego, movemento que ata o golpe de estado franquista se caracterizaba polo seu dinamismo e forza. Elas e máis dun centenar de cabeceiras máis son as protagonistas do novo libro de Óscar Freán, A revolución escrita. A prensa obreira galega (1866-1936), que foi presentado este martes na Facultade de Historia do campus de Ourense e está editado en galego por unha empresa gala.
Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/10/2013
A publicación, editada en galego pola editorial francesa Orbis Tertius, foi presentada nun acto que contou coa participación do seu autor; de Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus, e de Alberto Valín, docente do centro. “Para nós supón unha satisfacción especial acoller a presentación dun libro desta entidade feito por un historiador formado na nosa universidade e que na actualidade é profesor titular na Universidade de Franche-Comté, en Francia, doutor europeo en historia e especialista na historia do movemento obreiro galego e do anarquismo”, salientou Beatriz Comendador sobre o seu autor de A revolución escrita.
A obra, destacou Alberto Valín, é relevante porque achega a historia da prensa escrita e publicada polas organizacións obreiras na Galicia contemporánea, dende as orixes do movemento obreiro ata o golpe de estado que levaría a Franco ao poder. Dinamismo e caída “O libro é unha historia da prensa obreira galega que inclúe un catálogo detallado dos xornais coñecidos, uns 119, recollendo aspectos como ano de publicación, tendencia política, localidade de edición, prezo, imprenta e colaboradores habituais. Ademais realiza unha análise do conxunto de publicacións na historia do movemento obreiro e dos seus aspectos culturais”, explicou Óscar Freán sobre o seu volume, segundo recolle Rosa Tedín na web da Universidade de Vigo.
As cabeceiras analizadas, apuntou, caracterizábanse por ter unha periodicidade non diaria, principalmente semanal e quincenal, estando editadas sobre todo nas cidades máis urbanas do momento, como eran A Coruña, Ferrol e Vigo. Entre as máis relevantes, destacou, están títulos como Solidaridad que, publicada en Vigo desde o ano 1899 ata 1936, foi a máis estable de todas. Outros exemplares destacados foron no período analizado El Corsario e Solidaridad Obrera, na Coruña, e no caso de Ourense La Lucha e publicacións relacionadas co ensino como Escuela del Trabajo e ATEO.
Entre as características máis relevantes desta prensa, o historiador recalcou “o seu dinamismo durante todo o período de actividade, mostra do dinamismo do movemento obreiro no seu conxunto”. Ademais, engadiu, sobresae o seu papel propagandístico, fundamental para conseguir a divulgación da ideoloxía obreira, principalmente anarquista e socialista, e a capacidade de amosar unha alternativa política ao sistema capitalista dominante.
 “O movemento obreiro ata 1936 tiña unha capacidade de mobilización moi importante, chegando a realizar tentativas de insubordinación, pero todo cambiou co golpe de estado, que provocou a desaparición destas cabeceiras e do movemento que representaban”, salientou o historiador. Cando a clase obreira se volva a organizar, indicou, será décadas despois e con outras cabeceiras diferentes a estas que viviron o momento de esplendor da loita obreira en Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario